Así non

A semana pasada a concelleira de Urbanismo e o alcalde de Ferrol manifestaban a súa alegría -tras pasar o trámite ante Patrimonio da reforma de Armas- e máis, pola sintonía plena coa técnica da Xunta. Pero, nisto saía a voceira do PP local a dicir que había problemas e así foi na resposta oficial. A Xunta vincula a reforma á tutela por parte da súa área de Urbanismo, cando non hai obriga legal de manter o aparcadoiro subterráneo.

Coñecíamos a decisión do Consello de Ministros declarando o Arsenal e outros bens (con case catro millóns de m2) zona de interese nacional, sen contar coas necesidades de Ferrol no seu desenvolvemento. Aquí o importante non é a defensa nacional, senón facer caixa a costa da cidadanía.

Algo terá que dicir o señor Conselleiro e candidato “in pectore” sobre estes “contratempos”? Porque, así non. Ferrol importa, temos dereito á cidade e a que creza gañando o futuro.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/asi-non/20180503011136224748.html

Esperando a Banksy

O pertencer a unha cidade, con tanta historia, como Ferrol ten a súa contrapartida. Moitos e moitas cren que deben amosar a súa faciana máis combativa, aínda que sexa en negativo. Vén isto a conto polo pequeno maremoto que segue a provocar se o mural dos dous gardas civís bicándose é, ou non é, obra de Banksy. O certo é que, unha vez máis, Ferrol volve a ocupar as portadas dos medios de comunicación nacionais.

Fronte a isto hai un sector de xentes tristes, que soen aproveitar o anonimato das redes sociais, usan a descualificación máis absoluta novamente e non perdoan en Edu Hermida o seu ferrolanismo. Aos que están a esperar por Banksy (non se sabe se para petarlle un lapote), que saiban que nada lles pedimos porque sabemos que nada teñen que aportar. Mais, si hai que rachar os atrancos que teñen aqueles que si traballan por un Ferrol vivo. Ánimo, que hai todo un mundo novo por diante!

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/esperando-a-banksy/20180426003358224057.html

Sempre Recimil

O barrio de Recimil non ten boa sorte, a maioría das noticias que temos as e os ferroláns na memoria son en negativo. Non é culpa da xente que vive nel. Fundamentalmente, é causa dunha incapacidade -case xenética- da mal chamada “clase” política local. Incapaz por chegar ao Concello sen unha idea de cidade, para cando máis se teñen que dar valor a este céntrico barrio, na que moitos buscaban xustificar -hai uns anos- a súa demolición para especular.

Ser conexión entre Esteiro, o centro e os Ensanches. A súa praza de abastos, os espazos interiores, ou o propio colexio de Recimil son valores a reivindicar. Lonxe queda a ilusión de plans socio comunitarios e censos varios. A desidia, das diversas administracións e dos sucesivos gobernos locais, é responsable do que acontece. As “okupacións” e os problemas de convivencia son produto de quen non asume a súa función como administración.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/sempre-recimil/20180412011200222508.html

Fragatas F110

Onte víamos ao ministro Montoro fachendoso na presentación do proxecto de Orzamentos. Unha das partidas que máis crece é a dedicada á defensa nacional, cuestión que para Ferrol implica abrir unha nova etapa, como é a do inicio da construción do novo modelo de fragata F110 e que vai beneficiar -directamente- a ocupación de Navantia. Foi esta unha demanda dos traballadores e unha reclamación da Armada, necesitada dunha renovación da súa flota.

O curioso é que saímos beneficiados do molestos que están na OTAN, co éxito de Rusia na guerra de Siria contra o Daesh, e que reclama unha suba do gasto militar aos países membros. Fronte a isto, non hai nada reseñable para Feve, as Pías, o tren Ferrol Coruña ou nada que implemente o noso porto exterior. Os impostos van a cargo dos traballadores, parados e clases medias. Ah, a Garda Civil é convertida por Montoro en axudante do shériff de Nottinghan.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/fragatas-f110/20180404222656221668.html

Mexar por fóra

A crise foi usada para desmantelar e hipotecar os servizos públicos e lastrar a remunicipalización de aqueles que foron privatizados. Unha vez na batalla pola súa recuperación, ás arcas e á xestión municipais, hai todo tipo de situacións. Resulta curioso que en Ferrol foi a lea entre as esquerdas o que acabou por bloquear a mesma. Así, esta bandeira, quedou en mans de plataformas nas que substancialmente -é certo- están as mesmas persoas.

Á marxe disto, un bo amigo diríalles que xudicializar a política é un erro de fondo que leva a ningures. Máis, cando non se entende que non traballen pola cuestión esencial e primeira a conseguir das tres forzas da esquerda: uns orzamentos pactados que conteñan estas demandas cidadás. O outro -dito con cariño- é mexar por fóra. Reforza, ademais, a idea dunha vendeta por estar a carón de aquela que non ten ningún problema en pactar coa dereita.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/mexar-por-fora/20180321223509220287.html