O pinchazo

O peor que se pode ter en política é sufrir o síndrome do power point. Unha enfermidade de tipo compulsiva que obriga a que cada día presentes unha nova con que abordar (de abordaxe) os medios de comunicación, neste caso locais. É imposible ocupar cada día, así até cen, con novas os mass media, e máis se antes hai outras eleccións como as xerais.

Por iso, sabíamos que a campaña da municipais da dereita ferrolá ía abocada a un enorme pinchazo, e así acaba de producirse, e tal como pasa nestes tempos modernos, por culpa dun simple “post” nas redes sociais. Esta vez grazas á concelleira de urbanismo, María Fernández Lemos. Unha simple relación dos proxectos propios -incluso da etapa do alcalde Vicente Irisarri- “copiados”, deixan fóra de xogo á dereita.

E aínda quedan oitenta días para posibles novas sorpresas. Son os tempos dos “fake news” do Casado de quenda, guillotinados polas hemerotecas.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/o-pinchazo/20190306221504250662.html

Nin compensación é

Si, para moita xente moza de Narón vir hai trinta anos a Ferrol foi unha aposta pola liberdade, con acceso ao que facía mellor a vida e onde -supoñíamos- resólvense as cousas do día ao día. Co tempo aprendimos que iso non era así, que en Ferrol hai debates que non damos pechado. Esto vén a conto polo “breve” publicado, onte neste xornal, cunha foto de Daniel Alexandre.

Están a tapar os furados do aparcadoiro do Sánchez Aguilera, quizais como unha especie de compensación á cidadanía. Levamos décadas a voltas co convenio con Defensa, esta parcela é clave para a nova anatomía de Ferrol. Urbanización dun espazo central que comunica os ensanches e Santa Mariña co centro. O “futuro” retranqueo de Renfe e Feve, a Estación de Autobuses. É preferible un mal acordo a seguir a pasar, imprescindible o consenso político local. Un erro xogar a electoralismo de curto voo indo ao Congreso por libre.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/nin-compensacion-e/20181219211957243812.html

Nadal ou maio?

É certo que Ferrol xa está coa decoración adecuada e este frío repentino parece querer reforzar a idea de que estamos en nadal. Pero non é por causa do cambio climático, senón a temperatura política o que despista. Todo está en función da carreira á alcaldía de maio, todo ten ese envoltorio.

Dous exemplos: que sentido ten a polémica da apertura dos festivos, senón un intento de recuperar crédito entre a esquerda desafecta, usando como pim-pam-pum a un sector de comerciantes que ten poucos defensores neste segmento electoral? Ou que sentido ten que a Xunta anuncie unha intervención na rehabilitación de Ferrol Vello -co candidato do PP local- sen a presenza do resto da corporación e menos sen a concelleira de urbanismo, vulnerando normas básicas de protocolo?

Mais este tipo de propaganda é triturada no día polas redes sociais, vella política contraprogramada pola “acción directa” dun clic.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/nadal-ou-maio/20181212195656243367.html

A oportunidade

É posible abrir portas e ventás a un pacto por Ferrol, sentar as bases da cidade ecolóxica que queremos para este século, construír a nosa forma de estar e entender este mundo globalizado. Apartar o oportunismo e a mediocridade dos que veñen a vivir do conto e as prácticas machistas das herdeiras da sección feminina, que odian ás verdadeiras feministas igualitarias.

A oportunidade vén, outra vez, da man das e dos socialistas, que este último domingo miraron cara ao seu espello. Decidiron pasar páxina, entenderon que non valen nin os xestos nin a palabraría baleiros, que non vale a mala política. É posible un novo programa socialista, saldar as contas pendentes e traballar por un Ferrol con futuro.

É posible unha ecoloxía feminista aplicada a un municipalismo libertador. O resultado das primarias do socialismo local permite que, en Ferrol, a cidadanía poida dicir aquelo de Obama: yes, we can!

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/a-oportunidade/20181121225120242001.html

A enquisa do CIS

Para unha vez que quérenme facer unha enquisa do CIS quedei coas ganas. A entrevistadora buscaba un elector varón duns vinte e cinco anos, e hai tempo que ese perfil quedoume un chisquiño, pero só un chisquiño lonxe. Quedei coas ganas de saber cómo lle fóra o día e a cantas persoas visitara, cómo se distribuía a xente por idades e sexos, cómo ían os desencontros das e dos ferroláns cos seus partidos de referencia.

Porque estarán conformes comigo que, tal e cómo se anuncian, as próximas municipais de maio de 2019 van a estar moi concorridas. Non che sei se haberá papel para tanta candidatura. A saber, pola dereita: PP, Cidadáns, Coalición de Centro Democrático, Vox, Jubilados e Sentimento Ferrolán. Pola esquerda: Partido Socialista, FeC, Compromiso, Actúa, Marea de Ferrol e BNG. Seguro que me queda algunha sigla polo camiño. Eso si, maioría absoluta eu non a vexo por ningures.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/a-enquisa-do-cis/20181011001331239178.html