WhatsApp

Este luns, día 4, as redes sociais de Facebook, Instagram e WhatsApp caeron e durante algo máis de seis horas estivemos desconectados desa “realidade virtual”. Hai quen pensa que supuxo unha enorme perda para as empresas, que se perderon moitas ocasións de negocios. Hai quen pensa que foi un grave problema para os usuarios que durante ese tempo non puideron interactuar coas súas “amizades virtuais”, creando ademais problemas de ansiedade en determinados grupos de poboación.

Un ten curiosidade por saber a incidencia na economía de Ferrolterra. Pero, no caso das persoas, de verdade que supuxo un dano? Imaxinen a eses que usan as redes para queixarse de todo o que acontece na cidade e polo contrario, imaxinen cantos “post” non escritos ou cantas fotos de postureo non subidas. Seguro que este luns moitos falamos por teléfono ou aproveitamos para quedar en algures, cara a cara. Como toda a vida.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3222910/whatsapp

A longa marcha

É evidente que os tempos políticos non son os mesmos que os da cidadanía. Quedan dous anos para as eleccións municipais e pouco máis dun ano para a proclamación de candidatos e para a confección das candidaturas, e nótase que isto pon nerviosas as diversas formacións. Todas están no discurso tremendista e sumando esforzos para danar a imaxe electoral do actual goberno municipal de Ángel Mato.

O problema de sobreactuar é que en exceso vólvese contra quen a exerce. Queda moito, pero tanto FeC como o BNG deberán explicar como pensan paliar o seu erro estratéxico de non formar parte do actual goberno. Pola banda da dereita, José Manuel Rey deberá ser cauto se non quere axudar a consolidar unha opción máis á dereita do seu propio partido, de feito hai quen está intentando capitalizar a frustración á que leva iso de que “todo en Ferrol está mal”. As municipais do 2023 abrirán un novo ciclo político.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3213646/longa-marcha

Camiños de ferro

O deseño das infraestruturas responde sempre aos intereses económicos, pero tamén ideolóxicos. Non é algo irrelevante, nin vén “porque agora tocaba”. Vén isto a conta porque os Verdes alemáns acaban de facer unha proposta para unir 200 cidades europeas con 40 liñas de ferrocarril e os seus pretendidos homólogos españois de “Más Madrid”, súmanse sen máis a esta proposta.

Basicamente, a proposta para a península exclúe ás comunidades de Cantabria, Asturias, Castela – León e Galicia e non respecta a decisión estratéxica do goberno portugués de priorizar o Eixo Atlántico, reforzando así o proxecto “aznariano” que buscaba o efecto aspiradora de recursos para Madrid, quebrado coa crise do 2008. Calquera tipo de integración territorial debe asumir a pluralidade peninsular. O corredor cantábrico e o eixo atlántico – con Ferrol de vértice – forma parte de todo proxecto de país que mereza tal nome.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3169385/caminos-ferro

Moda Ferrol

Estes días o Diario recollía, nas súas páxinas, que se está a celebrar a semana da moda de Madrid. Igual para a maior parte da sociedade ferrolá esta nova é unha máis sen maior repercusión, alén da recuperación dunha certa normalidade pre-covid. Seguramente, moitos pensan erroneamente que, as tendas ferrolás de roupa e complementos, son só unha “correa de transmisión” entre a industria téxtil e o consumidor final.

O certo é que estes días, que un saiba, dous comercios locais: “El Dique Moda Home” e “María Barcia Boutique” (moda muller) asistirán esta fin de semana a esta nova convocatoria que, particularmente, está centrado nos eventos. E debemos engadir que estamos ante dúas empresas locais que teñen marca propia de roupa e, polo tanto, poderíamos dicir que “exportan” moda deseñada e feita nesta comarca, cunha enorme calidade e a prezos competitivos. Un xeito de promover tamén a “marca” Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3159059/moda-ferrol

Pepitas

É certo que teño devoción por esta cidade nosa. Ferrol coas súas afoutezas e coas súas debilidades. É certo que son dos que pensa que necesitamos de cousas que unan, que sirvan para apuntalar un relato común necesario para todo proxecto de cidade.

É certo, tamén, que teño recoñecido nestas páxinas, xa hai uns anos, que as Pepitas – que este ano celébranse en setembro por mor da pandemia – eran practicamente o único que formaba parte da nosa identidade común, por riba de leas sociais ou políticas.

Máis, nos últimos anos, estamos a construír ese novo relato que, a poucos, van deixando de lado o vitimismo e o desleixo que afecta a Ferrol: As Meninas, O Camiño Inglés, Ferrol da Ilustración, Batalla de Brión… Poden parecer cousas pequenas, pero son fundamentais como banda sonora da cidade soñada e que, por tanto, seremos. Porque, a ciencia certa, somos o que soñamos e o camiño que facemos.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3151040/pepitas