Cores para Recimil

Sei que estou a cometer unha imprudencia, recoñecendo a miña ousadía ao opinar de cuestións urbanísticas, pero neste noso Ferrol, xa saben que o máis pintado é capitán.

Non podo deixar pasar, agora que están na rehabilitación integral dos dous bloques de Recimil, o que finalmente volverá a ser o seu aspecto exterior. Son dos que aínda cre que a intervención, da etapa do alcalde Irisarri, con múltiples cores (granate, laranxa, verde e ocre alternados e combinados co branco) dáballe unha necesaria alegría a este céntrico barrio.

Foi unha denuncia do PP local ante a Dirección Xeral de Patrimonio, da súa Xunta de Galicia, a que obrigou a volver ao beixe orixinal dos anos corenta. Descoñezo as razóns técnicas. Sempre dubidei se era unha cuestión patrimonial ou de aporofobia. Pero, non me fagan caso. Eu son ninguén. Aquí, o primeiro, é rehabilitar e darlle unha nova vida ás vivendas en favor da veciñanza.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/cores-para-recimil/20190821224635263111.html

Reviravoltas

Acaba de celebrarse o 12 Congreso Nacional do PSdeG en Compostela. De Ferrol foron, finalmente, as dúas listas que superaron a barreira do 20% dos votos na súa última asemblea local. Evidentemente, isto implica un déficit democrático ao non reflectir exactamente o que votan os militantes.

Sestayo, co 61%, chegou a Santiago coa idea de apoiar á ex-ministra Elena Espinosa, despois de moitas voltas e reviravoltas; e a lista afín a Vicente Irisarri, co 23%, decidiron dende un primeiro momento apostar pola continuidade de Pachi Vázquez. Cales foron os resultados prácticos para o socialismo ferrolán? Rupturas na súa executiva local, que lle permite a Rafael Beceiro entrar como vogal na executiva galega, fronte o veto recibido por Beatriz Sestayo que so no último intre logra manterse -a duras penas- no Comité Federal do PSOE. A lista de Irisarri tampouco logra o apoio esperado de Pachi Vázquez para a executiva galega.

O socialismo ferrolán segue instalado na crise. Ao retroceso electoral de maio de 2011, súmase a falta de influenza real na estrutura do partido socialista en Galicia. Ademais, os cidadáns non entenden o que pasa cunha executiva e grupo municipal que non están á altura da defensa efectiva da xestión da anterior Corporación, á espera do desenlace do “caso Albanese”. Faltan un proxecto socialista para Ferrol e comarca, liderazgo real, cohesión interna e credibilidade social.

Ver artigo no Diario de Ferrol.

Socialistas?

Rey Varela será alcalde grazas á desafección dos electores de esquerdas ás listas progresistas. Entrementres, a determinados membros da executiva socialista ferrolá faltoulles tempo para aparecer nos xornais, transmitindo que son as ambicións dalgúns para “apañar cacho” o único que queda da derrota. Evidentemente, somentes filtran aquilo que lles interesa; e non que este pasado xoves Rosa Méndez presentou a súa dimisión como membro de dita executiva.

Quizais, sexa porque Rosa lles está chamando novamente á orde: que non todo vale en política, que o persoal non está por diante do colectivo. Quizais sexa tamén porque ela encabezou o “votemos non” á lista imposta na última asemblea de afiliados. E quizais, porque sabíamos que, se ben a xestión da crise ía condicionar os resultados electorais, só dende unha campaña municipalista e presentando unha candidatura crible ante os cidadáns, Ferrol podía seguir sendo socialista. Como contrapunto, aí están os resultados de Ares, As Pontes ou Vigo.

É posible tamén que as voces irresponsables que velozmente filtran o que lles interesa, instrumentalizando á prensa en beneficio propio, non desexen que os afiliados socialistas que están na súa casa tomen nota. Non vaia ser que decidan tamén chamar á orde á maioría desa executiva, e asistan masivamente ás asembleas a expresar a súa indignación.

Que hai de socialista no ruído? Onde está o proxecto de cidade ou a vía democrática ao socialismo?

Ver artigo no Diario de Ferrol.

Consenso

Os partidos, especialmente se gobernan, son estruturas moi complexas. Iso fai que nas cousas esenciais, como na formación das candidaturas, non valga simplemente cunha maioría mecánica; sobre todo se esta non é produto dun proxecto político cohesionado ou dunha visión compartida de cidade.

As candidaturas non son uns caiucos con indocumentados á procura do seu El Dorado particular. E a política non é un singular xogo da oca, no que un pode ir alegremente de cadeira en cadeira. Pola contra, o compromiso cos electores e coa cidade son os eixos de todo programa político que pretenda ser hexemónico, e ademais transformador.

De aí que a palabra necesaria sexa a de consenso. Produto do acordo co candidato á alcaldía e desa necesidade de aglutinar ao conxunto do partido. Isto non só porque o digan os Estatutos, senón porque é de sentido común. Esa é a tradición democrática, esa é a tradición socialista; así como unha necesidade imperiosa para unha cidade como Ferrol.

A Agrupación Socialista de Ferrol ten a posibilidade real de ser o eixo dun novo Goberno de Progreso nas eleccións do 22 de maio. De revalidar a súa boa xestión deste catro anos.

Ninguén, por moito que pareza emular a Sarah Pallin – e que debera analizar as causas dese fortísimo deterioro da súa imaxe pública – ten dereito a converter a este partido nun lugar inhabitable para os seus militantes, nin moito menos, insufrible para os seus votantes. O camiño da esquerda é claro: consenso.

Ver artigo no Diario de Ferrol.

Esquerdas Ferrolás

Neste exercicio Ferrol terá Orzamentos grazas ao acordo do Partido Socialista coa Esquerda Unida de Iolanda Díaz. Resaltar como sinais de identidade dos mesmos os destinados á participación directa dos cidadáns que pasan a tres millóns de euros, así como a suba na zona rural, obras e máis dun vinte e catro por cento no gasto destinado aos servizos sociais e muller, que fixeron posible a aprobación dos mesmos.

Quizais, un bota en falta unha vida municipal cunha maior capacidade de interlocución entre as forzas políticas do Concello, especialmente entre os tres da esquerda (PSdeG, EU e BNG)…

Ler artigo completo.