Xardíns de Ucha

Permítanme animarlles a sumarse a un novo recoñecemento, a quen foi o gran arquitecto municipal Rodolfo Ucha Piñeiro, e que tan fonda pegada deixou no desenvolvemento de Ferrol con innovadoras propostas urbanísticas e proxectos de reforma. Desde o Concello teñen aberto o expediente para denominar co nome de Xardíns de Ucha a ese espazo na zona inmediata ao chamado “Palacete ou Chalé de Canido”, que ademais é unha das obras máis senlleiras que tivo o propio arquitecto.

É axeitado buscar a participación do conxunto da cidadanía e das entidades locais nestes asuntos. Sinxelamente, porque este tipo de recoñecementos, a xentes que tanto fixeron pola nosa cidade, serven para reforzar o sentimento de colectividade, de formar parte dun proxecto común, para ter sempre orgullo de cidade. Porque somos e seremos Ferrol. Única e irrepetible.

Manden as súas achegas ao rexistro do Concello de Ferrol ou a través de correo electrónico ao departamento de Protocolo de Alcaldía. Súmense a esta nova proposta tal e como pídelles, desde as súas redes sociais, a concelleira de Patrimonio Histórico Eva Martínez, recoñecida por todos e todas pola súa capacidade de traballo e de xerar iniciativas que suman.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/xardins-ucha-4169701

Ucha

É de ben nacido ser agradecido. Por iso, o nomeamento como fillo adoptivo de Rodolfo Ucha, que a actual corporación municipal de Ferrol está tramitando é axeitado. Así, tamén, hai que dicir que o vídeo protagonizado pola súa filla Lucila é moi emotivo. Non resulta estraño que xa supere varios milleiros de visualizacións.

Deste recoñecemento todas e todos debemos sentirnos partícipes. Ucha é o responsable de que Ferrol sexa quen de poder presumir dun amplo legado modernista (e, polo tanto, do chamado “Art Nouveau”), comparable con outras moitas grandes cidades europeas.

Cuestión que débese ao bo facer de quen foi arquitecto municipal durante moitos anos, e como el dicía pola capacidade dos traballadores de Ferrol para desenvolver de xeito salientable os diversos oficios. Na Magdalena, especialmente, vese a pegada de Rodolfo Ucha. A capacidade de crear e un xeito de ser e vivir. Si, Ferrol é moderno.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2435253/ucha