O BNG de Fene en caída libre?

limpando-o-baston-ivan

Acaba de romper o BNG o goberno municipal de Fene, que está encabezado polo amigo e alcalde socialista Iván Puentes. Malas novas para o conxunto das forzas progresistas.

Os argumentos dos nacionalistas, do seu voceiro e dirixente da UPG Manuel Polo, son cando menos “insubstanciais”: falta de “dinamismo” do propio Iván, do concelleiro de Facenda e Urbanismo “Lalán” e practicamente do conxunto do grupo socialista. Xa se sabe, estes “roxos”… vagos e maleantes, como aínda din os de dereitas. Eses que levan nesta etapa facendo pinza co propio BNG fenés en contra do Alcalde e do Partido Socialista.

O problema radica en que tras máis de dúas décadas de gobernos de maioría absoluta do nacionalismo fenés, aínda non se afixeron á nova realidade, xunto con que a propia Administración fenesa segue a ser unha imaxe da propia composición interna do BNG local, sobre todo en postos administrativos clave.

O ataque a Iván é un intento á desesperada de que non se consolide a hexemonía socialista en Fene. Pero, quizais estrañara o ataque a Lalán – porque se por algo se destaca é por un exacerbado dinamismo – senón fóra porque desde a UPG ven a posibilidade de atacar a quen compatibiliza as súas funcións municipais coa Coordinación do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Quizais, agora, desde fóra tamén vexan porque na cidade de Ferrol non lle perdoan ao Coronel Paco Rodríguez o seu apoio a Reganosa.

Unha nota ao marxe: supoño que Iván, agora sabe do erro que cometeu aceptando a dimisión como edil do anterior voceiro socialista, Antón Noceda, tras os seus enfrontamentos co grupo municipal do BNG. O obxectivo do nacionalismo fenés dirixido polo upegallo Manuel Polo non era contradicir o “mal carácter” do amigo Antón, senón o propio Alcalde e o partido socialista. Por certo, que pensan os do Colectivo “Avante” do anterior Alcalde Xosé Rivera Arnoso? En todo caso, a Antón xa o víchedes onte no Diario de Ferrol (a foto é de J. Sarmiento), ao lado de Iván e José Antonio, actual voceiro socialista.

Hai tamén dentro do BNG, máis acentuado na comarca ferrolá, a idea de que están en caída libre e lles prexudica estar en coalición cos socialistas (en Pontedeume seguen a ter alcalde do PP en minoría, por isto tamén). Hai quen considera que lles iba mellor cando Fraga gobernaba e eles estaban ao fronte da oposición. Evidentemente, é máis fácil iso que gobernar.

Seguir lendo

Carmela Silva en Fene

carmela_fene111208_33

Este xoves, na comarca de Ferrol, tivemos ocasión de escoitar á actual voceira do Senado polo PSOE, Carmela Silva. Estivo en Fene invitada polo seu alcalde, Iván, e a Agrupación do PSdeG.

Este foi un acto público diferente aos que estamos acostumados. Aí, atrás, cando foi elixida voceira socialista escribín que Carmela ía dar moitas sorpresas. Quedou claro que a pesar do nivel que como voceira parlamentaria está, non sofre o chamado “mal de alturas”.

Mágoa de non ter gravada a súa intervención. Soubo explicar as políticas do Presidente Zapatero, das políticas económicas e sociais, que o PSOE está a desenvolver nesta situación de crise económica, co nivel suficiente de autocrítica, dun xeito que calquera a pode entender, sen botar man de estatísticas ou eufemismos, as cales moitos políticos están a feitos.

A súa intervención foi pausada, didáctica e nunha linguaxe preto da xente. Non falaba o político profesional, senón unha persoa que vive na súa casa, que toma café onde o toman os demais. A verdade ca xente que estaba presente, viron que podía serlles alguén moi familiar.

Previamente, o amigo Antón Noceda (concelleiro neste concello), e o senador Xavier Carro falaron. E, evidentemente, outra vez Iván. O alcalde – resúltame difícil chamalo así – todos e todas o chamamos polo seu nome, fixo unha das súas intervencións típicas. De esas que combina paixón, vehemencia e arrase. Carmela e Iván son un bo cartel para un mitin. A verdade que a sintonía entre eles foi inmediata. Representan o mellor dos “novos” dirixentes socialistas galegos.

Ao longo da tarde foi divertido ver como mentres saltabamos de tema en tema, resolvían asuntos propios dos seus cargos. Houbo momentos na que practicamente todos, Carmela, Iván, Antón, María, Ruth, estaban a falar polos seus móbiles. Iso sen contar co maratón mediático que lle preparamos a Carmela, entrevistas en Localia, Diario de Ferrol e Radio Fusión (Radio Fene).

Que me perdoen estas pequenas intimidades (e pinchade nas fotos até agrandalas) .

carmela_fene1112082carmela_fene111208_21carmela_fene111208_41carmela_fene111208_51

Fene con Palestina

Catel Fene con PalestinaEsta semana, debe ser por iso de non perder o costume, desde a Asociación Fuco Buxán facemos doblete. Este martes 22 de Abril en Sargadelos Ferrol, houbo un acto sobre a actual situación medio ambiental e urbanística de Galicia. Participaron nel Antón Masa, presidente da Asociación pola defensa da Ría de Pontevedra; Xosé García, secretario xeral de Verdegaia e Rosa Méndez, directiva de Fuco Buxán e Doutora en Humanidades, especialista en Patrimonio Público. O encargado de presentar o acto foi o amigo, compañeiro e pintor Víctor García Novás.

 Así mesmo, na Casa da Cultura de Fene, inauguramos a exposición “Resistencias palestinas ao outro lado do Muro”. Como xa sabedes esta exposición xa a levamos a Santiago, á Fundación Araguaney (setembro 2007), como a Ferrol á Galería Sargadelos (novembro 2007).

 A exposición rematará o 8 de maio. No acto de peche falarán Teresa Martinez (directiva de Fuco Buxán), Magali Thill (subdirectora de ACSUR – Las Segovias), Mohamed Safa (OLP) e o alcalde socialista e amigo Iván Puentes. Será ás 20 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura en Fene.

A exposición consta dunha serie de fotografías de Haneen Kandalaft de Nazareth, Jamal Aruri de Ramallah, de Mathew Cassel e Gary Fields dos EE.UU., do español Raúl Gallego e da campaña “Stop The Wall”.

Debedes saber que ACSUR, xa ten delegación en Galicia. Ao seu cargo está Dolores Queiro, recen chegada de traballar en Guatemala. Sendo esta substituída polo amigo Ian Ingelmo, que lembraredes que foi o noso profesor de vídeo comunitario en “Ferrol, polo mar e a vida”, xunto con Silvia Chocarro. Para contactar coa delegación na Coruña podedes facelo a través do correo galiza@acsur.org.

Xa para rematar, adiantarvos que o 9 de maio virá Ceferino Díaz a presentar o seu libro “A esforzada conquista da Autonomía”. Un interesantísimo traballo sobre como se desenvolveu a historia que dou lugar ao actual Estatuto de Autonomía de Galicia.