O PP teno claro. A culpa é da insoportable herdanza recibida do Goberno Zapatero. O certo é que a dereita provocouna, mais son os grandes beneficiados. E trae unha fonda crise política e electoral da socialdemocracia, e por extensión das outras forzas de esquerda, incapaces de reconducir os acontecementos alén do lamento.
Debéramos lembrar que a orixe está nunha fonda desregulamentación financeira – que en España implementaron Aznar e Rato coa lei de liberación do chan 6/1998 do 13 de abril – resultando unha enorme concentración da riqueza en poucas mans e un retroceso das rendas dos traballadores e das clases medias, chegando ao colapso actual. É dicir, un dos problemas fundamentais é precisamente a concentración da riqueza, a falta de reparto equitativo e a falta de igualdade. Precisamente, estes tres elementos están na crise ideolóxica que sofre actualmente o Partido Socialista, que aceptou os dogmas dun “libre mercado” que considera a democracia unha “cesión involuntaria” aos traballadores.
Así toda democracia necesita dunha base económica para poder ser viable. Dende a saída da ditadura a levamos construíndoa trinta anos, é iso que pretendemos chamar “Estado de Benestar”. E o noso modelo democrático, tiña como sinais de identidade o acceso gratuíto e universal á sanidade e ensino públicos, un estado autonómico – aquí cuestionado deslealmente por Feijóo – e un amplo abano de dereitos sociais. Pero, entón onde fallamos?