Recimil 2020

Foto ©AVV San Fernando Recimil (Ferrol)

O alcalde José Manuel Rey quere agora un pacto para Recimil, a sete meses das eleccións municipais. Quizais porque prevese que van mudar as correlacións de forzas no Concello. Así, o posible acordo deberá ser referendado polas direccións dos partidos ferroláns, ao estar todos os grupos municipais á espera da súa renovación.

Pero, evidentemente, a base do pacto non pode ser o seu programa, Ferrol 2020, que pretendía amontoar a aqueles veciños que non puideran botar, para dedicar o resto do barrio a un novo pelotazo urbanístico. Todo acordo pasa pola rehabilitación integral, por recoñecer os dereitos dos propietarios históricos e por poñer ao día a todos aqueles inquilinos que, verdadeiramente, necesiten da solidariedade.

As máis de mil vivendas, os cento vinte locais existentes, dan para unha intervención nos eidos da dinamización económica, cultural e dos servizos. Así, tamén para unha importante oferta de alugueiro social que, en definitiva, require da constitución dunha empresa municipal ferrolá da vivenda.

Enlace web ao Diario de Ferrol (Columna “Letras de Cambio”).

De Saldo

O expresidente Aznar e o seu exbanqueiro Rodrigo Rato liberalizaron o chan, provocando a burbulla inmobiliaria e a situación que padecemos. O presidente Feijóo non atopou mellor saída que vender os activos galegos e poñelos de saldo. Xa non quedan grandes empresas en mans do país. O Galicia Calidade resulta ser mera propaganda autocomplacente.

Unha de esas empresas que se venderon de saldo foi a nosa Caixa Galicia. Creada do esforzo e os aforros das nosas xentes e que cunha neglixente xestión foi, dolosamente, bancarizada para finalmente vender á banca privada venezolana.

Agora, os novo donos de Abanca acaban de facer saber aos seus empregados as súas normas. Tanto eles, como os seus familiares, deben pedir permiso para ter compromisos políticos ou sindicais. Evidentemente, trátannos como unha república bananeira. Grazas a Feijóo, somos un país de saldo.

Enlace a Diario de Ferrol.

Candidatos

É evidente, estamos a oito meses das eleccións municipais. Os nervios, de algunhas persoas que aspiran a xogar un papel destacado, afloran xa. Incluso métennos a outros por medio, máis non pasa nada. A algúns aválanos o camiño andado.

Á marxe de que todos esperan a hexemonía de Sestayo no PSdeG e de EU na “marea” local, si aconsello á esquerda un pouco de acougo. O importante seguen a ser os cidadáns, e aquí esa suma de vontades colectivas chámase Ferrol; máis agora que, como afirma o euro-deputado socialista Pepe Blanco, o noso único veto vén da man do PP.

Unha dereita que quere desmantelar os Concellos e os seus servizos, para entregarllos á voracidade desa nova especulación, que eles chaman “recuperación económica”. No 2015 xogámonos moito en Ferrol. E por iso, as nosas xentes, están á espera de que nas esquerdas locais deixen de mirarse o embigo.

Enlace a Diario de Ferrol.

Indiferentes

Vivir significa tomar partido. Non poden existir quen sexa soamente estraño á cidade. Quen realmente vive non pode non ser cidadán, non tomar partido. A indiferenza opera con forza na historia. Opera pasivamente, pero opera. É a fatalidade, aquelo con que non se pode contar, é a materia bruta que se rebela contra a intelixencia e a estrangula.

O que ocorre non ocorre tanto porque algunhas persoas queren que iso ocorra, senón porque a xente abdica da súa vontade. Os feitos maduran, sen ningún tipo de control e os destinos dunha época son manipulados polas visións estreitas, as ambicións e paixóns persoais.

Pero, ninguén culpa á súa propia indiferenza. A maioría, prefire falar do fracaso dos ideais. Rechazan así calquera responsabilidade. Pido contas a cada un por como desempeñan o papel que a vida doulles e sobre todo polo que non fan. Antonio. Gramsci.

Enlace a Diario de Ferrol.

Ferrol Vello

A primeira impresión, que levan estes turistas que atracan no noso porto, creo que non será moi positiva. Desembarcar e atoparse cun barrio que cae por anacos non é boa tarxeta de presentación. Pero, menos debe gustarlle á veciñanza ver como Ferrol Vello vai esmorecendo pola desidia das diversas Administracións.xornadas-ferrol-vello

Estes días está a debate o plan de recuperación deste barrio. A maior parte do traballo vén feito do mandato municipal anterior e agora preséntase para a súa aprobación. Imos ter unha oportunidade para o barrio, os seus veciños e para a cidade.

Quizais, o máis salientable é cando xorden iniciativas dende dentro como as xornadas que, este martes e o vindeiro, fanse na súa Praza Vella. Unha cidadanía que participa aportando a un proxecto de cidade, é a mellor garantía de futuro. Un acerto da Comisión Cidadá para a Recuperación de Ferrol Vello.

Enlace a Diario de Ferrol.