Un país chamado Trasalba

Hai poucos días o Ateneo Ferrolán estivo na xornada organizada pola súa federación, na Casa de Otero Pedrayo en Trasalba (Amoeiro – Ourense). Alí, o conxunto dos Ateneos de Galicia foron recibidos pola fundación, que é depositaria do seu legado e da propia casa grande de labranza que, durante moito tempo, foi parte do exilio interior ao que Don Ramón foi sometido, pola ditadura que acabou coa democracia española.

Hai que agradecer a presenza do presidente do Padroado Eduardo López, así como do alcalde de Amoeiro José Luís González e da banda de música deste concello. Unha xornada que, a maiores, contou coa participación da secretaria da fundación, Patricia Arias, que xa estivera nas xornadas do Ateneo Ferrolán, onde tratárase da especial relación de amizade de Otero e Castelao.

Así, tras estes eventos xa enunciados, xunto coa que se fixo no marco da feira do libro de Ferrol en abril, tras o verán a entidade ferrolá será escenario dunha nova xornada, que contará coa presenza de distintas autoridades e da propia fundación dun Don Ramón, co que necesitamos romper os estereotipos herdados de quen quixo que nunca a democracia, a cultura e un país chamado Galicia tiveran espazo nas nosas vidas.

https://www.fundacion-oteropedrayo.es/es

Trasalba

Grazas á aprobación unánime do Parlamento galego, este novo ano será adicado a Ramón Otero Pedrayo, do mesmo xeito que o anterior foi o de Castelao. A principios do pasado novembro no Ateneo Ferrolán tivemos a ocasión, da man de Patricia Arias Chachero (secretaria da Fundación depositaria do legado de Don Ramón), de coñecer a estreita relación entre ambos os dous. Mantida incluso a pesar da guerra civil, que no século pasado, deu fin á democracia republicana española.

Numerosas entidades vanse sumar á homenaxe a Ramón Otero Pedrayo. O autor da Guía de Galicia, da tradución dos fragmentos de Ulises, o Don Ramón das Irmandades da Fala, da revista “Nós”,o defensor do federalismo no parlamento español, o promotor do Padroado Rosalía de Castro e da Editorial Galaxia… Aquel que encabezou a resistencia cultural galega contra a ditadura.

Estes días a Fundación Otero Pedrayo está buscando esas edicións que hai nas nosas casas, para celebrar os cen anos da súa “Guía de Galicia” de 1926. Fáganse un favor, miren nas súas bibliotecas, tiren un par de fotos de ese libro e achéguenas á Fundación. E xa saben, todo comezou en Trasalba. Así que esta é unha visita obrigada para a cidadanía da actual Galicia.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-01-08/trasalba-828891.html

Epistolario

Desde onte xa hai, en algunha libraría de Ferrol, o epistolario de Ricardo Carvalho Calero e Ramón Otero Pedrayo. 320 páxinas baixo o título de “Polos camiños das horas”. É este un traballo que, por mor da pandemia, chega xusto cando acabou o ano das Letras Galegas que a Real Academia adicoulle ao intelectual ferrolán.

Esta edición a cargo de Patricia Arias Chachero, Nélida Cosme e Adrián Estévez Iglesias permítenos achegarnos ás figuras de Carvalho e Otero Pedrayo, así como a unha parte fundamental da historia da Editorial Galaxia, da Universidade de aqueles tempos e da propia Real Academia Galega.

Mais este libro é sobre todo a testemuña da longa e fonda amizade entre Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carvalho Calero. Unha publicación que conta con diversos preámbulos institucionais e unha achega específica de Alonso Montero. Un libro que, por afectar a Carvalho, ten un grande interese para Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2681163/epistolario