Xestionar as contradicións

A estas alturas da vida hai pouco máis que vivir coas contradicións por asumir que o inmediato é moito máis importante. Así o BNG está a ter que xestionar as súas. O seu erro de quedar fóra dos Orzamentos do Estado significa, nin máis nin menos, que para eles acabou a lexislatura en Madrid. Agora, Ana Pontón suplica por unha foto con Feijóo. Na comarca, ás portas da folga xeral do 10 de marzo, precisamente desde o PSOE lembráronlle as súas ansias privatizadoras de Astano.

En Ferrol o grupo de goberno terá todas as responsabilidades que consideren, pero se non hai orzamentos municipais, tamén é porque hai quen non quere que Mato xestione maiores recursos. Pode ser moi duro saber que algúns naceron para compartir o camiño da esquerda, claro que igual poidan sentirse satisfeitos xogando ao pim-pam-pum. Pero, todos terán que responder ante a cidadanía por como xestionen as súas contradicións.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2768053/xestionar-as-contradicions

Epistolario

Desde onte xa hai, en algunha libraría de Ferrol, o epistolario de Ricardo Carvalho Calero e Ramón Otero Pedrayo. 320 páxinas baixo o título de “Polos camiños das horas”. É este un traballo que, por mor da pandemia, chega xusto cando acabou o ano das Letras Galegas que a Real Academia adicoulle ao intelectual ferrolán.

Esta edición a cargo de Patricia Arias Chachero, Nélida Cosme e Adrián Estévez Iglesias permítenos achegarnos ás figuras de Carvalho e Otero Pedrayo, así como a unha parte fundamental da historia da Editorial Galaxia, da Universidade de aqueles tempos e da propia Real Academia Galega.

Mais este libro é sobre todo a testemuña da longa e fonda amizade entre Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carvalho Calero. Unha publicación que conta con diversos preámbulos institucionais e unha achega específica de Alonso Montero. Un libro que, por afectar a Carvalho, ten un grande interese para Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2681163/epistolario

Unha flor e un libro

Foi moi interesante a campaña destes días atrás, co motivo do día de San Valentín, onde participaban florerías, Deputación e o propio Concello e o seu Centro de Iniciativas Turísticas repartindo por todo Ferrol unha morea de flores. Son campañas en apoio ao comercio local en positivo e que deben seguir a desenvolverse.

Pero, xa que estamos a xusto unha semana – o vindeiro mércores será o día de Rosalía de Castro – permítanme facerme eco da axeitada proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para ese día. Esta vez estarían implicadas as florerías e as librarías da cidade, porque do que se trata é de aproveitar o próximo 24 de febreiro para regalar, a alguén preto de nós, unha flor e un libro en galego.

Unha especie de San Jordi, pero con fondo sentir e raizame galega. Porque como tráenos a voz de Rosalía, “cantarte hei” porque estes son “os teus doces cantares”.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2623025/unha-flor-e-libro

Manuel Lago

Vaia por diante que non teño ningunha relación con Manuel Lago que, recentemente, acaba de ser nomeado conselleiro de Navantia. Nin coincidimos no campo sindical nin na filiación política. Pero, si son consciente de quen estamos falando. Persoa solvente, economista que leva toda a vida vinculada ao movemento sindical, profesor da Universidade da Coruña, ex director financeiro da TVG…

O seu currículum é o seu mellor aval. Obviamente, para ocupar un posto que depende do ministerio de Traballo, da ferrolá Yolanda Díaz, nunha empresa pública como da que falamos, non resulta estraño este nomeamento. Senón, a quen ían nomear? A “un amigo” de Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG?

Vén isto a conto, porque creo que as persoas merecen respecto e non ser insultadas por acceder a un posto de representación e máis se veñen avaliadas polo seu perfil profesional e social. Manuel Lago cumpre sobradamente.

Diario de Ferrol, 10 de Febreiro de 2021

Ucha

É de ben nacido ser agradecido. Por iso, o nomeamento como fillo adoptivo de Rodolfo Ucha, que a actual corporación municipal de Ferrol está tramitando é axeitado. Así, tamén, hai que dicir que o vídeo protagonizado pola súa filla Lucila é moi emotivo. Non resulta estraño que xa supere varios milleiros de visualizacións.

Deste recoñecemento todas e todos debemos sentirnos partícipes. Ucha é o responsable de que Ferrol sexa quen de poder presumir dun amplo legado modernista (e, polo tanto, do chamado “Art Nouveau”), comparable con outras moitas grandes cidades europeas.

Cuestión que débese ao bo facer de quen foi arquitecto municipal durante moitos anos, e como el dicía pola capacidade dos traballadores de Ferrol para desenvolver de xeito salientable os diversos oficios. Na Magdalena, especialmente, vese a pegada de Rodolfo Ucha. A capacidade de crear e un xeito de ser e vivir. Si, Ferrol é moderno.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2435253/ucha