Sexan felices

Fáganme caso, sexan felices. Abandonen un tempo esas redes sociais con tan poucos amigos reais e tantos bulos, que expresan – de xeito desaforado – que a soidade é unha gran enfermidade actual.

Aproveiten estes días, faga ou non faga “un sol de carallo” que cantaban Os Resentidos. Aproveiten, porque van ter que desdobrase, non imos dar feito entre a segunda Beer Fest, que hoxe comeza no Cantón e un Ferrol Vello, que vai recibir a unha morea de barcos que veñen a promover o noso Camiño Inglés, “Sail the way” que din eles. Sumen o tríatlon e a feira.

Pasen hoxe tamén polo Derby ou este finde pola Room. Ah, saquen as súas camisetas de Far Away Place para este sábado á noite. Xa saben: we don’t walk, we run… e fagan un oco para o torneo europeo de baloncesto femenino en Esteiro e no Porta Nova, para o Cidade de Ferrol de xadrez.

Xentes de Ferrol, fáganme caso. Sexan felices porque a vida é de función única.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/sexan-felices/20190718001954260900.html

Far Away Place

Hai un par de anos a rúa do Sol estaba cortada. Non era por causa dun incidente, nin por unha repentina actuación de algún servizo municipal. Eran un grupo de mozos que atravesaran unha batería, e tres guitarras. Far Away Place, cun sonido moi potente, con claras influencias de ACDC, un grupo de xente moza de aquí. Xente nova que amosa claramente que Ferrol está moi vivo, que aquí hai moito para facer e que Ferrol mola.

Hai uns días recibín a súa visita. Trouxéronme o seu primeiro CD, que leva o nome do propio grupo. Foi este un traballo financiado polo sistema de microcréditos, e xunto co seu disco un par de pegatinas e unha camiseta, que podo dicir que xa estreei con orgullo nun destes días soleados.

Non se sorprendan que neste mundo globalizado – cada día máis preto – acaben tocando nun gran estadio cos grandes do rock duro. Un sonido contundente “made in Ferrol”. Parabéns e boa sorte.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/far-away-place/20190501200705255209.html