Kit de supervivencia

Hai moitas cousas que foron a máis nestes tempos da pandemia. Hai sectores políticos – económicos interesados en trasladar ao conxunto da sociedade unha situación permanente de medo. Restrinxir as liberdades individuais. Por iso están tan prestos a promover desde a extrema dereita ao odio contra das mulleres, aos sectores de clase traballadora ou moza con conciencia de seu…

Quizais unha das novidades sexa a dun suposto apagón eléctrico e algúns, levados dun sentimento de precariedade absoluta, pasaron de acumular papel hixiénico a mercar un kit de supervivencia en algunhas tendas de Ferrol e comarca. Ben polo comercio local, aí nada hai que dicir, só desexarlles que fagan bos negocios. Mais, para o conxunto da sociedade o mellor “kit de supervivencia” é o funcionamento dos servizos públicos, do estado social e democrático, do “estado de benestar”. O mundo vaise acabar, pero non será aínda.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3304909/kit-supervivencia

Disputas partidarias

José Manuel Rey cre estar máis preto de volver á alcaldía, máis se hai disputas entre os progresistas. Sabe que sería o principal beneficiado dunha “fronte de esquerdas” contra o partido socialista. Por iso, é tan importante que este e Ferrol en Común retomen o diálogo para aprobar o crédito, que debe servir para ir desenvolvendo os orzamentos municipais, que co BNG aprobaron.

Bloquear a súa execución porque “ía lento” non é un argumento válido, nin tampouco a pretensión do PP de atrasar o reloxo para, cando toque, ser eles quen “inauguren” a gran transformación que Ferrol necesita. No progresismo debe primar a colaboración. Hai moito tempo que as súas diferenzas é produto só das súas tradicións. Neste tempos, o “renegado” Kautsky e a vía institucional marcan a liña do conxunto das esquerdas na política xeral, e máis no ámbito municipal, que trata por riba de todo “do socialismo das pequenas cousas”.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3295501/disputas-partidarias

Fochas

O goberno local de Ferrol ten un amplo programa de remodelacións de moitas das vías da cidade. Iso é algo que ninguén pode negar, á marxe de que – é certo – xa estamos de cheo nunha longa precampaña, que acabará por materializarse en maio de 2023, cando co noso voto decidamos a nova corporación. De aí que, cada vez, teñamos máis ruído e constantes saídas de ton da “leal oposición” (por usar un término monárquico… se mo permiten).

Si creo que todo o que ten que ver co mantemento da cidade debera ter un pacto que sumara a todas as forzas políticas e con achegas económicas plurianuais. Sería o sensato. Achacarllo ao alcalde, é dicir, á súa concelleira de obras Ana Lamas, o mal estado das rúas de Ferrol é pretender ocultar que vaise facendo a poucos, xa que é imposible ter “impoluta” o conxunto da cidade. É dicir, que isto é unha “herdanza”, tamén, de anteriores mandatos e así até a orixe dos tempos.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3250497/fochas

Máis ou menos (orzamentos)

Á cidadanía resúltanos difícil seguir os debates sobre orzamentos e, nestes días, súmanse aos Xerais do Estado os da Xunta. Con respecto aos primeiros vimos como Podemos saúdaos efusivamente e, a nivel local, Ferrol en Común falaba de presentarlle emendas (igual non saben que eles tamén son goberno de España). No BNG están na corda frouxa, porque se novamente quedan fóra do acordo, para eles será unha lexislatura sen influenza no parlamento estatal.

Peor sorte mediática tiveron os senadores do PP local. O mesmo día que mal falaban deste borrador de orzamentos, o goberno de España licitaba a primeira fase da nova entrada das Pías. E se miramos aos da Xunta, pouco máis que unha nova delegación e pedir a Madrid a Zona Franca, no medio dunha baixada de investimento para o conxunto de Galicia de seis puntos e unha nova rebaixa fiscal que, unha vez feitos os números, só benefician aos grandes patrimonios.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3243484/mais-ou-menos-orzamentos

O norte de Galicia

Nestes días, a alcaldesa de Lugo Lara Méndez e o alcalde de Ferrol Ángel Mato facían causa común para esixir que, as dúas cidades, tiveran as comunicacións adecuadas co resto do país. Para mostra da situación, o que está a acontecer nas liñas de buses Ferrol Coruña, que só “funcionan” cando – previamente – anúncianse que van a facer presenza os inspectores da Xunta.

Cuestión que repítese co trazado do tren á cidade herculina, a exclusión do AVE ou, de facto, das infraestruturas do Eixo Atlántico. Todo isto, cunha hexemonía da dereita nos corenta anos de Autonomía, hoxe con Feijóo á fronte. Pero a cuestión deste desleixamento do PP con Ferrol vén da man de que o presidente da Xunta representa – fundamentalmente – os intereses cativos da dereita coruñesa.

Sumar esforzos con Lugo é un asunto estratéxico. Máis sería axeitado engadir un pacto por Ferrol. Poñer á cidade e á comarca por diante, por unha vez.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3231096/norte-galicia