10 de Marzo

Nuns días, en Ferrol e a súa comarca estaremos celebrando o cincuenta aniversario de aquel outro 10 de marzo, que tanta dor e feridas deixou. Pero, a pesar desta singularidade e da petición feita por quen estiveron en primeira liña, fronte as balas da represión franquista, non veremos unhas mobilizacións unitarias. Para outros era moito máis importante marcar diferenzas de grupiño e facer unha lectura separada.

Agora que tanto falamos de memoria histórica, de contribuír coa verdade dos feitos ao reforzo da democracia e do estado de benestar, deberíamos facer contas e saber se ter permitido lecturas sectarias, para alimentar un discurso de aqueles que nin estiveron nin se lles esperaba, valeu a pena. E todo por iso de escapar de situacións incómodas por dicir que a verdade histórica foi a que foi. Agochar os problemas e permitir lecturas interesadas só serviron para confundir as cousas.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/10-marzo-3475510

Ben Común

Á marxe das súas deficiencias, o 15M logrou implementar un amplo debate sobre a necesidade de revitalizar a democracia e impulsar a súa base material, o Estado de Benestar. Debate tamén transversal nas forzas de esquerda, aínda que estas andan máis preocupadas en asuntos internos.

Por iso, son tan importantes as propostas de plataformas como “Iniciativa Ben Común”, especialmente cando quen provocou a crise económica, e na esperanza de ocupar case todo o poder político o 20N, sobreactúa coa intención de xustificar a ruptura unilateral dos pactos da Transición e así, desmantelar o débil modelo social e político español nacido coa Democracia.

As propostas de transparencia e rexeneración democrática, de maior proporcionalidade na lei electoral, de priorizar as necesidades das persoas, a defensa da nosa identidade nacional como pobo; que dende a plataforma Ben Común están a propoñer deberan chegar a bo porto.

Quizais, a proposta de candidaturas conxuntas da esquerda para o Senado sexa difícil de artellar pola proximidade das eleccións xerais. Pero, tras reunirse con Esquerda Unida e o Bloque Nacionalista Galego, en breve os do “Ben Común” farano coa dirección nacional do PSdeG. Unha proposta necesaria e similar ao acordo entre as esquerdas catalás.

Que todas as propostas frutifiquen en acordos, abrindo novos vieiros para a construción dunha saída progresista á crise e dunha verdadeira alternativa política en Galicia.

Ver artigo no Diario de Ferrol.