Miguel Romero e a reconstrución da esquerda

O 28 de novembro de 2006 tiven a ocasión de compartir mesa – nun acto conxunto entre Fuco Buxán e Acsur – con Miguel Romero. Creo que foi Silvia Chocarro, hoxe na UNESCO, quen doume a primeira pincelada sobre el. Un dirixente histórico da LCR, agora sei que con previo paso polo Felipe.

Tivemos ocasión de compartir varias horas de conversas. Acabamos falando tamén da necesidade de que todas as expresións políticas que estiveron na loita contra o franquismo e na Transición fixeran o seu propio relato da memoria histórica, porque todas elas formaban parte do patrimonio colectivo do conxunto da esquerda. Leo con atención as recentes palabras de Miguel, que hai xa un grupo de xentes que anda preparando materiais sobre o que significou a Liga. A min colleume tarde, pero lembro o impactante que eran os carteis da LCR, creo que debín coller basicamente as campañas do referendo anti-OTAN, onde eu puiden participar como apoderado da Plataforma polo Non nas mesas de votación, chegado ademais aos meus dezaoito anos, en 1986.

Acabo de ler o artigo que publicou en Viento Sur sobre a súa conversa rota co Daniel Bensaïd, recentemente desaparecido. Neste artigo hai moitas reflexións que compartimos; resulta moi interesante a reelaboración política que fan de Gramsci, a reelaboración do Bloque Histórico, do concepto de hexemonía e de que os conflitos de clase seguen a ser o eixo vertebrador dun discurso e dunha praxis de esquerda transformadora, á marxe de que a clase obreira teña que compartir protagonismo cos diferentes movementos sociais.

Aqueles que me ledes sabedes que bebo tamén nesas fontes. É obvio que disentimos nunha cousa fundamental: a miña militancia socialista. El anda no proxecto de configurar o que denomina unha esquerda “revolucionaria”; en todo caso, ese bloque histórico necesita da confluencia do conxunto das esquerdas políticas, sindicais e sociais, así como da alterglobalización e de que os pobres e inmigrantes participen como actores políticos plenos. É obvio que este é un bloque histórico ideal. Realmente, un sector del, con capacidade de influenza e de condicionar a acción política podería ser o grupo dirixente.

E Miguel levoume a Daniel Bensaïd e Pepe Gutiérrez. Previamente, acabara de ler a “Historia do trotskismo británico (1930 – 1946)” de Ted Grant, editado pola Fundación Federico Engels. E agora acabo de empezar a ler “Las crisis del capitalismo” de Marx en Sequitur coa introdución do propio Bensaïd e as súas notas sobre os límites do keynesianismo.

Trotskismo é un percorrido breve – pero intenso – de Daniel Bensaïd sobre a historia desta corrente socialista tras o asasinato do seu fundador por Ramón Mercader. Das súas diferentes ramas enfrontadas, diverxencias e disputas. O interesante vén de que Bensaïd recoñece aos demais trotskismos e polo tanto, senta as bases dun hipotético recoñecemento mutuo e, polo tanto, dunha hipotética colaboración a partir do tronco común. É importante isto, xa que superados os sectarismos familiares, ábrese a posibilidade de confluencia coas outras esquerdas.

Di Bensaïd que a miúdo hai máis fidelidade na infidelidade crítica. A súa forma de ser coherente na súa práctica teórica e militante é cuestionar o textos sagrados. Trotsky e toda a tradición marxista non están para ser repetidos mecanicamente, senón como un apoio para entender e cambiar a realidade. Xa non hai seguridade no resultado final; a posibilidade da derrota existe, pero isto o debemos asumir precisamente como un reto. Como a vida mesma, e como a morte forma parte indisoluble coa propia vida.

No artigo que me foi encargado desde Fuco Buxán, Ante un primeiro de maio diferente, escribía que Estamos polo tanto, nunha crise de civilización. Outra cousa é que igual que na Idade Media, ou no Antigo Imperio Romano, o Capitalismo vaia esmorecendo lentamente. Por iso, é necesario acumular novas forzas para o cambio desde a esquerda…[]. Iso vén a coincidir de algún xeito con Bensaïd nos séculos de transición ao socialismo.

Creo que outras das peculiaridades, é que se o capitalismo se aínda terá percorrido, o seu eixo obviamente non estará na Europa que puxo a Obama de comisario,nin nos EUA; senón que os seus banqueiros, que son os mesmos que o de España – China – marcarán a pauta. Ditadura militar con capitalismo de Estado. Quizais, por iso a dereita económica é pro-china. Será tamén moi interesante como vaise a desenvolver nos próximos tempos a loita de clases neste país; a súa clase traballadora ten un coñecemento cercenado do marxismo, pero é evidente que toda acción transformadora necesitará do apoio das masas chinesas.

