Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Destrutores

O PP está facendo números. Nas masivas mobilizacións do 14N, unha parte dos manifestantes tiñan que ser ex votantes deles, para poder cadrar as contas.

Preocúpalles que a xente empece a entender que ser de dereitas é un lastre, en xeito de recesión, de paro, de privatización da sanidade e do ensino, de desafiuzamentos. Gobernan, non por méritos propios, senón pola incompetencia da esquerda. Botarlle a culpa a Zapatero xa non lles serve, porque son as políticas de Rajoy e Feijóo as que son sufridas.

A deslexitimación da política implica unha gran debilidade de quen goberna. Ademais, como vemos no Concello de Ferrol, a maioría absoluta non é sinónimo de boa xestión, nin de lealdade cos cidadáns. Se as institucións non representan verdadeiramente a soberanía popular, a lexítima rebelión exprésase nas rúas. Contra os destrutores da democracia.

Enlace a Diario de Ferrol (columna “Letras de Cambio“)

Federalismo

O PP sempre acaba provocando tensións territoriais coas nacionalidades. Agora ten a inestimable axuda de CiU. Ambos, desenvolven as mesmas políticas de recortes sociais e necesitan distraer con cuestións menores que o espolio da democracia.

É certo que, no caso da dereita española, hai un intento de desmontar o estado autonómico saído do artigo oitavo da Constitución. Seguen sen entender que España é un estado plurinacional e plurilingüe e da necesidade do federalismo.

Claro que o federalismo é incompatible coa dominación, a xerarquía, é horizontal e implica distribución do poder, coordinación e cooperación. Unha democracia radical. Permítome recomendar dúas lecturas para entender o dereito que os galegos temos a decidir como país:A esforzada conquista da Autonomía, 1979-1981de Ceferino Díaz eA memoria da naciónde Camilo Nogueira.

Enlace a Diario de Ferrol (Columna Letras de Cambio).

Encrucilladas

A nova maioría absoluta reforzada do PP en Galicia deixa á esquerda sen unha alternativa real e con pequenas “vitorias” pírricas. Vía libre á ditadura democrática ao servizo dos mercados. Fronte a isto só unha esquerda social na rúa, incapaz de converter o descontento cidadán nunha maioría progresista suficiente, ante a falta de credibilidade de socialistas e nacionalistas.

O PSdeG está abocado – non a un cambio – senón a unha fonda refundación pola esquerda, que traia outras políticas, outras voces e outros liderados hoxe inexistentes. Xa non ten tempo para seguir xogando, obrigatoriamente debe acertar.

Veremos á UPG capaz de xestionar un BNG que xa non é casa común? Será interesante o devir da Alternativa Galega de Esquerdas. Á marxe da consistencia orgánica de EU, Beiras é o gran referente electoral que eclipsa aos de Yolanda Díaz.

Enlace a Diario de Ferrol

A golpes

Ferrol tivo un mal comezo de campaña, por culpa da incapacidade da dereita en dar a cara e cambiar políticas. A carga policial – contra os traballadores de Navantia e Poligal – así como a detención de Pintos, supón abrir as portas a unha espiral claramente irresponsable.

O alcalde José Manuel Rey Varela e o presidente da Deputación, Diego Calvo – que coa súa saída pola porta traseira provocaron a situación – teñen que se desculpar ante os traballadores e o conxunto da cidade. Eles son os responsables políticos do acontecido, os traballadores as vítimas.

En democracia non é tolerable desenvolver unhas eleccións con publicidade enganosa, enquisas cociñadas por medios afíns e represión. Buscan crear medo e a desmobilización dos cidadáns. Fronte aos golpes con que algúns están empeñados en lembrarnos a longa noite de pedra… Agrupémonos todos!

Publicado no Diario de Ferrol o 9 de outubro de 2012.