Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Mariano Rajoy contra os traballadores

Mariano Rajoy e outros dirixentes do PP acaban de criticar a manifestación de hoxe organizada pola UGT e CCOO. Considera que estes deberan rirlle as grazas á dereita económica, causante desta crise social, e da que el é un dos seus representantes políticos. Mariano bota en falta aquelas manifestacións nacionalsindicalistas organizadas pola ditadura franquista onde os traballadores vitoreaban as súas cadeas.

Pois si. A crise económica, a pesar do que pretende o Presidente da CEOE necesita visualizar aos seus causantes. Obviamente, á dereita non lles interesa este asunto, xa que eles son os culpables e polo tanto, o que hai que cambiar é o modelo neoliberal que supuxo un retroceso en benestar, dereitos sociais e democracia. O liberalismo económico é enemiga da Democracia, así foi sempre historicamente e segue a selo. O término liberalismo nace para definir á dereita contraria á democracia que pretendían instalar os revolucionarios franceses de 1789.

A virtude da manifestación sindical de hoxe en Madrid é que focaliza nos culpables esta crise: a dereita económica, a dereita política; pero, tamén é certo co Partido Socialista ten que pagar a súa penitencia por mor de non mudar no esencial eses postulados neoliberais, é polo tanto, tamén un serio toque de atención á dereita socialdemócrata neoliberal que segue a tutelar a área económica do Goberno e do propio Partido Socialista.

Máis teño que recoñecer que estou de acordo con Mariano. Hai que cambiar a política económica que levounos á crise. Fronte a idea de supeditar os dereitos, as persoas e o propio Estado de Dereito aos intereses especulativos e insolidarios dunha minoría; hai que abrir espazos para un novo modelo produtivo onde a democracia entre no entramado económico – financeiro, que conte coa decisiva participación da inmensa maioría da poboación, non so por cuestións políticas, senón por simple cuestión de eficiencia económica e de loita contra a fraude e as deslocalizacións.

Parabéns aos sindicatos. Aínda queda moito camiño.

Fuco Buxán e “O Segredo da Frouxeira”

Este xoves o Teatro Jofre de Ferrol estaba ó completo (ver fotos). Non cabía ninguén máis. Era a estrea do documental “O Segredo da Frouxeira”; un proxecto común que desde a Asociación Cultural Fuco Buxán e os amigos da Asociación de Memoria Histórica Democrática e da Fundación 10 de Marzo, tíñamos unhas grandes ganas de ter consumado.

Este documental magnificamente realizado polo amigo Xosé Abad – e acompañado na fotografía por Suso Bello, na montaxe por Sandra G. Rey, na produción por Héctor Diéguez, na música orixinal por Marcelino Galán, a voz solista é Estíbaliz Espinosa e o son foi a cargo de Zen Audio Pro – relata a represión fascista no antigo Concello de Serantes (hoxe integrado no de Ferrol) en 1937 que acabou cos asasinatos do seu alcalde republicano Alejandro Porto Leis e os tres amigos que o ocultaron até que os catro foron “paseados” na Praia da Frouxeira (Valdoviño): Modesto del Río Polo, Jesús Miño Loureiro e Avelino Landeira Maneiros .

Reconstrúe a vida destas persoas boas, e tamén das súas familias. Os fascistas non contentos cos asasinatos, propagaron infamias sobre eles, e conseguiron afastar aos propios familiares uns doutros, sementando dúbidas sobre eles. O documental é unha achega á verdade histórica, pero tamén á reagrupación destas familias que dobremente pagaron a envexa e a barbaridade do franquismo.

A proxección, desde os primeiros minutos, encheron ao auditorio dunha forte carga emocional, e que a duras penas logramos conter a bágoas. A baixeza falanxista, as testemuñas, a confesión – cuxo orixinal atópase no Arquivo Militar de Ferrol – conseguida baixo tortura e asinada coa propia sangue de Porto Leis, o roubo dos bens dos represaliados, as vidas frustradas dos fillos…

Como o documental conta co apoio de diversas Institucións, entre elas a propia TVG, é de esperar que pronto chegará ao público galego. Tamén colaboraron os Concellos de Ferrol e da Coruña e a propia Deputación. Sexa pola tele ou directamente a través do DVD non volo perdades, paga a pena. Os figurantes son membros do grupo ferrolán Bartoleta Teatro e da propia Fuco Buxán.

Non é a primeira vez que Xosé Abad participa nun proxecto con  Fuco Buxán, leva xa moito tempo colaborando coa nosa revista “Razón Socialista”, así como na homenaxe galega a Isaac Díaz Pardo. Grazas Xosé, polo teu compromiso e profesionalidade.

Sarille: entre a novela histórica e a memoria antifranquista

Sarille_foto

Xosé Manuel Sarille estará dentro dunhas horas – este xoves 29 – na Galería Sargadelos de Ferrol. Invitado pola Asociación Cultural Fuco Buxán, vén a presentar a súa novela “Polos fillos dos fillos” (Candeia Editora). O acto celebrarase a partir das 20 horas, previamente, será entrevistado por diversos medios de comunicación da cidade ferrolá.

A novela é unha recreación da represión que os galegos sufrimos nos anos máis escuros da ditadura franquista. E esa etapa de consolidación do réxime nos anos corenta e cincuenta, onde toda esperanza desaparece coa derrota da Segunda República na Guerra Civil española. É tamén a recuperación da historia da súa propia familia, grazas ao cal o autor arma toda a trama da novela; e tamén a historia da represión en Castroverde (Lugo) desde os primeiros momentos do golpe de estado e as ansias de liberdade asasinadas dunha poboación labrega simpatizantes da esquerda, do partido socialista e demais partidos progresistas.

É esta unha historia ben construída, densa e comprometida cunha realidade crúa, pero, que ao mesmo tempo, resulta ser unha novela histórica, pero, tamén de recuperación e de reivindicación da memoria democrática do noso pobo, de recoñecemento ás vítimas do fascismo español.

A vantaxe que teñen os libros é que a cada cal permítese facer a súa propia lectura, pero podo asegurar que vexo nesta novela de Sarille esa prosa incisiva, comprometida a cada parágrafo e completa da mellor literatura de Saramago. Aínda que doutro xeito, por momentos teño a mesma sensación de cando lin o “Ensaio sobre a cegueira” (Editorial Caminho).

Sarille non ten o apoio mediático de moitas das grandes firmas literarias do noso País. Estamos ante unha persoa libre nas súas opinións e iso non gusta ao poder, sexa cal sexa este. De feito, na etapa xustamente anterior na Radio Galega, foi apartado da tertulia nocturna porque era crítico coas formas de facer desde o BNG co – gobernante. E todos somos coñecedores da súa militancia nacionalista e compromiso social.

O que si podo asegurar é a súa calidade literaria, a nivel de calquera dos grandes da literatura galega. Este xoves temos unha ocasión para escoitalo, e tamén, para facernos coa súa novela. Que como di nela: para cambiar o mundo, cómpre ler.

Vémonos alí, na Galería Sargadelos de Ferrol, ás 20 horas.