Capacidades

Fagamos unha breve reflexión sobre como lles están a afectar os recortes sociais ás persoas con discapacidade. Máis, se defendemos a igualdade de oportunidades para todas as persoas. Están as administracións a investir en políticas activas a prol da súa saúde, traballo ou mobilidade?

Consideramos que Ferrol é accesible para toda a cidadanía? Estamos a eliminar as barreiras físicas para facilitar a libre circulación? Cantos edificios, que dende hai dúas décadas teñen a obriga, dispoñen dun acceso axeitado? O Concello está comprobando as nosas beirarrúas e o acabado das novas obras? E, mentres, como garante o paso?

Neste mundo das redes sociais, están as administracións fomentando a súa integración? Sinceramente, con estas políticas que promoven a selva, os dereitos da nosa Constitución están sendo violentados gravemente para a xente con discapacidade.

Enlace web a Diario de Ferrol.

Beatriz Sestayo

Ela gañou as primarias de Ferrol, e ten xa a responsabilidade de liderar un novo proxecto e asegurar un goberno da esquerda. Deberá afondar en propostas para relanzar a cidade e que sirvan como eixos do programa común progresista. Obviamente, terá a máxima responsabilidade na confección das listas -de común acordo co PSdeG e PSOE- e amosar, claramente, que ten capacidade para evitar acompañarse de persoas que restan votos. Xa non é tempo de cuestións internas. É o tempo da cidade.

En Ferrol, é incuestionable a confluencia arredor do novo secretario provincial, Julio Sacristán. Supón un achegamento da secretaria local á voceira municipal? Romperá Sacristán cos seus tradicionais apoios? Que cambios vai traer?

Mención merecen os 26 votos a un descoñecido Mirás; obviamente, hai unha lectura local. Un apunte para Besteiro: o resultado coruñés aféctalle.

Enlace web ao @DiarioFerrol.

Mirás

MirásNov2014

Onte remataron a recollida de avais para as primarias socialistas e antonte esta columna. Salvo sorpresas, dan por seguro que a votación provincial vaise disputar entre Manuel Mirás e Julio Sacristán.

Mirás é membro da executiva galega, a súa é unha proposta que busca recuperar coherencia e credibilidade socialdemócratas. Tamén, é unha meta volante de Besteiro na súa candidatura á presidencia da Xunta de Galicia. Sacristán vén da man do exsecretario de organización de Fernández Moreda -Emilio Vázquez- e a nivel local conta co apoio do Grupo Municipal Socialista.

En Ferrol, espérase que a deputada Beatriz Sestayo desborde a Veloso. Todo o mundo sabe que este proceso non é problema para ela. Salvo ausencias xa anunciadas, deberá dicir con quen quere ir ás municipais. Iso si, necesita da vitoria de Mirás, Sacristán sería un éxito póstumo da voceira municipal.

Publicado o 18 de novembro no Diario de Ferrol (enlace web).

Propaganda

É normal que ninguén crea que o acordo do pleno de Ferrol, sobre a rehabilitación integral e a elaboración do plan socio-comunitario para Recimil, sexa máis que un anuncio oportunista de boas intencións. Dende cando á dereita preocúpalle este barrio, mais cando de sempre apostaron polo seu derrube total?

Estamos ante un goberno da dereita sen xestión e apurando obras alleas grazas ao Plan Urban. Ás portas dunhas novas eleccións. Sumado á desfeita que sofre o PP con ducias de dirixentes imputados. Evidentemente, teñen medo da factura a pagar en maio de 2015.

#PPropaganda

#PPropaganda

O certo, e o vimos este domingo coa propaganda institucional, é que a dereita está nunha desaforada campaña de imaxe. Pero, os propietarios históricos e os inquilinos legalizables xa teñen todos os argumentos para amargarlle a campaña electoral a José Manuel Rey. A xente está farta de promesas.

Enlace web a @DiarioFerrol.

Anacleto

O Anacleto era aquel axente secreto para misións imposibles, que saíu das mans do ilustrador Manuel Vázquez Gallego da Editorial Bruguera. Vén isto a conto porque -e perdoen a confianza- foi un recordo que se me veu á cabeza, cando tamén acompaña ao traballador de Navantia, Xoaquín García Sinde, na súa denuncia ante os medios de comunicación, do veto recibido polo CNI.

Senón, xa me explicarán cómo é posible, nesta cidade onde todos nos coñecemos, que os nosos servizos secretos fagan un informe para denegarlle a alguén a habilitación por cuestión de seguridade. Negándolle así poder acceder a determinadas seccións da naval.

Isto non é cousa nova. Hai un tempo, un amigo avogado contábame como chegara ás súas mans un informe fotográfico, onde apareciamos xentes da esquerda ferrolá do entorno do Comité de Emerxencia. Engadir a pretensión de algunha “autoridade” de vincularnos a “grupos radicais” pola nosa oposición a Reganosa. Así, grazas á dereita as nosas forzas de seguridade van, como Anacleto, en misións inauditas.

Enlace web a “Letras de Cambio”, Diario de Ferrol.