Un pacto por Ferrol

O debate sobre o proxecto de orzamentos do Estado, para o 2023 en Ferrol, ante a inminencia das próximas municipais de maio, está a resultar unha posta en escena por parte da oposición máis que previsible.

Pero, as cifras son as cifras. A proposta de orzamentos xerais de Pedro Sánchez (sen incluír as partidas para Navantia) é cinco veces superior aos de Rajoy. A maiores o Ministerio de Fomento é hoxe o principal inversor urbanístico na cidade, como mostra a remodelación das Pías.

Que dicir do líder local da dereita atrapado, polo seu medo a perder votos en favor de Vox, se sae do mantra ese de “que malos son os socialistas”. O que xa é de nota, é a acusación do Podemos estatal polo incremento do gasto militar ao PSOE, cando a principal beneficiaria é Navantia. No BNG, cun único deputado, pretenden xogar a facer oposición ao PSOE en Madrid, a pesar da perigosa alianza de Feijoo con Abascal e os seus ultras.

Evidentemente, Ferrol necesita máis investimento. Pero, somos consciente de ter unha cidade de só 60.000 habitantes? Un goberno local socialista en minoría, fagocitado pola suma nos plenos da “gran coalición” tripartita? Non sería moito mellor para a cidadanía un gran pacto por Ferrol? Un cre que si.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/pacto-ferrol-3932107

E ti de quen vés sendo?

A cidadanía -cando lle falan de cartos públicos- pregunta aquelo de “e ti de quen vés sendo?”. Hai tres días tíñamos uns orzamentos impostos a Sánchez por Podemos, e agora xa non? Son ou non uns orzamentos sociais?

E se unha cousa aprendimos estes anos, é que o PP engordaba tanto as contas de Rajoy que, finalmente, a realidade era o corenta por cento. Así as contas socialistas e como todo mellorables, pero sen maquillaxe, de Sánchez para Galicia son dun trinta por cento máis. Non inclúen, nesta suma, nin a avultada cifra a cargo das F-110, nin o gasto social a prol das e dos galegos.

No eido comarcal, parece que debemos destacar o previsto para Feve, e polo tanto, felicitar ás alcaldías rurais de Ferrolterra e Ortegal. Foron teimudos e unidos por riba das súas ideoloxías. A nivel local faltan moitas cousas, pero cantos acordos impulsaron xuntos os grupos municipais? Reforzaron o liderado de Ferrol?

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/e-ti-de-quen-ves-sendo/20190116194925245372.html

Fragatas F110

Onte víamos ao ministro Montoro fachendoso na presentación do proxecto de Orzamentos. Unha das partidas que máis crece é a dedicada á defensa nacional, cuestión que para Ferrol implica abrir unha nova etapa, como é a do inicio da construción do novo modelo de fragata F110 e que vai beneficiar -directamente- a ocupación de Navantia. Foi esta unha demanda dos traballadores e unha reclamación da Armada, necesitada dunha renovación da súa flota.

O curioso é que saímos beneficiados do molestos que están na OTAN, co éxito de Rusia na guerra de Siria contra o Daesh, e que reclama unha suba do gasto militar aos países membros. Fronte a isto, non hai nada reseñable para Feve, as Pías, o tren Ferrol Coruña ou nada que implemente o noso porto exterior. Os impostos van a cargo dos traballadores, parados e clases medias. Ah, a Garda Civil é convertida por Montoro en axudante do shériff de Nottinghan.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/fragatas-f110/20180404222656221668.html