Sarille: entre a novela histórica e a memoria antifranquista

Sarille_foto

Xosé Manuel Sarille estará dentro dunhas horas – este xoves 29 – na Galería Sargadelos de Ferrol. Invitado pola Asociación Cultural Fuco Buxán, vén a presentar a súa novela “Polos fillos dos fillos” (Candeia Editora). O acto celebrarase a partir das 20 horas, previamente, será entrevistado por diversos medios de comunicación da cidade ferrolá.

A novela é unha recreación da represión que os galegos sufrimos nos anos máis escuros da ditadura franquista. E esa etapa de consolidación do réxime nos anos corenta e cincuenta, onde toda esperanza desaparece coa derrota da Segunda República na Guerra Civil española. É tamén a recuperación da historia da súa propia familia, grazas ao cal o autor arma toda a trama da novela; e tamén a historia da represión en Castroverde (Lugo) desde os primeiros momentos do golpe de estado e as ansias de liberdade asasinadas dunha poboación labrega simpatizantes da esquerda, do partido socialista e demais partidos progresistas.

É esta unha historia ben construída, densa e comprometida cunha realidade crúa, pero, que ao mesmo tempo, resulta ser unha novela histórica, pero, tamén de recuperación e de reivindicación da memoria democrática do noso pobo, de recoñecemento ás vítimas do fascismo español.

A vantaxe que teñen os libros é que a cada cal permítese facer a súa propia lectura, pero podo asegurar que vexo nesta novela de Sarille esa prosa incisiva, comprometida a cada parágrafo e completa da mellor literatura de Saramago. Aínda que doutro xeito, por momentos teño a mesma sensación de cando lin o “Ensaio sobre a cegueira” (Editorial Caminho).

Sarille non ten o apoio mediático de moitas das grandes firmas literarias do noso País. Estamos ante unha persoa libre nas súas opinións e iso non gusta ao poder, sexa cal sexa este. De feito, na etapa xustamente anterior na Radio Galega, foi apartado da tertulia nocturna porque era crítico coas formas de facer desde o BNG co – gobernante. E todos somos coñecedores da súa militancia nacionalista e compromiso social.

O que si podo asegurar é a súa calidade literaria, a nivel de calquera dos grandes da literatura galega. Este xoves temos unha ocasión para escoitalo, e tamén, para facernos coa súa novela. Que como di nela: para cambiar o mundo, cómpre ler.

Vémonos alí, na Galería Sargadelos de Ferrol, ás 20 horas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s