Hai tres consellos recollidos neste libro.

Que as organizacións pequenas teñen que non dividirse, sobre todo por cuestións tácticas. Lémbrame a unha recente conversa cos amigos do xornal “El militante”, que imbuídos de leninismo defendían que era mellor un pequeno grupo homoxéneo. Dicíalles que hai que aprender a pactar as diverxencias, o contrario é negar a creación dunha masa crítica necesaria para o cambio.

O análise prudente da realidade e dos acontecementos. Hai veces que as vangardas van tan por diante, que acaban perdendo ao movemento. Outro dos elementos a reflexionar é a actitude dos propios traballadores ante as organizacións políticas da esquerda. Estes necesitan saber que os seus militantes forman parte da súa propia clase, que viven os mesmos problemas, que teñen as mesmas necesidades e experiencias vitais. Que son a súa propia clase social.

Que non se entenda mal, cando falo con traballadores con experiencia real, consideraban tanto á LCR como aos demais grupos esquerdistas, como xóvenes radicalizados inmaduros. A autocrítica, especialmente sobre o trotskismo da LCR que fai o propio Miguel Romero, vén a recoller esa visión, o obreirismo non deixa de ser un xeito de despotismo ilustrado desde a esquerda.

Persoalmente, creo que as posturas maximalistas esconden normalmente posicións conservadoras, e a veces baixo unha linguaxe aparentemente moderada hai propostas radicais. Ademais, non debemos esquecer que a ortodoxia máis ostentosa prepara, a veces, as capitulacións máis espectaculares. Quizais por iso escapo das declaracións solemnes, de feito, consciente de que son un mal alumno, non se sinto parte de ningunha corrente ideolóxica particular, de aí a miña posición de socialista democrático de raíz marxista e galeguista.

Unha das moitas cousas interesantes neste libro radica na concepción de partido. Plenamente democrático, onde poidan vivir varias culturas pero que teñan un programa de actuación mínimo. De algún xeito, racha cando menos co concepto pexorativo de leninismo. Organización disciplinada e sectaria, obediencia e estrutura militar.

Unha organización como a que Miguel Romero e Esther Vivas están a construír poden resultar moi interesante alén do seu propio círculo na medida que sen sectarismos e imprimindo un novo dinamismo cuestionen o status quo das outras dúas formacións oficiais da esquerda (en Galicia a parte do Partido Socialista e Esquerda Unida, debemos incluír ao BNG). Tamén, necesitarán dunha enorme vontade, non hai que esquecer o papel que ten nos traballadores a forza da tradición. Será moi interesante ver o percorrido de Esquerda Anticapitalista. Creo que aínda non teñen definido a súa postura sobre que facer con IU, eles tamén formaron parte da coalición. O máis salientable está sen dúbida nos seus irmáns maiores: Bloque de Esquerdas (Portugal), Sinistra Crítica (Italia) e o Novo Partido Anticapitalista (Francia).

Interésame tamén unha reflexión sobre a situación actual do sindicalismo, entre outras cousas porque Miguel parte da derrota que supuxo a reconversión industrial. Na conversa mantida sobre a transmisión dos valores dos traballadores coas antropólogas Narotzky e Sabaté, dicíalles que Ferrol fora derrotada dúas veces, a primeira na Transición e despois coa reconversión. Iso explica en boa parte a situación dos sindicatos, pero tamén do conxunta da esquerda.

Esquecemos que as primeiras eleccións as gañou o franquismo, a UCD. Que por moi evolucionados que estiveran, eran o sector intelixente da ditadura. Chócame a reflexión de Miguel Romero sobre a revolución portuguesa e a súa influenza en España e na Transición. Partamos da hipótese dunha renuncia do PSOE e sobre todo do PCE (a obsesión con este último por parte da LCR, realmente non converte a esta nunha forza subalterna?) a usar todas as potencialidades políticas para o cambio de réxime. Se existía condicións obxectivas para ir máis alá desta democracia imperfecta ou burguesa, como é que a LCR non aproveitou a conxuntura; á marxe do fracaso puntual, tiñan que ter logrado unha relevancia similar á LCR francesa, onde en Maio do 68, o PCF fai de freo ás demandas sociais e o trotskismo francés convértese na referencia fundamental do movemento, e de aí vén as súa raíces entre a poboación gala actual.

