Cores para Recimil

Sei que estou a cometer unha imprudencia, recoñecendo a miña ousadía ao opinar de cuestións urbanísticas, pero neste noso Ferrol, xa saben que o máis pintado é capitán.

Non podo deixar pasar, agora que están na rehabilitación integral dos dous bloques de Recimil, o que finalmente volverá a ser o seu aspecto exterior. Son dos que aínda cre que a intervención, da etapa do alcalde Irisarri, con múltiples cores (granate, laranxa, verde e ocre alternados e combinados co branco) dáballe unha necesaria alegría a este céntrico barrio.

Foi unha denuncia do PP local ante a Dirección Xeral de Patrimonio, da súa Xunta de Galicia, a que obrigou a volver ao beixe orixinal dos anos corenta. Descoñezo as razóns técnicas. Sempre dubidei se era unha cuestión patrimonial ou de aporofobia. Pero, non me fagan caso. Eu son ninguén. Aquí, o primeiro, é rehabilitar e darlle unha nova vida ás vivendas en favor da veciñanza.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/cores-para-recimil/20190821224635263111.html

Xestión

Os primeiros meses despois dunhas municipais son moi duros para calquera novo goberno. Hai cousas que necesitan ser resoltas inmediatamente, como as festas da cidade, así como garantir que os distintos servizos e dependencias do Concello de Ferrol funcionan adecuadamente. Unha verdadeira carreira de obstáculos, e sorte se non atopas nada inesperado no fondo dun caixón.

Vemos, e este xornal así vaino recolléndoo, a determinación do novo goberno de Ángel Mato de abordar, con urxencia, todas as cuestións que afectan á cidadanía. Moitos son os asuntos que están sendo abordados e de diversa índole e importancia.

Por citar algúns: hai un seguimento exhaustivo das obras da nova praza de Armas, e así tamén, desa primeira fase do mercado de Caranza – temas ben amarrados por María Lemos no mandato anterior – ou que xa pasa ao pleno o documento económico – financeiro, antesala duns novos orzamentos municipais.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/xestion/20190815000239262732.html

Palabras

Estarán de acordo que, a pesar deste tempo que non é unha cousa nin a contraria, non estamos para debates de altos voos. Que á maioría o que lle apetece é sentar nunha das moitas terrazas que ten neste mes Ferrol, e se ten que caer un chisco de auga que caia.

Pero, si é certo que hai moito misticismo arredor das palabras. De aí que, os máis inocuos parágrafos, poidan servir de escusa para un “incendio dialéctico”. Desde que existen as “redes sociais”, hai quen debe considerar que fronte á dureza da militancia é moito mellor “impoñer o relato”.

Así é capaz de descualificar ao articulista máis parco, insultar ao alcalde ou raiar coa difamación en contra da primeira concelleira da que – simplemente – aprendeu o seu nome. Vese que aquí o importante é o “relato”, aquela surrealista conversa entre Manquiña e María de Medeiros en “Airbag”: “o concepto é o concepto”. O demais, para el, é instrumental.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/palabras/20190807204304262303.html

Habemus festas

Non sei se é un desexo ou unha apreciación persoal real, creo que Ferrol está moito máis vivo este verán. Hai necesidade de darlle unha oportunidade á vida. Mais, hai un sector de xentes que parecen gustosos da autoflaxelación.

Había quen dicía que este ano íamos quedar sen festas, ou que ían ter unha dimensión tan cativa que para qué… Erraron. Aproveitemos para facer das nosas rúas, prazas, praias ou de calquer recuncho unha reivindicación do orgullo de ser ferrolá e ferrolán.

Aproveitemos todo o que vén engadido, desde a feira medieval desta fin de semana ás festas parroquiais da Graña (que sei que saen con moito esforzo persoal). Botémonos a reivindicar que hai un Ferrol en positivo, que gusta do ocio e da música.

Que se nos teñen que contaminar que non sexa “polo fume que asfixia o aire”. Fagamos “as paces nun pispás” para así non emigrar “a unha illa do Caribe” porque aquí “a choiva é arte”.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/habemus-festas/20190801001225261775.html

Ferrol central

A curiosidade fixo que escoitara, parte das intervencións deste luns do Congreso, para a reelección de Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España.

Para Ferrol ten unha especial importancia porque están en xogo os orzamentos das F110 e outras infraestruturas, pero tamén por cuestións que vanse abrindo camiño a poucos, como é a calidade do aire que respiramos e a necesidade de sacar do casco urbano os vehículos.

Refírome a esa pasaxe do discurso de Sánchez, no que anuncia unha lei para obrigar aos concellos de máis de 50.000 habitantes (Ferrol supera esa cifra) a asegurar un aire limpo para respirar, a colación da súa defensa do Madrid Central.

Días atrás saía o estudio de Ecoloxistas en Acción “La calidad del aire en el Estado Español 2018”, cun apartado para Ferrol con deberes e esixencias específicas. Onte, Europa levantaba a moratoria e anunciaba sancións contra España polos incumprimentos.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ferrol-central/20190724224732261271.html