Os conxurados

Sufro de fetichismo cos libros, se de algo “material” non podo desprenderme é precisamente deles. Por iso chócame cando nas librarías atopo vellas edicións familiares, se ademais traen unha dedicatoria que supón, de feito, unha personalización a maiores.

Así estes días fíxenme cunha edición de “Los conjurados” de José Luis Borges que viña cunha dedicatoria: “Espero que nos sigas dejando símbolos derramados, pistas que te delaten, pequeñas y grandes cosas, diseminadas por los papeles; como tú sabes… y espero que los compartas”.

Os libros teñen unha historia oficial e outra propia e para min teñen un valor inmaterial. Supoño porque alguén dixo que para mudar o mundo, cómpre ler. E porque ademais, cando levan dedicatorias persoais (e pídolles perdón por esta vaidade) son testemuñas que os revalorizan e máis asinados por amigos como José Torregrosa, Xosé Manuel Sarille ou María Xosé Porteiro…

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/os-conxurfados/20200811201156286135.html

A causa das mulleres

Xosé Manuel Sarille foi profesor na FP de Barallobre, anos despois da reconversión naval. Para aqueles, que coincidimos con el naquel tempo, resultábanos un tipo peculiar. Sempre foi un heterodoxo e carecía do sectarismo militante de entón. Así que a ninguén estrañounos que fóra o artífice da asociación cultural máis grande de Galicia: a Mesa pola Normalización Lingüística, os seus libros ou toda esa xeira de artigos que foron e segue a publicar na prensa.

Agora vén de recoller nun libro artigos escritos ao longo de dous decenios. “A causa das mulleres”, que pretende ser unha contribución á abolición da prostitución. Pero, eses artigos teñen un valor engadido, vai trazando liñas desa nova masculinidade que ten que rachar co machismo e coa dominación do capital. Unha chamada aos homes para que tamén aceleren o paso. O vello mundo esmorece, e coma sempre a mazá mordida contén o coñecemento da liberdade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/a-causa-das-mulleres/20200304200656276164.html

Sarille: entre a novela histórica e a memoria antifranquista

Sarille_foto

Xosé Manuel Sarille estará dentro dunhas horas – este xoves 29 – na Galería Sargadelos de Ferrol. Invitado pola Asociación Cultural Fuco Buxán, vén a presentar a súa novela “Polos fillos dos fillos” (Candeia Editora). O acto celebrarase a partir das 20 horas, previamente, será entrevistado por diversos medios de comunicación da cidade ferrolá.

A novela é unha recreación da represión que os galegos sufrimos nos anos máis escuros da ditadura franquista. E esa etapa de consolidación do réxime nos anos corenta e cincuenta, onde toda esperanza desaparece coa derrota da Segunda República na Guerra Civil española. É tamén a recuperación da historia da súa propia familia, grazas ao cal o autor arma toda a trama da novela; e tamén a historia da represión en Castroverde (Lugo) desde os primeiros momentos do golpe de estado e as ansias de liberdade asasinadas dunha poboación labrega simpatizantes da esquerda, do partido socialista e demais partidos progresistas.

É esta unha historia ben construída, densa e comprometida cunha realidade crúa, pero, que ao mesmo tempo, resulta ser unha novela histórica, pero, tamén de recuperación e de reivindicación da memoria democrática do noso pobo, de recoñecemento ás vítimas do fascismo español.

A vantaxe que teñen os libros é que a cada cal permítese facer a súa propia lectura, pero podo asegurar que vexo nesta novela de Sarille esa prosa incisiva, comprometida a cada parágrafo e completa da mellor literatura de Saramago. Aínda que doutro xeito, por momentos teño a mesma sensación de cando lin o “Ensaio sobre a cegueira” (Editorial Caminho).

Sarille non ten o apoio mediático de moitas das grandes firmas literarias do noso País. Estamos ante unha persoa libre nas súas opinións e iso non gusta ao poder, sexa cal sexa este. De feito, na etapa xustamente anterior na Radio Galega, foi apartado da tertulia nocturna porque era crítico coas formas de facer desde o BNG co – gobernante. E todos somos coñecedores da súa militancia nacionalista e compromiso social.

O que si podo asegurar é a súa calidade literaria, a nivel de calquera dos grandes da literatura galega. Este xoves temos unha ocasión para escoitalo, e tamén, para facernos coa súa novela. Que como di nela: para cambiar o mundo, cómpre ler.

Vémonos alí, na Galería Sargadelos de Ferrol, ás 20 horas.