Adiante Uni Ferrol

Vinte seis vitorias de vinte seis partidos xogados. Ese é o mérito e o traballo de todo o equipo de baloncesto feminino do Baxi Ferrol. Por causa da pandemia, as e os aficionados fomos acompañándoas segundo as autoridades sanitarias e a Xunta de Galicia nos permitían. Pero, o certo que esta foi unha grande temporada para o Uni.

A partir de mañá xogarán en Leganés a fase de ascenso á primeira división do basket feminino, a Liga Endesa. Merecen estar, o teñen ben gañado e a pulso. A maioría só poderemos seguir o que aconteza desde a distancia, pero a cidade de Ferrol e a comarca estarán con elas, co equipo técnico e coa nova directiva.

Que mellor embaixada tería a cidade e a comarca que ás xogadoras do Uni Ferrol, xogando na primeira división do baloncesto feminino? Para Ferrol é importante porque é tamén un xeito de facer cidade, un feito que suma, e elas – partido a partido – demostraron que o merecen.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2825180/adiante-uni-ferrol

Uni Ferrol

Todo comezou hai dous anos, cando as xogadoras pasaron polo colexio de Recimil e a miña filla pequena quixo ir a velas xogar, desde aquela ocupamos os mesmos asentos na grada norte da Malata. Polo tanto, recoñezo o meu papel de quen acaba de chegar, si. Pero, tamén acabamos de recibir un correo electrónico, onde anuncian a asemblea de renovación da directiva do club e a marcha do actual presidente Leopoldo Ibáñez.

Se hai unha cousa que chama a atención, nestes tempos, e agora que procederase a elixir unha nova directiva, son as fotos oficiais. Lembro unha co patrocinador, o Baxi, e outra cos voceiros da actual Corporación Municipal de Ferrol, e se unha cousa faltaba, e máis neste club, era a presenza feminina nelas. Así que, ademais de esperar saber como vai ser o aforo na Malata, a partir do inicio da temporada, o vindeiro dez de outubro, os tempos reclaman un equipo directivo paritario entre xéneros.

Enlace ao Uni Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/uni-ferrol/20200908194201287769.html