Máis PSdeG

A forza dos socialistas está na xestión do crecemento e na redistribución da riqueza; na capacidade de pór en marcha o pacto social (hoxe abolido pola dereita), pero aparentemente, agora non é quen de combinar o peso institucional coa mobilización social, coma esquerda transformadora que é. Así un partido socialista que non entendera que representa unha alianza estratéxica entre a clase traballadora maioritaria -mileurista ou fagocitada polo paro- e os sectores máis democráticos de clase media, evidenciaría a incapacidade para construír un proxecto político hexemónico.

Igualmente, non ser consecuentes co feito nacional galego e o federalismo, xunto coa falta de capacidade de decisión propia con respecto ao PSOE, converte ao PSdeG nunha franquicia, que non atrae aos sectores galegos máis dinámicos. Resulta imprescindible un PSdeG que con bases urbanas e nas comarcas, ofreza un proxecto de esquerdas e nacional, especialmente, cando a dereita está decidida a desmantelar as autonomías.

Estamos na fin do bipartidismo imperfecto e do voto útil. Os socialistas compiten xa con outras forzas, teoricamente situadas a súa esquerda, que teñen como contradición a defensa do estado socialdemócrata de benestar contra a dereita. A derrota tamén vén da loita polas listas, así como por escándalos en algúns concellos, que cuestionan a credibilidade do partido.

Só coa emenda dos erros, coa renuncia á complicidade co neoliberalismo, xunto cunha aposta pola unidade das esquerdas e un proxecto galego que teña ámbito de decisión propio, e a defensa dos intereses das clases populares e da identidade nacional galega, será posible crear os mimbres do PSdeG no medio e longo prazo. É dicir, máis PSdeG, máis esquerda e máis galeguismo.

Hai novas voces para este proxecto socialista enraizado na esquerda e no galeguismo militante. Hai unha oportunidade histórica para superar o marco político e social saído das debilidades da Transición.

Enlace ao xornal El Correo Gallego

A culpa da crise é do cha-cha-chá

O PP teno claro. A culpa é da insoportable herdanza recibida do Goberno Zapatero. O certo é que a dereita provocouna, mais son os grandes beneficiados. E trae unha fonda crise política e electoral da socialdemocracia, e por extensión das outras forzas de esquerda, incapaces de reconducir os acontecementos alén do lamento.

Debéramos lembrar que a orixe está nunha fonda desregulamentación financeira – que en España implementaron Aznar e Rato coa lei de liberación do chan 6/1998 do 13 de abril – resultando unha enorme concentración da riqueza en poucas mans e un retroceso das rendas dos traballadores e das clases medias, chegando ao colapso actual. É dicir, un dos problemas fundamentais é precisamente a concentración da riqueza, a falta de reparto equitativo e a falta de igualdade. Precisamente, estes tres elementos están na crise ideolóxica que sofre actualmente o Partido Socialista, que aceptou os dogmas dun “libre mercado” que considera a democracia unha “cesión involuntaria” aos traballadores.

Así toda democracia necesita dunha base económica para poder ser viable. Dende a saída da ditadura a levamos construíndoa trinta anos, é iso que pretendemos chamar “Estado de Benestar”. E o noso modelo democrático, tiña como sinais de identidade o acceso gratuíto e universal á sanidade e ensino públicos, un estado autonómico – aquí cuestionado deslealmente por Feijóo – e un amplo abano de dereitos sociais. Pero, entón onde fallamos?

Ler artigo completo.

Ante o XII Congreso do PSdeG

Dicir que os socialistas galegos están na encrucillada no seu próximo congreso é unha obviedade. Todos os congresos o son, mais este ten unha especial importancia pola grave crise social que padece o noso país. Este XII Congreso Nacional enmárcase nun momento de ruptura social onde a dereita fai aflorar a loita de clases de cheo, rachando co pacto produto da Transición española materializada na reforma laboral que pretende retrotraernos ás relacións laborais de 1945.

Ler artigo completo en Praza Pública.

 

Militancia

Felipe González en 1993 dixo que entendera a mensaxe. Non foi así. Nomeou a Solbes Ministro, e pactou con CiU unha política plenamente neoliberal, sen concesións. Déficit cero e Pacto de Estabilidade. En 1996 os votantes socialistas máis á esquerda quedaron na casa. Aznar gobernou co apoio de CiU.

Nunha acción conxunta dos tiburóns financeiros e da dereita europea dobregaron a Zapatero e agora, escríbenlle o plan de axuste. Foron axudados polo sector neoliberal do PSOE, Felipe incluído.

Agora este último reclama militancia pura e dura. Leninismo neoliberal. Aínda que para si, Felipe sempre reclamou a heterodoxia socialista. Quizais, por aquelo que dicía Bensaïd: “A miúdo hai máis fidelidade política na infidelidade crítica”. Eu tamén reclamo a mesma heterodoxia.

O plan de axuste e a reforma laboral coloca ao PSOE onde quere o PP. Estamos abocados a afondar na crise coas medidas que queren os que a provocaron. Necesitamos un xiro á esquerda. Banca pública e nacionalización das empresas enerxéticas, participación dos traballadores na xestión das empresas, loita contra a fraude e por unha progresividade fiscal. Democracia económica.

Peche da Bolsa. As pequenas e medias empresas non se financian así, nin sequera as grandes, que acaban recorrendo á banca tradicional. A Bolsa só serve para especular, espoliar e atacar os dereitos dos cidadáns. Usura depredadora.

Militancia pura e dura, si. Pero, para defender á nosa base social, a democracia e o socialismo.

Enlace a Diario de Ferrol

Tamén aparecerá no número 28 da revista de “Razón Socialista” (a piques de saír do prelo).

Miguel Romero e a reconstrución da esquerda

O 28 de novembro de 2006 tiven a ocasión de compartir mesa – nun acto conxunto entre Fuco Buxán e Acsur – con Miguel Romero. Creo que foi Silvia Chocarro, hoxe na UNESCO, quen doume a primeira pincelada sobre el. Un dirixente histórico da LCR, agora sei que con previo paso polo Felipe.

Tivemos ocasión de compartir varias horas de conversas. Acabamos falando tamén da necesidade de que todas as expresións políticas que estiveron na loita contra o franquismo e na Transición fixeran o seu propio relato da memoria histórica, porque todas elas formaban parte do patrimonio colectivo do conxunto da esquerda. Leo con atención as recentes palabras de Miguel, que hai xa un grupo de xentes que anda preparando materiais sobre o que significou a Liga. A min colleume tarde, pero lembro o impactante que eran os carteis da LCR, creo que debín coller basicamente as campañas do referendo anti-OTAN, onde eu puiden participar como apoderado da Plataforma polo Non nas mesas de votación, chegado ademais aos meus dezaoito anos, en 1986.

Acabo de ler o artigo que publicou en Viento Sur sobre a súa conversa rota co Daniel Bensaïd, recentemente desaparecido. Neste artigo hai moitas reflexións que compartimos; resulta moi interesante a reelaboración política que fan de Gramsci, a reelaboración do Bloque Histórico, do concepto de hexemonía e de que os conflitos de clase seguen a ser o eixo vertebrador dun discurso e dunha praxis de esquerda transformadora, á marxe de que a clase obreira teña que compartir protagonismo cos diferentes movementos sociais.

Seguir lendo