Arquivo por autores: Manuel Cendán
Paco Vázquez
Estes días presentábase na Coruña o partido da dereita liberal do catalán Albert Rivera, o seu “Movimiento Ciudadano”. Realmente, xa antes un dos avogados da Infanta, o señor Roca, intentara algo parecido co seu “Partido Reformista”. No caso que nos ocupa, vén adobado con esencias españolistas de novo cuño.
É dicir, sería máis do mesmo, senón fose pola presenza de Paco Vázquez. Quizais por iso choca a pretendida mensaxe de Ciutadans e da súa sucursal contra a vella política e a partitocracia. O ex embaixador non representa o máis rancio da política española? Onde está a renovación e a nova cultura política que din representar?
Os socialistas débenlle dar as grazas a Paco Vázquez por apoiar a este novo partido. A súa actitude implica, segundo os estatutos do PSdeG, unha baixa fulminante. Adeus, Paco Vázquez. Os socialistas soltan lastre. Volve o PSdeG.
Enlace @DiarioFerrol
Encontro
En Ferrol hai un importante feixe de movementos sociais que ás veces enchen os baleiros -que as propias administracións van deixando- produto dos recortes, e pola falta de resposta axeitada das organizacións tradicionais.
A solidariedade, a pretensión dunha forma diferente de vivir e dun espazo para pensar e actuar; forman estes novos movementos. Máis, necesitan artellar as súas alternativas a ras do chan e levantar instrumentos válidos para a xente, fóra das canles formais actuais. Iso, require ir ensaiando, non ter présa.
Levantar ese alternativa radical-democrática require sumar compromisos e impulsar a desobediencia organizada da cidadanía. Pero, tamén confluír e interactuar coas organizacións políticas e sindicais da esquerda. É dicir, necesitan ir ao encontro dunha vontade colectiva plural, que conforme unha nova cultura que pretenda a hexemonía social.
Enlace web a @DiarioFerrol.
Pobres
Comezamos o ano sabendo que Ferrol ten a taxa de risco de pobreza máis elevadas das grandes cidades galegas. Os nosos ingresos son os máis baixos e preto dun 40% da xente vive só das prestacións sociais e a metade das familias teñen algún tipo de axuda.
Os que teñen unha situación económica normal son, fundamentalmente, os traballadores directos de Navantia e xubilados. A maiores, a cuarta parte da poboación ten máis de 65 anos.
Si, hai varias décadas de derrube da cidade. Pero, tamén, xa vemos cales os efectos da xestión do PP. Estes días, asistimos ao peche xeneralizado das compañías do naval. Máis exclusión e máis xente condenada a marchar.
Este goberno municipal tivo os cartos do Concello inmobilizados para xustificar un “plan de axuste”. Agora, pretende confundir xestión con cemento. Pero, a xente é o importante. Provocar desacougo conduce a Burgos.
Enlace web a @DiarioFerrol
A promesa
Ver como a cidade soñada vai esmorecendo non é a herdanza que deberamos deixar. E se seguimos así, é certo que non vamos ter herdeiros. Pero que non lle boten a culpa só aos castigos que veñen de fóra.
Hai tempo escribín unha columna que levaba como título “A Beleza”. A maioría entendeuna como un comentario xeral, cando en realidade tiña nomes concretos. De feito, facía un percorrido pola situación dos partidos ferroláns e unha crítica a como se exerce o liderado político.
Xogan coas nosas debilidades e son sempre desleais á súa propia xente, que incauta cre en promesas que non son máis que as cadeas que nos impiden alcanzar, “aínda que sexa por un instante, a beleza”.
A única promesa válida é aquela que acompaña aos feitos. A única opción, seguir na loita. Estes non son tempos de raíñas nin reis. Somos república. Todos traballadores, todos iguais.
Enlace web ao @DiarioFerrol