Un país chamado Trasalba

Hai poucos días o Ateneo Ferrolán estivo na xornada organizada pola súa federación, na Casa de Otero Pedrayo en Trasalba (Amoeiro – Ourense). Alí, o conxunto dos Ateneos de Galicia foron recibidos pola fundación, que é depositaria do seu legado e da propia casa grande de labranza que, durante moito tempo, foi parte do exilio interior ao que Don Ramón foi sometido, pola ditadura que acabou coa democracia española.

Hai que agradecer a presenza do presidente do Padroado Eduardo López, así como do alcalde de Amoeiro José Luís González e da banda de música deste concello. Unha xornada que, a maiores, contou coa participación da secretaria da fundación, Patricia Arias, que xa estivera nas xornadas do Ateneo Ferrolán, onde tratárase da especial relación de amizade de Otero e Castelao.

Así, tras estes eventos xa enunciados, xunto coa que se fixo no marco da feira do libro de Ferrol en abril, tras o verán a entidade ferrolá será escenario dunha nova xornada, que contará coa presenza de distintas autoridades e da propia fundación dun Don Ramón, co que necesitamos romper os estereotipos herdados de quen quixo que nunca a democracia, a cultura e un país chamado Galicia tiveran espazo nas nosas vidas.

https://www.fundacion-oteropedrayo.es/es

Xohana Torres

As cousas hai que dicilas como son. “As poetas da colección Salnés”, editado por Galaxia, traballo de Patricia Arias Chachero, debe ser considerado un agasallo a Ferrol. Permítenos traer a colación outra vez a Xohana Torres. Ela tan vinculada á nosa cidade que normalmente se lle coñece como a poetisa ferrolá.

Xohana Torres forma parte desta publicación, porque foi a primeira muller que publicou na emblemática Editorial Galaxia (“Do Sulco”, 1957), que celebra agora os seus setenta e cinco anos de existencia.

Xohana foi alumna de Carvalho Calero e será unha ferrolá por sentimento e corazón. Coa súa decisión de ser unha escritora en galego, formará parte de todo ese mundo de resistencia cultural ao uniformismo nacional-católico, machista e desigualitario que supuxo a ditadura.

Patricia Arias di de Xohana Torres que é una poeta diferente, cunha forte personalidade, dunha sólida formación e cunha capacidade estética moi particular. Que vive con autenticidade. E así, comparte espazo con Carme Kruckenberg, Pura Vázquez, Manuela Couto e Anne Marie Morris. As poetas do Salnés. Na súas páxinas tamén atoparemos referencias a persoas, tan achegadas a esta comarca, como Rubia Barcia e Ernesto Guerra da Cal.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/xohana-torres-5298358

Epistolario

Desde onte xa hai, en algunha libraría de Ferrol, o epistolario de Ricardo Carvalho Calero e Ramón Otero Pedrayo. 320 páxinas baixo o título de “Polos camiños das horas”. É este un traballo que, por mor da pandemia, chega xusto cando acabou o ano das Letras Galegas que a Real Academia adicoulle ao intelectual ferrolán.

Esta edición a cargo de Patricia Arias Chachero, Nélida Cosme e Adrián Estévez Iglesias permítenos achegarnos ás figuras de Carvalho e Otero Pedrayo, así como a unha parte fundamental da historia da Editorial Galaxia, da Universidade de aqueles tempos e da propia Real Academia Galega.

Mais este libro é sobre todo a testemuña da longa e fonda amizade entre Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carvalho Calero. Unha publicación que conta con diversos preámbulos institucionais e unha achega específica de Alonso Montero. Un libro que, por afectar a Carvalho, ten un grande interese para Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2681163/epistolario