Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

San Pablo

Este barrio ferrolán amosa como as esquerdas e a dereita entenden os dereitos dos cidadáns. Os socialistas investiron setecentos cincuenta mil euros para substituír a rede de saneamento, así como outro medio millón para construír o actual Centro Cívico e Social. Cal é a atención que o PP do alcalde Rey Varela préstalle a este barrio? Ningún.

Que están a facer co Campo de Tiro? Están á espera dunha nova burbulla inmobiliaria? Que están a facer para poñer a disposición das persoas máis necesitadas as oitenta vivendas sociais baleiras? Nada.

Unha das reclamacións dos veciños é un comedor social contra a crise. Pero, en palabras do concelleiro de facenda, o señor Alejandro Langtry nun pleno municipal, non é prioritario e non hai cartos para isto. Si, para a dereita a xente non é prioritaria. Esta é a diferenza abismal que teñen con respecto á esquerda.

Enlace ao Diario de Ferrol (Letras de Cambio).

Máis PSdeG, máis esquerda, máis galego

Logo-psdegDas eleccións galegas do 21 de outubro debemos extraer as conclusións acertadas que nos permitan rectificar e encamiñar de xeito adecuado a acción política, tanto da esquerda parlamentaria como social, para os vindeiros anos. Quizais por iso debemos salientar o contexto de crise, agudizada nos países do sur europeo, fundamentalmente polas deficiencias dos seus Estados de Benestar e nas súas democracias. Así, como o fracaso da esquerda social, que pese ás grandes mobilizacións cidadáns, non logrou traducir iso nunha maioría de esquerdas no Parlamento galego.

Dende o campo socialdemócrata deberíase repensar aquelo de Rosa Luxemburgo; de que o feito consubstancial ao capitalismo é a súa necesidade de acumulación de capital. E hoxe a globalización triunfante, neoliberal, na súa expansión a costa de todas as formas non capitalistas de produción, camiña cara á sociedade dual final, facéndose entón imposible toda nova expansión e polo tanto, a propia acumulación, xunto cos feroces antagonismos de clase e unha crise social permanente.

Os socialistas basean a súa forza na xestión do crecemento económico e na capacidade para redistribuír a riqueza; na súa capacidade de pór en marcha un pacto social (abolido pola dereita), aparentemente incapaz de entender que debe ser unha forza que combine a acción institucional e a mobilización social, coma verdadeira esquerda transformadora que é.

Ler artigo completo en Praza Pública (pincha aquí)

P.S.:

Publicado no nº 33 da revista Razón Socialista (Fuco Buxán).

Hai unha versión publicada no xornal El Correo Gallego o día 11 (pincha aquí).

Máis PSdeG

A forza dos socialistas está na xestión do crecemento e na redistribución da riqueza; na capacidade de pór en marcha o pacto social (hoxe abolido pola dereita), pero aparentemente, agora non é quen de combinar o peso institucional coa mobilización social, coma esquerda transformadora que é. Así un partido socialista que non entendera que representa unha alianza estratéxica entre a clase traballadora maioritaria -mileurista ou fagocitada polo paro- e os sectores máis democráticos de clase media, evidenciaría a incapacidade para construír un proxecto político hexemónico.

Igualmente, non ser consecuentes co feito nacional galego e o federalismo, xunto coa falta de capacidade de decisión propia con respecto ao PSOE, converte ao PSdeG nunha franquicia, que non atrae aos sectores galegos máis dinámicos. Resulta imprescindible un PSdeG que con bases urbanas e nas comarcas, ofreza un proxecto de esquerdas e nacional, especialmente, cando a dereita está decidida a desmantelar as autonomías.

Estamos na fin do bipartidismo imperfecto e do voto útil. Os socialistas compiten xa con outras forzas, teoricamente situadas a súa esquerda, que teñen como contradición a defensa do estado socialdemócrata de benestar contra a dereita. A derrota tamén vén da loita polas listas, así como por escándalos en algúns concellos, que cuestionan a credibilidade do partido.

Só coa emenda dos erros, coa renuncia á complicidade co neoliberalismo, xunto cunha aposta pola unidade das esquerdas e un proxecto galego que teña ámbito de decisión propio, e a defensa dos intereses das clases populares e da identidade nacional galega, será posible crear os mimbres do PSdeG no medio e longo prazo. É dicir, máis PSdeG, máis esquerda e máis galeguismo.

Hai novas voces para este proxecto socialista enraizado na esquerda e no galeguismo militante. Hai unha oportunidade histórica para superar o marco político e social saído das debilidades da Transición.

Enlace ao xornal El Correo Gallego

Desencaixados

https://i0.wp.com/2.bp.blogspot.com/_7emEBsVyxGg/SbGuemC09OI/AAAAAAAAEOw/3MS0zKlDLhI/s400/magazine_img_826_0.jpg

Hai máis de vintecinco anos elixín Caixa Galicia porque era banca pública, e a pesar dos defectos e interferencias, tiña como eixos de actuación a defensa dun territorio chamado Galicia e dun pobo traballador específico, os galegos.

Daquela xa falábase da xestión privada para dar un “mellor servizo” e garantir a súa “competitividade”. Vimos co paso do tempo como con ese criterio fomos perdendo algo que era patrimonio común noso. Foi a escusa para o pelotazo urbanístico e traspasar activos públicos ao privado. Roubáronnola.

Nas cousas importantes, e que condicionan a vida das persoas, non dá igual a xestión pública ou privada. O capital, a súa xestión e as súas prioridades non son cuestións inocuas. A xestión privada introduce un elemento contra as persoas: a existencia dun lucro que converte os dereitos dos cidadáns en mercancía; hipotecándonos.

Enlace ao Diario de Ferrol (columna Letras de Cambio).