Ortografía

Nunca pensaron que a ortografía ía coller tanta relevancia, verdade? É unha das cousas que trae a pandemia, máis cando moitas das relacións interpersoais estanse a dar a través das redes sociais, do WhatsApp, do Messenger e outras aplicacións. A falta do tradicional achegamento a través dos locais de ocio, agora ter a capacidade de escribir axeitadamente é necesario para causar unha boa impresión, á marxe de puntuais erros.

Claro que manter unha conversa escrita obriga a espir a alma. Así que recomendo tamén achegarse ás librerías e se me apuran, quizais para o que moitos están a pensar, viríalles mellor por exemplo Benedetti (“El amor, las mujeres y la vida”), e de aí a ter a sorte de poder pasar un fin de semana nun dos hoteis de Ferrol que si manteñen a súa actividade – grazas a esa necesidade da vida de buscar sempre unha alternativa – xa depende das capacidades das persoas de seducirse mutuamente.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ortografia/20201201224807292609.html

Palabras

Estarán de acordo que, a pesar deste tempo que non é unha cousa nin a contraria, non estamos para debates de altos voos. Que á maioría o que lle apetece é sentar nunha das moitas terrazas que ten neste mes Ferrol, e se ten que caer un chisco de auga que caia.

Pero, si é certo que hai moito misticismo arredor das palabras. De aí que, os máis inocuos parágrafos, poidan servir de escusa para un “incendio dialéctico”. Desde que existen as “redes sociais”, hai quen debe considerar que fronte á dureza da militancia é moito mellor “impoñer o relato”.

Así é capaz de descualificar ao articulista máis parco, insultar ao alcalde ou raiar coa difamación en contra da primeira concelleira da que – simplemente – aprendeu o seu nome. Vese que aquí o importante é o “relato”, aquela surrealista conversa entre Manquiña e María de Medeiros en “Airbag”: “o concepto é o concepto”. O demais, para el, é instrumental.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/palabras/20190807204304262303.html

Fender leña

Tomo prestada a expresión. Non descubro de quen é, simplemente, porque son o único responsable do que se diga aquí. O asunto vén por esa morea de xente que sabe e opina de todo, máis nun tempo no que algúns están empeñados en volver a tempos pretéritos. Todo isto acrecentado pola relevancia que agora dan as redes sociais. E como se di nestes “tempos modernos”, abro fío.

A partir do 2005 houbo unha explosión de blogues, aos que apuntouse medio país. Eu aínda manteño o meu. Pero, teño un amigo (espero que benevolente) que a cada “post” meu, el facía a disección oportuna. Así ata que un día canso, díxenlle que abrira un propio. Así fixo, publicou 3 ou 4 veces. Quizais esta é a cuestión, o falar non ten cancelas pero trasladar ideas ten un custe.

Por iso, como di Mercedes, o mellor é que moitas veces vaiamos a fender leña ao monte. É o tempo de limpalo e de acumular madeira para o inverno.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/fender-lena/20180808232118233562.html