Epistolario

Desde onte xa hai, en algunha libraría de Ferrol, o epistolario de Ricardo Carvalho Calero e Ramón Otero Pedrayo. 320 páxinas baixo o título de “Polos camiños das horas”. É este un traballo que, por mor da pandemia, chega xusto cando acabou o ano das Letras Galegas que a Real Academia adicoulle ao intelectual ferrolán.

Esta edición a cargo de Patricia Arias Chachero, Nélida Cosme e Adrián Estévez Iglesias permítenos achegarnos ás figuras de Carvalho e Otero Pedrayo, así como a unha parte fundamental da historia da Editorial Galaxia, da Universidade de aqueles tempos e da propia Real Academia Galega.

Mais este libro é sobre todo a testemuña da longa e fonda amizade entre Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carvalho Calero. Unha publicación que conta con diversos preámbulos institucionais e unha achega específica de Alonso Montero. Un libro que, por afectar a Carvalho, ten un grande interese para Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2681163/epistolario

Unha flor e un libro

Foi moi interesante a campaña destes días atrás, co motivo do día de San Valentín, onde participaban florerías, Deputación e o propio Concello e o seu Centro de Iniciativas Turísticas repartindo por todo Ferrol unha morea de flores. Son campañas en apoio ao comercio local en positivo e que deben seguir a desenvolverse.

Pero, xa que estamos a xusto unha semana – o vindeiro mércores será o día de Rosalía de Castro – permítanme facerme eco da axeitada proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para ese día. Esta vez estarían implicadas as florerías e as librarías da cidade, porque do que se trata é de aproveitar o próximo 24 de febreiro para regalar, a alguén preto de nós, unha flor e un libro en galego.

Unha especie de San Jordi, pero con fondo sentir e raizame galega. Porque como tráenos a voz de Rosalía, “cantarte hei” porque estes son “os teus doces cantares”.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2623025/unha-flor-e-libro

Manuel Lago

Vaia por diante que non teño ningunha relación con Manuel Lago que, recentemente, acaba de ser nomeado conselleiro de Navantia. Nin coincidimos no campo sindical nin na filiación política. Pero, si son consciente de quen estamos falando. Persoa solvente, economista que leva toda a vida vinculada ao movemento sindical, profesor da Universidade da Coruña, ex director financeiro da TVG…

O seu currículum é o seu mellor aval. Obviamente, para ocupar un posto que depende do ministerio de Traballo, da ferrolá Yolanda Díaz, nunha empresa pública como da que falamos, non resulta estraño este nomeamento. Senón, a quen ían nomear? A “un amigo” de Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG?

Vén isto a conto, porque creo que as persoas merecen respecto e non ser insultadas por acceder a un posto de representación e máis se veñen avaliadas polo seu perfil profesional e social. Manuel Lago cumpre sobradamente.

Diario de Ferrol, 10 de Febreiro de 2021

Ucha

É de ben nacido ser agradecido. Por iso, o nomeamento como fillo adoptivo de Rodolfo Ucha, que a actual corporación municipal de Ferrol está tramitando é axeitado. Así, tamén, hai que dicir que o vídeo protagonizado pola súa filla Lucila é moi emotivo. Non resulta estraño que xa supere varios milleiros de visualizacións.

Deste recoñecemento todas e todos debemos sentirnos partícipes. Ucha é o responsable de que Ferrol sexa quen de poder presumir dun amplo legado modernista (e, polo tanto, do chamado “Art Nouveau”), comparable con outras moitas grandes cidades europeas.

Cuestión que débese ao bo facer de quen foi arquitecto municipal durante moitos anos, e como el dicía pola capacidade dos traballadores de Ferrol para desenvolver de xeito salientable os diversos oficios. Na Magdalena, especialmente, vese a pegada de Rodolfo Ucha. A capacidade de crear e un xeito de ser e vivir. Si, Ferrol é moderno.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2435253/ucha

Autoconfinados

Tras “salvar a campaña do nadal” agora, o presidente Feijóo, obríganos a confinarnos por tres semanas – na práctica – nas nosas casas e a que as rúas queden o máis baleiras posibles, a partir das seis da tarde. E xa ven, a Xunta non ten ningunha culpa, nin os recortes na sanidade pública, nin de que haxa “espabilados” que, acostumados a usar os recursos públicos como se fosen privados, vacinen aos seus por diante da xente en risco e por diante dos sanitarios da primeira liña.

Si, a culpa é de vostede. E do señor alcalde de Ferrol e dos policías municipais que non multan dabondo. A culpa é nosa, que non entendemos que a hostalería quede pechada (mentres os estudantes de fóra de Ferrol, onte pola tarde comían de bocadillo ás agachadas pola praza de España por non ter a onde ir). A culpa é nosa por desexar saír de xolda cando nin chegou a primavera.

Pero, agora xa foi. Autoconfinados. É o que toca.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/autoconfinados/20210126233918295658.html