Van máis de cen días

Estaría ben que todos os grupos políticos do Concello de Ferrol chegaran a acordos de cidade, renunciando así a reiterar a situación dos últimos oito anos. Esta proposta foi un dos eixos da candidatura, e do discurso do actual alcalde Ángel Mato, durante a súa campaña electoral.

Hai moitas cuestións que resolver, así que cada quen pode facer a lista que máis lle apeteza e, seguramente, a poderíamos ampliar de xeito case exponencial. Esperemos que, das palabras e dos eternos lamentos, pasemos aos feitos.

Por poñer uns exemplos aí está a sentenza 62/2018 sobre o saneamento que, sen entrar na cuestión de fondo, si deixa claro o erro de recibir unhas instalacións cun funcionamento inadecuado e que dan orixe ao actual problema da taxa. A necesidade de pechar xa, tras trinta anos, o convenio urbanístico con Defensa ou como superar a falta de apoio da Xunta de Galicia á candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/van-mais-de-cen-dias/20190925233057265483.html

Vivendas en alugueiro

Estamos asistindo a un sostido aumento do prezo da vivenda en alugueiro no conxunto de Galicia. É certo que Ferrol vai por detrás da media, pero non é casual que aquí haxa xa algún fondo voitre facendo acopio de inmobles.

É certo que hai un importante parque de vivenda municipal, para o cal é necesario a actualización “definitiva” do seu padrón, fixar criterios obxectivos e sustanciar dunha vez os dereitos históricos dos (poucos) propietarios de Recimil. Tamén hai vivenda da Xunta de Galicia. O normal sería unificar uns criterios obxectivos e avaliables temporalmente.

Mais a Administración Autonómica só axuda a un 20% das familias en dificultades económicas. É a única que non achega recursos propios, só xestiona os cedidos polo Goberno de España. Así mesmo, acaba de expulsar a máis persoas ao baixar en 300€ o tope de ingresos. É dicir, se vostede gaña 1076€ non ten dereito segundo a Xunta de Galicia.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/vivendas-en-alugueiro/20190918232037265019.html

Fogo amigo

Este inicio do curso político non está resultando todo o que del podía esperar, o líder da dereita ferrolá José Manuel Rey, cando en principio tiña a vantaxe dos desencontros de FeC e do BNG co grupo socialista, que provocaron un goberno en solitario encabezado por Ángel Mato.

A recente visita da señora Conselleira da Vivenda a Ferrol Vello, Ángeles Vázquez, contou unicamente co edil popular, pero “esqueceron” convocar ao resto da Corporación e máis ao alcalde, impedindo así o diálogo e colaboración da que sempre presumen que ten que haber entre as diversas administracións.

Pero, si isto non abondaba a Consellería de Educación acaba de poñer en pé de guerra aos pais e nais do Cruceiro de Canido, coa demora dunhas obras da súa competencia. Non desculparse e pretender evadir as súas responsabilidades non deixa de ser outro erro máis.

En fin, o peor non son os adversarios políticos, senón o fogo amigo.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/fogo-amigo/20190911233356264517.html

As Meninas de Edu Hermida

Eduardo Hermida non é unha persoa que deixe indiferente a ninguén. E si, Edu é por riba de todo un ser humano, que coma nós terá virtudes e defectos. Pero, para sorte nosa, destacan nel as súas afoutezas. Esto último fai que hoxe sexa o principal promotor, dinamizador, embaixador, ou como queiran chamalo, de Ferrol. Este polifacético artista puxo a esta cidade no centro do mundo.

Aí están os recoñecementos nacionais e internacionais ás Meninas, que serán de Velázquez, de Canido, pero por enriba de todo son de Edu Hermida. Igual, quizais, o maior recoñecemento é esa marea de persoas, de ducias de miles, e que pasaron este fin de semana polo barrio.

Hai que darlle as grazas a Edu Hermida, a súa ousadía e que sempre está inventando e reinventando, ao seu incuestionable compromiso con Canido e con Ferrol. Pero, para cando o recoñecemento oficial desta cidade para, por mérito propio, co seu “fillo predilecto”?

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/as-meninas-de-edu-hermida/20190905010432264033.html

Agosto finito

Acabaremos este mes sumando o final das festas de Ferrol coas Meninas de Eduardo Hermida. E, tras iso, mediado setembro, Ángel Mato cumprirá cen días como undécimo alcalde do noso concello.

Este mes de agosto déixanos un novo goberno moi presente nos medios de comunicación. Á novidade, á necesaria ocupación das distintas responsabilidades municipais, á organización desde cero e a fume de carozo das festas da cidade, súmase un dos sinais de identidade común a todas as sucesivas alcaldías socialistas (seguro que con acertos e erros) en Ferrol: temos un goberno a tempo completo.

Veremos en setembro – non sei se hoxe haberá un adianto no pleno de fin de mes – o tono da oposición. Tanto da oficial (PP), como da de aqueles que tiñan comprometido o seu apoio e, xa á primeira, decidiron deixar só ó PSOE. Na miña opinión, un erro que debérase corrixir. E unha petición para todos: sumen nos asuntos de cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/agosto-finito/20190828224655263574.html