Adiante Uni Ferrol

Vinte seis vitorias de vinte seis partidos xogados. Ese é o mérito e o traballo de todo o equipo de baloncesto feminino do Baxi Ferrol. Por causa da pandemia, as e os aficionados fomos acompañándoas segundo as autoridades sanitarias e a Xunta de Galicia nos permitían. Pero, o certo que esta foi unha grande temporada para o Uni.

A partir de mañá xogarán en Leganés a fase de ascenso á primeira división do basket feminino, a Liga Endesa. Merecen estar, o teñen ben gañado e a pulso. A maioría só poderemos seguir o que aconteza desde a distancia, pero a cidade de Ferrol e a comarca estarán con elas, co equipo técnico e coa nova directiva.

Que mellor embaixada tería a cidade e a comarca que ás xogadoras do Uni Ferrol, xogando na primeira división do baloncesto feminino? Para Ferrol é importante porque é tamén un xeito de facer cidade, un feito que suma, e elas – partido a partido – demostraron que o merecen.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2825180/adiante-uni-ferrol

De Novo Armas

A verdade que un non deixa de sorprenderse cando saen determinados “debates políticos” no Concello de Ferrol. De verdade que había que levar ao pleno municipal o mantemento ordinario da Praza de Armas? Cuestión que, como moito, dá para tratar en Comisión? Pero, segue a dereita ferrolá sen aceptar que é un erro a súa posición sobre manter, no seu chan, o aparcadoiro?

É certo que hai grupos minoritarios en redes sociais que seguen facendo ruído, pero que realmente, dálles igual este asunto ou outro calquera. Len só o titular da noticia e a partir de aí arde Troia. O problema é que desde a dereita, así, as están alimentando, sen decatarse que están inflando ao seu inimigo pola dereita. Unha mágoa que as Confrarías, por causa do Covid-19, non poidan saír esta Semana Santa á rúa, porque esta nova Praza de Armas adáptase moito mellor ás súas necesidades e acabaríamos, creo, con esta polémica estéril.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2816761/novo-armas

A defensa de Ferrol

A partir do 1 de abril na sala de Cureñas do Castelo de San Felipe abrirá a exposición permanente sobre a Batalla de Brión de 1800, de cando España era aliada da Francia napoleónica e, por iso, fomos atacados polas tropas británicas. Vinteún buques de guerra con quince mil soldados ingleses que desembarcaron nas nosas costas e que acabaron volvendo por onde viñeran.

Aquel episodio chegou incluso a ser tratado, cinco meses e medio despois, no propio Parlamento británico. Pero, como por estes lares somos como somos, igual non lle dimos a importancia que realmente tivo. Indubidablemente, é un deses episodios máis que suficientes para marcar o perfil de calquera cidade, e en Ferrol hai máis, aí está Ucha, a semana santa, a loita antifranquista, etc. Parabéns por esta sinerxía entre Patrimonio Histórico e Turismo, así facemos cidade. Grazas a todos aqueles que durante anos estiveron sós con este evento.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2806492/defensa-ferrol

Foto de @jorgemeis

Queremos Ferrol

Hai xusto unha semana, varios miles de persoas enchíamos a estrada de Castela en Ferrol. Ao mesmo tempo, o presidente Alberto Núñez Feijóo era recibido polo ministro Ábalos baixo unha luz de fotógrafos e medios de comunicación en Madrid. Desde a oficina de prensa da Xunta pretenderon vender que era unha cita de vital importancia, que quedaban despexados todos os obstáculos e que se implementaban o conxunto das infraestruturas galegas.

Vista a letra pequena, soubemos que Feijóo non estaba “en calidade” de presidente galego, senón que a súa única preocupación era a cidade herculina. Parabéns para ela. Pero, cando menos Feijóo podían non mentir ás nosas comarcas e saber que nós, tamén, temos dereito a ter infraestruturas adecuadas, unha autoestrada a prezo razoable, un ferrocarril moderno e unha vía de alta capacidade para a conexión coa costa. Queremos vida nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2796235/queremos-ferrol

A mala educación

Hai seis días este xornal publicaba a crónica sobre a polémica xerada por Rafael Domínguez, voceiro do PP de Pontevedra, ó referirse a Ferrol de xeito inapropiado, cando ademais pretendía quedar ben coa patronal de ENCE. É dicir, un asunto alleo á nosa cidade. Mais, o salientable non foi unha esperada rectificación do dirixente pontevedrés, senón que tanto o presidente da Xunta como o secretario xeral do PPdeG alimentaban esas desafortunadas palabras.

Está o PP introducindo, sen máis, a mala educación na política galega? Son distraccións?Forman parte xa desa desaforada carreira para ser tan repelentes como a extrema dereita? Ou quizais, e máis neste 10 de marzo, buscan crear ruído porque, tras unha longa década de gobernos de Núñez Feijóo e a falta dunha política industrial, así como a súa reforma laboral – aínda en vigor – traen como consecuencias crise e un páramo económico imposible de ocultar?

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2781517/mala-educacion