Agora Ferrol

A cidade tamén necesita que volvamos á “normalidade orzamentaria”. Ferrol necesita aprobar uns novos orzamentos que permita abordar a situación post estado de alarma. Investir novamente na mellora da calidade de vida da súa cidadanía.

O xogo político está moi ben, pero a xente simplemente “pasa das fotos”. Aínda que un poida entender que aqueles que apostaban por ter un goberno refén e dependente estean fóra de xogo. Non había moito interese nun goberno de coalición de esquerdas, pero quen apostou por quedarse fóra, non está a sacarlle rédito a iso.

Máis de oitenta e tres millóns leva o proxecto presentado polo alcalde Ángel Mato. Seguro que pode ter melloras, achegas e emendas. Séntense, Ferrol ben vale un pacto pola cidadanía. Fagan as críticas que consideren, pero tamén aposten pola cidade, que leva un ano coa súa administración en estado de alarma, en realidade, suspendida. Agora toca Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2879953/agora-ferrol

O novo Plan Ferrol?

Mentres o 10 de marzo a comarca participaba na mobilización a prol da industria local, o presidente Feijóo estaba en Madrid, pero para unha cousa diferente. Agora, vén cunha proposta que necesita concretarse, para saber que desta fala en serio.

Ninguén esquece que Feijóo leva doce anos á fronte da Xunta e con competencias exclusivas en materia de industria e promoción económica. Por iso, esa necesidade de saber de que estamos a falar realmente e, máis, cando chegarán recursos europeos para a recuperación vía goberno de España. Polo que sabemos, a proposta inicial é implementar o naval e os eólicos, pero necesitamos máis.

Fai ben Mato e os demais alcaldes tendo unha actitude propositiva e pedindo claridade. O certo é que o consorcio público privado “paralelo”, que acaba de montar a Xunta con determinadas empresas para “identificar” os proxectos para Galicia, tampouco é garantía de nada. Obras son amores.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2868699/novo-plan-ferrol

Vacinación

A xente está á espera do nove de maio. Para ese día está previsto que non haberá prolongación do Estado de Alarma polo Covid-19. Sería, definitivamente, o inicio da “nova normalidade”. A partir de aquí as CCAA terán que asumir as súas responsabilidades, amosar claramente a súa capacidade para a xestión e poñer todos os seus instrumentos (especialmente a organización da vacinación de toda a poboación) a prol do control e erradicación do virus.

Na nosa área sanitaria, a resposta da poboación vai no camiño correcto. Un trinta por cento da cidadanía xa ten, cando menos, a primeira dose. É de agradecer a colaboración do Concello de Ferrol e de Protección Civil. A coordinación entre sanitarios, Benestar Social e Seguridade, así como o traballo dos voluntarios, tanto na vacinación, como a asistencia á poboación con dificultades de mobilidade está sendo eficaz e mostran como hai que facer as cousas.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2858219/vacinacion

O portugués

Estes días desde a Corporación municipal retomaban unha proposta interesante, tanto para Ferrol, como para as galegas e os galegos. É a proposta dos talleres de portugués a desenvolver no próximo mes de maio en centros da ESO, FP e bacharelato, ampliado a quinto e sexta de Primaria.

A estas alturas da vida xa temos cometido todo tipo de erros en relación co idioma portugués. Feito que impídenos cumprir co papel que supostamente teríamos de xeito preferente, como sería ser a ponte natural de conexión do mundo luso-brasileiro con España e a Unión Europea.

Ademais, a hexemonía da dereita na Xunta e os seus complexos provincianos trae consigo que sexan as Escolas Oficiais de Idiomas e os Concellos os que estean a paliar esta situación. O certo é que a maioría dos estudantes de portugués non están en Galicia, senón na autonomía de Extremadura. O portugués é cultura, pero tamén futuro económico. Tomemos nota.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2846855/p-portugues

O tren Ferrol – Coruña

Hai uns días vía a sorpresa que tiña un amigo periodista, porque o ministro de Transportes José Luis Ábalos citaba, nunha roda de prensa, a Ferrol e á necesidade dunha nova liña de tren coa capital provincial. Quizais este mínimo xesto amosa claramente a cuestión de fondo. Si, non estábamos nin na axenda.

Pero, se hai quen se pode “apuntar o tanto” é precisamente o actual alcalde de Ferrol, Ángel Mato. El reclamou a atención do presidente da Xunta, Núñez Feijóo, e do propio ministro. Acertada foi a súa estratexia de sumar ao ex presidente Laxe, ao Eixo Atlántico e á propia alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

Persoalmente, creo que sumados, todos gañan. Por iso, aos críticos co alcalde, precisamente por exercer como primeiro edil de Ferrol, diríalles aquelo de Castelao: “non lle poñan chatas á obra”. Ademais non é unha cuestión de partidos, senón de peso político territorial. Súmense, xuntos podemos.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2835550/tren-ferrol-coruna