Un dos temas colaterais está na Memoria Histórica. Se alguén sacou froitos dela, foi precisamente o Partido Socialista. Reconstrúese este nos últimos anos do franquismo, é á marxe do apoio da Internacional Socialista ou de outros, o que lle dá pulo é precisamente formar parte da Memoria viva e da tradición obreira española. O ser un partido centenario, sumado ao efecto que tivo sobre a poboación a represión sistemática da ditadura, fixo que de xeración en xeración se transmitira a fidelidade á organización tradicional como un feito de rebeldía cívica.

Hai unha pregunta que tanto Pepe Gutiérrez como Miguel Romero fanse, por que perdeuse a Guerra Civil española? Por non ter transformado esta nunha guerra revolucionaria, máis do que foi? Pola suposta influenza da URSS? Polo estalinismo do PCE?

Primeiro, o feito determinante foi o apoio das potencias occidentais ao fascismo español. Temían máis á república democrática, e en todo caso, sempre xogaron a usar ao fascismo europeo como forza de choque contra os traballadores.

Nesa época o prestixio da Revolución Rusa tiña influenza no conxunto das forzas de esquerda. Non esquezamos que Largo Caballero era aculmado o Lenin español. Hai tamén que salientar que prodúcese procesos de fusión revolucionaria, onde se invita ao propio POUM -que rechaza- que dará lugar a segunda organización xuvenil máis importante da Historia, a JSU. E tanto Largo Caballero, como Indalecio Prieto, ao longo da Guerra Civil, non só apoian a fusión dos xóvenes socialistas cos xóvenes comunistas, senón que levan a avogar pola fusión PSOE – PCE.

O problema de reducir ao PCE á etiqueta de “estalinista” é que ten efectos colaterais. Se esa é a resposta, dende o PSOE nada teñen que analizar.

Pero por que o PCE logrou semellante prestixio? Por que non aproveitou o baleiro de poder coa renuncia de Largo Caballero nun golpe de estado, que probablemente apoiaría unha boa parte da poboación, cansa dos titubeos das forzas republicanas? Por que a maioría das JSU pasaron ás filas do PCE, sendo ademais estes a base da loita antifranquista non anos máis escuros da ditadura? A Guerra Civil, a pesar das dificultades obvias, supuxo a incorporación dunha nova xeración ás súas filas, até chegar á democracia. Hai que lembrar que o PSOE deixa de funcionar unha vez que Prieto manda disolver – nos anos coarenta – as guerrillas socialistas.

Se por algo se caracterizaba o PCE era pola súa independencia. Incluso con Dolores Ibarruri en Moscova, a súa dirección dirixía aos seus militantes en España dende París. O PC de Galicia foi fundado en 1967 na capital francesa.

Quizais, o erro está en non decatarse que a propia Segunda República era de seu, a propia Revolución Española. Outra revolución contra O Capital.

Como un partido estalinista pode acabar sendo catalogado como O Partido? O PCE sempre foi un partido con correntes internas. Na crise que leva a finais dos oitenta á súa ruptura, este estaba dividido entre os socialdemócratas encabezados por Nicolás Sartorius, o sector eurocomunista con Santiago Carrillo e os prosoviéticos (ou marxistas-leninistas) con Ignacio Gallego (que fora un antigo dirixente das xuventudes socialistas). O pacto entre socialdemócratas e prosoviéticos acabará expulsando a Carrillo, vinte membros do seu Comité Central e organizacións enteiras. Deste pacto nacerá aquelo que se chamaba a converxencia, e que acabou dando un novo proxecto esencialmente socialdemócrata, trufado con elementos radicais-democráticos e ácratas: Izquierda Unida. Nicolás Sartorius é o seu pai ideolóxico.

Sinceramente deséxolles aos compañeiros de Esquerda Unida éxito no seu proceso de refundación. Aínda que só foxe porque hai un amplo abano á esquerda do partido socialista, necesarios polo tanto, para o cambio social.

Unha das eivas da nosa esquerda vén dada da debilidade histórica do marxismo español. Historicamente, vai ser a dirección do PSOE aos cinco anos da súa fundación, primeiro no xornal “El Socialista” e despois como folleto para os seus afiliados quen publicará o Manifesto Comunista de Marx e Engels, definíndose como marxistas todos os seus líderes até a consolidación de Felipe González como secretario xeral.

Son consciente que no crecemento, na competencia, nas refundacións das diversas esquerdas situadas á esquerda do partido socialista, será esta tamén un vía para o crecemento e cristalización dunha esquerda socialista anti ou postcapitalista dentro do meu propio partido. De aí a miña intromisión -supoño que innecesaria, tosca e impertinente – nun debate que moitos deben considerar alleo a un militante socialista.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.