E quen paga?

Unha das consecuencias do camiño a esas municipais de 2019 tan incertas é a dura competencia entre as dereitas, que se radicalizan por momentos para así liderar o voto na Magdalena, usando como escusa a remodelación da praza de Armas. Ocultan que goberne quen goberne non vai a haber novo aparcadoiro, é inviable. De onde ían sacar elas os seis millóns de euros que os técnicos apuntan como custe previsible?

Un novo aparcadoiro só poderíase financiar cunha concesión e levantando unha área comercial en Armas, competidora -polo tanto- co comercio e a hostalería da Magdalena. Pero, non hai interesados. Mais, cando no centro hai entre o Cantón, Abastos e Praza de España 1220 prazas de aparcadoiro usadas a medio gas. Outra opción sería que fose financiado a costa de outros investimentos. Está a dereita disposta a detraer recursos dos demais barrios de Ferrol para financiar este capricho?

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/e-quen-paga/20180726000053232365.html

O Purgatorio

Poña vostede unha enquisa electoral e terá ás e aos políticos ferroláns purgando as súas culpas pasadas, presentes e futuras. Agora ben, pouca xente utiliza os datos demoscópicos para facer autocrítica. É evidente que a Rey Varela vaille ben porque aínda non acusa o problema da súa propia marca política, e que para Ferrol en Común o pacto da oposición, quedándose as dedicacións exclusivas do grupo de goberno, resultou ser un gran favor cun alto rédito político.

Veremos como resulta iso de marchar, pero non marchar e andar buscando a un terceiro que sexa dócil. Esas cousas sempre saen mal. Se marchas, marchas. Tamén veremos esas “novas” opcións, á dereita e á esquerda, o que suman ou restan, porque por poucos votos poden cambiar unha maioría de goberno. E para que non nos ataque o aburrimento, aí a sentenza xudicial do saneamento deste días… todos sabían, pero ninguén dixo nada cando tocaba.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/mocion-censura-razons-tacticas/20180531004341227366.html

Temos orzamentos

O sentido común volve ás formacións da esquerda ferrolá. A cidade contará cun novo orzamento, condición primeira para saír da situación actual de parálise administrativa. Si, non foron quen de poñerse de acordo en tres anos, e acadaron o acordo máis importante de todo o mandato municipal nuns poucos días. Son moito mellor uns supostos malos orzamentos, que non telos pola incapacidade de non antepoñer os intereses de Ferrol.

O outro asunto, pero que tamén ten a súa importancia, aínda que tapado pola aprobación das contas municipais, foi a sentenza xudicial que anula o reparto das dedicacións exclusivas, entre o PP e o populismo autoritario local. A mensaxe é clara: as retribucións económicas veñen dadas da responsabilidade na xestión municipal, non dun reparto caprichoso.

Quedan abertas as municipais do 2019. Espérase autocrítica, responsabilidade e renovación fonda nas listas da esquerda.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/temos-orzamentos/20180516232625226019.html

Así non

A semana pasada a concelleira de Urbanismo e o alcalde de Ferrol manifestaban a súa alegría -tras pasar o trámite ante Patrimonio da reforma de Armas- e máis, pola sintonía plena coa técnica da Xunta. Pero, nisto saía a voceira do PP local a dicir que había problemas e así foi na resposta oficial. A Xunta vincula a reforma á tutela por parte da súa área de Urbanismo, cando non hai obriga legal de manter o aparcadoiro subterráneo.

Coñecíamos a decisión do Consello de Ministros declarando o Arsenal e outros bens (con case catro millóns de m2) zona de interese nacional, sen contar coas necesidades de Ferrol no seu desenvolvemento. Aquí o importante non é a defensa nacional, senón facer caixa a costa da cidadanía.

Algo terá que dicir o señor Conselleiro e candidato “in pectore” sobre estes “contratempos”? Porque, así non. Ferrol importa, temos dereito á cidade e a que creza gañando o futuro.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/asi-non/20180503011136224748.html

Isto non vai

O tempo vaise acelerar, nun ano teremos eleccións municipais. Parece que Ferrol vai seguir na mesma senda de estes últimos anos. Onte víamos neste xornal, como por falta de xestión, están sen gastar quince millóns de euros, nunha cidade falta de cousas tan elementais como tapar fochas, rehabilitar vivendas sociais ou atender a familias en situación de risco social. E haberá desculpas para todos os gustos, pero para a cidadanía iso xa non vale.

Si, dirán que o culpable é o alcalde. Evidentemente, para iso é a primeira autoridade, pero haberá quen diga que hai bloqueo municipal e que as dedicacións exclusivas quedaron repartidas por un pacto contra natura coa dereita local. O certo, é que isto non vai. Que estamos ante a última oportunidade para a esquerda de limpar a súa mala imaxe, queda menos dun ano e esta fíxolle gratis o discurso a unha dereita que só ten que poñelos fronte ao espello.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/isto-non-vai/20180419001801223250.html