Este xoves o Teatro Jofre de Ferrol estaba ó completo (ver fotos). Non cabía ninguén máis. Era a estrea do documental “O Segredo da Frouxeira”; un proxecto común que desde a Asociación Cultural Fuco Buxán e os amigos da Asociación de Memoria Histórica Democrática e da Fundación 10 de Marzo, tíñamos unhas grandes ganas de ter consumado.
Este documental magnificamente realizado polo amigo Xosé Abad – e acompañado na fotografía por Suso Bello, na montaxe por Sandra G. Rey, na produción por Héctor Diéguez, na música orixinal por Marcelino Galán, a voz solista é Estíbaliz Espinosa e o son foi a cargo de Zen Audio Pro – relata a represión fascista no antigo Concello de Serantes (hoxe integrado no de Ferrol) en 1937 que acabou cos asasinatos do seu alcalde republicano Alejandro Porto Leis e os tres amigos que o ocultaron até que os catro foron “paseados” na Praia da Frouxeira (Valdoviño): Modesto del Río Polo, Jesús Miño Loureiro e Avelino Landeira Maneiros .
Reconstrúe a vida destas persoas boas, e tamén das súas familias. Os fascistas non contentos cos asasinatos, propagaron infamias sobre eles, e conseguiron afastar aos propios familiares uns doutros, sementando dúbidas sobre eles. O documental é unha achega á verdade histórica, pero tamén á reagrupación destas familias que dobremente pagaron a envexa e a barbaridade do franquismo.
A proxección, desde os primeiros minutos, encheron ao auditorio dunha forte carga emocional, e que a duras penas logramos conter a bágoas. A baixeza falanxista, as testemuñas, a confesión – cuxo orixinal atópase no Arquivo Militar de Ferrol – conseguida baixo tortura e asinada coa propia sangue de Porto Leis, o roubo dos bens dos represaliados, as vidas frustradas dos fillos…
Como o documental conta co apoio de diversas Institucións, entre elas a propia TVG, é de esperar que pronto chegará ao público galego. Tamén colaboraron os Concellos de Ferrol e da Coruña e a propia Deputación. Sexa pola tele ou directamente a través do DVD non volo perdades, paga a pena. Os figurantes son membros do grupo ferrolán Bartoleta Teatro e da propia Fuco Buxán.
Non é a primeira vez que Xosé Abad participa nun proxecto con Fuco Buxán, leva xa moito tempo colaborando coa nosa revista “Razón Socialista”, así como na homenaxe galega a Isaac Díaz Pardo. Grazas Xosé, polo teu compromiso e profesionalidade.