Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Ferrol central

A curiosidade fixo que escoitara, parte das intervencións deste luns do Congreso, para a reelección de Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España.

Para Ferrol ten unha especial importancia porque están en xogo os orzamentos das F110 e outras infraestruturas, pero tamén por cuestións que vanse abrindo camiño a poucos, como é a calidade do aire que respiramos e a necesidade de sacar do casco urbano os vehículos.

Refírome a esa pasaxe do discurso de Sánchez, no que anuncia unha lei para obrigar aos concellos de máis de 50.000 habitantes (Ferrol supera esa cifra) a asegurar un aire limpo para respirar, a colación da súa defensa do Madrid Central.

Días atrás saía o estudio de Ecoloxistas en Acción “La calidad del aire en el Estado Español 2018”, cun apartado para Ferrol con deberes e esixencias específicas. Onte, Europa levantaba a moratoria e anunciaba sancións contra España polos incumprimentos.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ferrol-central/20190724224732261271.html

Sexan felices

Fáganme caso, sexan felices. Abandonen un tempo esas redes sociais con tan poucos amigos reais e tantos bulos, que expresan – de xeito desaforado – que a soidade é unha gran enfermidade actual.

Aproveiten estes días, faga ou non faga “un sol de carallo” que cantaban Os Resentidos. Aproveiten, porque van ter que desdobrase, non imos dar feito entre a segunda Beer Fest, que hoxe comeza no Cantón e un Ferrol Vello, que vai recibir a unha morea de barcos que veñen a promover o noso Camiño Inglés, “Sail the way” que din eles. Sumen o tríatlon e a feira.

Pasen hoxe tamén polo Derby ou este finde pola Room. Ah, saquen as súas camisetas de Far Away Place para este sábado á noite. Xa saben: we don’t walk, we run… e fagan un oco para o torneo europeo de baloncesto femenino en Esteiro e no Porta Nova, para o Cidade de Ferrol de xadrez.

Xentes de Ferrol, fáganme caso. Sexan felices porque a vida é de función única.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/sexan-felices/20190718001954260900.html

Similitudes

Permítanme contarlles que marchei por uns días. Así, que perdoen esta introdución, pero si quero volver agradecer á federación local das asociacións veciñais, o terme permitido acompañalos para coñecer o proceso de peonalización de Pontevedra, hai un tempo.

Aquela visita levoume a volver a esta capital de provincia, que creo que ten moitas cousas en común con Ferrol (a pesar de ter nós vinte mil veciños menos). Pero, si algo fainos parecidos é que somos “afeccionados á boa vida”. Consideramos as cidades un dereito das súas xentes, aínda que aquí temos especial capacidade de complicar o máis simple.

Do mesmo xeito que gusta ir a Canido, parar a comer no Anca, tomarse un café no Derby ou as nosas praias, en Pontevedra gustan de cousas similares nas súas rúas e prazas recuperadas. Quizais teñamos que aprender nós de Pontevedra que Ferrol non necesita trincheiras, senón un acordo básico en temas de cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/similitudes/20190711001254260355.html

Unha cidade difícil

Á noite do 26 de maio, Ángel Mato tivo moitas felicitacións e algunha visita inesperada. Todo indicaba que as esquerdas ían poñer en valor o que teñen en común. Esas coincidencias foron o argumento central para investir ao actual Alcalde de Ferrol. Pero, esas mesmas cousas parecen non permitir un goberno conxunto.

É entendible a cautela de Ángel Mato, prefire facer unha inversión a futuros en favor de consensos. Á marxe dos erros que poidan ter cometidos os negociadores, desde fóra non se entende ren. Todo sona a cotas persoais de FeC ou a que o BNG non ten ambición de goberno.

Resulta curioso que desde a sociedade civil ferrolá, e máis por aqueles que solicitan entrevistas cun goberno municipal que aínda non está nomeado, non premeran en favor dun goberno conxunto. Por poñer un exemplo práctico, probablemente neste mandato non haberá ningunha remunicipalización, é case imposible cun goberno en minoría.

——————–

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/unha-cidade-dificil/20190703234936259983.html

P.S. Quero agradecer tanto os comentarios favorables e, como non podía ser doutro xeito, tamén aqueles outros que – de xeito lexítimo – discrepan da miña opinión.

Incluso agradecer a lectura deste artigo, que vese que non resultou indiferente, a quen simplemente cre estar en posesión da verdade e usa a súa liberdade para descalificarme e, incluso, lanzar insidias (ningún foro dos que eu teña participado nestes últimos anos ten recibido subvención algunha).

Ferrol infame

Si, Ferrol forma parte de esas cen infamias supostas que Cidadáns, o señor Rivera e a señora Arrimadas, atribúenlle ao actual presidente do goberno de España e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez.

E cal é a contribución local que converte aos socialistas en xentes de mal vivir? Pois nada menos, que a elección de Ángel Mato como alcalde pola suma desa conxunción, xudeu-masónica inconfesable, que forman socialistas, comúns e nacionalistas.

Claro que o electorado ferrolán sabíamos ben o que votábamos. Non somos inocentes, así que supoño que este partido – hoxe irmán dos abascales – considerará á maioría das e dos votantes departamentais no mesmo senso.

E todo por non saber votar como deus manda! En fin. Cada un elixe e actúa como quere. Cada quen é responsable das súas saídas de ton e, por iso, cada quen é libre en caer na irrelevancia política por turrar contra os muros que mesmo levanta.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ferrol-infame/20190627003240259446.html