Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

2015

O problema da crise reside nas incapacidades das esquerdas, que non son quen de buscar unha saída a esta abafante situación. Todas están presas dun institucionalismo estéril, que pasa por riba dos problemas da xente.

Iso dase porque, sobre todo, hoxe son marcas electorais e os seus militantes máis coñecidos aspiran máis a ser cargos públicos que a transformar, e moito menos a enfrontarse á dereita tecendo unha resposta dende a propia sociedade. Vémolo en Ferrol. A cidadanía está na rúa, pero falta de dirección.

Haberá novo goberno tras as municipais do 2015. Saben as esquerdas que xa non é posible seguir co mesmo modelo de xestión dos últimos trinta anos? A dereita desmantela os servizos municipais, pretende acabar coa autonomía dos Concellos, deixa en mans das entidades da Igrexa a solidariedade (rebaixada a caridade). Como vanlle devolver o poder aos cidadáns?

Enlace web a Diario de Ferrol.

A carta

Os “bolcheviques” do PP diante da SEPI

Dende logo o PP ten capacidade mediática. Douscentos cargos públicos en autobuses a Madrid. Mais, erraron no seu camiño; ían pedir contas polo naval, pero foron xustiño a xunto de aqueles que están postos a dedo. É de supoñer que estes últimos lles aclararían que só son uns mandadiños.

Se fosen a ver a ese ilustre galego que preside o Reino de España, ou cando menos ao ministro do ramo, sería máis creible. Pero, está ben saber que a dereita local, acompañados de Juan Fernández, son o sector bolchevique do PP. Iso si, faltaba o ilustre director xeral da Garda Civil. Aínda así, imaxino a cara de estupor dos policías que tiñan diante.

Pero, que quede tranquilo o alcalde de Ferrol. A súa carta chegoume. Mais, igual resulta que pensa que o Goberno non goberna e que os directivos do naval non foron postos aí pola dereita. Alcalde, vémonos no próximo piquete?

Enlace a @DiarioFerrol

Megasa: apuntes dunha loita inconclusa

A mobilización dos traballadores de Megasa e das súas familias foi unha das loitas máis seguida, con moita atención, pola cidadanía e polos medios de comunicación, en particular. Basicamente, porque foi unha decisión política do PP a que provocou a situación nunha empresa que non estaba en crise e, dende o seu Comité de Empresa, a resposta foi unha loita social que visualizou aos culpables desde o primeiro momento: o Ministerio de Industria, a Xunta de Galicia e as súas políticas de austericidio, que ameazan con levar por diante ao conxunto da industria española.

No caso específico de Megasa, unha das cuestións está na chamada “interrumpibilidade”; mecanismo polo cal os grandes consumidores cedían a súa electricidade en favor do consumo doméstico, nos seus picos de demanda. Aseguraban así o suministro ao conxunto da poboación e como compensación as industrias recibían unhas bonificacións nas súas facturas. Estas agora van a ser reducidas e as esixencias para obtelas son moito máis ríxidas, cuestionando a competitividade e o emprego. O asunto é reducir o coste para o Goberno en 200 millóns de euros, e así axudar a cadrar as contas macroeconómicas de España ante a Comisión Europea.

Isto, ademais, englobado nunha reforma total do sistema estatal de electricidade, que trae para todos un incremento do prezo do recibo da luz. E isto de onde nace? No primeiro mandato de Aznar, o seu ministro Rodrigo Rato acaba privatizando o conxunto desas empresas públicas, deixando o sistema eléctrico en mans de cinco operadores privados. Estes conforman un oligopolio que inmediatamente provocan unha galopante suba dos prezos da electricidades para obter grandes beneficios. Así, e coa pretensión de manter ese nivel de ganancia, a imitación dos bancos, fan investimentos de alto risco, que acaban quebrando. É a burbulla enerxética, que se suma á inmobiliaria e financeira.

Así, agora o PP, pretende darlle unha solución á xestión de Aznar, pasándolle a factura aos cidadáns e ás industrias. Mais, calquera medida que se pretenda pasa por dar resposta a saber que sectores ou/e que tamaño do servizo enerxético ten que quedar nas mans públicas. Só así o Estado poderá regular o mercado eléctrico e garantir un prezo competitivo para os particulares e para a industria española. Pero, isto é un anatema. Viva o Capital!

Os traballadores: a columna central.RS35.Portada

Ninguén esperaba a repercusión da loita social. E quizais haxa que empezar por salientar que grazas á mobilización en defensa dos seus postos de traballo, os traballadores convertéronse na columna central da defensa do proxecto que representa Megasa. Cando a Empresa o 31 de maio comunica ao seu Comité o que estaba a pasar, fanno porque as súas relacións e capacidade de influenza ante o Ministerio e a Consellería de Industria están rotas. A loita dos traballadores e das súas familias provocaron a reapertura das negociacións e ademais, lograron introducir o debate eléctrico no conxunto da siderurxia estatal.

Tamén debemos ter en conta ás mulleres de Megasa; compañeiras, esposas, nais, fillas… que compartiron o protagonismo dunha fábrica que segue a estar maioritariamente formada por varóns.

Así tamén, o apoio recibido polos traballadores do conxunto dos Concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal; a repercusión tanto nos Parlamentos galego e español; así como o apoio decidido do Partido Socialista e tamén, do BNG e AGE; o apoio dos medios, en especial das súas periodistas; sentaron a base da enorme repercusión social acadada.

Mais, esta segue a ser unha loita inconclusa. O novo diseño social ditado polas reformas económicas e eléctricas do Partido Popular trae unha nova reordenación da industria, das relacións laborais e coa pretensión de que sexan en exclusiva a clase traballadora e os sectores máis modestos das medias, os que paguen o desaguisado dos bancos, inmobiliarias e eléctricas. E obviamente, a patronal de Megasa non quere recoñecerlle aos seus traballadores e ás súas familias o esforzo inmenso que fixeron. O importante é o negocio.

Publicada no nº 35 da revista “Razón Socialista”, Segundo Semestre 2013. Editada polo Asociación Fuco Buxán.

Atropellos

A descortesía e os nervios empezan a ser unha constante no PP. O mesmo día que o presidente Feijóo víase con Besteiro, intentaban deteriorar a imaxe do PSdeG sacando da chisteira un incidente que a deputada ferrolá, Beatriz Sestayo, tivo cun vixiante que traballa na empresa da irmá do propio Feijóo; e tamén, alimentando o odio dun converso Carlos Príncipe en contra do alcalde vigués, Abel Caballero.

A dereita dá por perdidas as eleccións nestas dúas cidades. Así, tamén, pretenden atropellar a indignación pola sentenza inxusta do “Prestige”, as mentiras sobre os floteis, o desmantelamento de Navantia para xustificar a súa privatización…

Os tempos son chegados. É hora do cambio, de sacar ao país da crise, de artellar un futuro solidario, contra o reparto inxusto da riqueza, contra os abusos. O PP ten medo da xente e pretende montar un circo sen pan.

Enlace a Diario de Ferrol.