Estaremos no Foro Social Galego

acceso_librefsgal1

 

Son consciente de que desde hai un mes teño un pouco abandonado o blog. Muitas cousas están a pasar, e que me impide ter a cabeza clara para poder escribir cun pouco de tranquilidade. Prosiguen as folgas en Megasa, disolveron a miña quenda de Laminación e pasei á sección de Acería; estiven traballando no número 25 da revista Razón Socialista, e entrevistáronme en Radio Filispim (escoitar audio).

Tamén, teño boas novas para mediados desta semana entrante: o festival o día 10 en favor de Cuba, no Teatro Jofre de Ferrol e unha nova – que ten que ver cunha amiga de Vigo – que ocurrirá o xoves 11 de decembro en Fene, e que aínda non queiro adiantar.

Máis este domingo 7 estarei en Compostela, representando á miña asociación no Plenario do Foro Social Galego. Dende o venres 5 de decembro a Asociación Cultural Fuco Buxán está a participar no mesmo.

O Foro Social Galego recolle a un centenar de entidades de toda Galicia, desde sindicatos de clase e agrarios, a Fundacións e asociacións socio-culturais, que apostan pola transformación social do planeta dende unha perspectiva de progreso e, obxectivamente de esquerdas. Supón a conexión de Galicia ao movemento internacional auspiciado polo Foro Social Mundial, e que ten a súa sede central en Brasil. Galicia súmase así tamén ao Foro Social Europeo.

A Asociación Fuco Buxán vai participar nos debates, así como na Carpa das Asociacións, cunha mesa propia, que será un divulgador durante esta fin de semana no FSGal, das actividades desta propia asociación cultural, das nosas publicacións audiovisuais (entre eles o vídeo protagonizado pola nosa ría contra Reganosa, e publicado dentro do acordo entre Fuco Buxán e Acsur no Noticiario Intercultural: “Ferrol, polo mar e a vida”), dos nosos libros e da nosa revista Razón Socialista; esta última xa leva 13 anos de existencia. Fuco Buxán naceu en 1999.

Este sábado 6, na Facultade de Filoloxía de Santiago, un dos puntos neurálxicos do FSGal, ás 12h, e a proposta de Fuco Buxán, do Comité Cidadán de Emerxencia e da ONGD Acsur – Las Segovias, celebrarase un debate que afecta á ría de Ferrol. Este celébrase baixo o título “Galicia, Territorio, Enerxía, Seguridade, Mobilización Social: O caso Reganosa”. Participarán: Manuel Rodríguez Carballeira (Voceiro do CCE e presidente de Fuco Buxán, Luz Marina Torrente (Presidenta da Plataforma de Veciños de Meá – Mugardos), os profesores Manuel Amorím e Carlos Álvarez e o ecoloxista Humberto Fidalgo.

O domingo 7, a Asociación Fuco Buxán, participará no Plenario das Asociacións do FSGal, no Auditorio de Galicia, onde se debaterán as propostas para os vindeiros tempos, a nova convocatoria do ano 2009 e a participación no Foro Social Mundial. O Foro Social Galego supón a consolidación dun movemento social transformador para outra Galicia e outro mundo que é posible.

Enlace ao programa completo do FSGal

Tes unha cita co Foro Social en Ferrol: Participa!

fsgal_decembro20081

Do 5 ao 7 de decembro a presenza do Foro Social Galego en Compostela cobra especial importancia,  porque supón a consolidación dun organismo onde diversos colectivos e persoas estamos elaborando e construíndo alternativas ao longo do país, no senso de provocar un cambio de sociedade; pero, tamén, ante a crise provocada no sistema financeiro polos especuladores, co beneplácito da maioría dos gobernantes neoliberais do Mundo.

Na comarca ferrolá, este vindeiro venres 28 de novembro, ás 20 horas no Salón de Actos do Ateneo Ferrolán, en réxime de auto convocatoria, aberta a todos os movementos e entidades que así o queiran, ademais, de persoas a título individual farase a presentación do Foro Social Galego.

Esta convocatoria ferrolá está organizada pola Marcha Mundial das Mulleres, Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e a Asociación Fuco Buxán. Abrirá o debate a amiga Lupe Ces.

Para máis información sobre o FSGal, pincha aquí.

Descárgate o programa do Foro en pdf.

Escoita a cuña de Radio Filispim.

Un goberno de progreso para Ferrol

Un grupo de cidadáns e cidadás, a título persoal, ante a situación do Concello de Ferrol, manifesta:

En Ferrol hai unha maioría de esquerdas, como se demostrou nas últimas eleccións municipais. O seu triunfo foi en grande medida grazas á presión dos movementos sociais, mobilizados contra das políticas regresivas do Partido Popular.

A ruptura do Goberno Bipartito pon en risco a execución de importantes proxectos que se viñeron xestando nos últimos meses: Regulamento de Participación Cidadán, Recimil, Urbanización do Bertón, Estrada de Castela, Tren ao Porto Exterior, etc., que supoñían abordar desde unha óptica progresista, os problemas da cidade.

Resúltanos de todo punto de vista inaceptábel que, máis aló das diferencias puntuais entre os dous socios de Goberno, se chegase á ruptura.

En todo caso, independentemente das causas da mesma, consideramos que a responsabilidade contraida coa a cidadanía obriga a reconducir a situación. Emprazamos ás dúas forzas políticas a sentarse para recuperar a unidade progresista, incorporando a este proceso ao BNG, para traballar no que queda de mandato a prol da cidade.

Estamos convencidos de que hai tempo para que un Goberno de Progreso poida desenvolver unha xestión frutífera para o avance da cidade e ser un referente, sobre todo nestes tempos, para o resto de Galicia. Seguir lendo →

Megasa: corazón de ferro

A mediados de setembro, nun medio de comunicación estatal, facíanse eco de que Megasa convertíase no cuarto accionista da empresa lusa CIMPOR (Cementos de Portugal), consolidando así unha posición dominante dentro do veciño país. E isto o facía en pleno desenrolo do conflito laboral que ten á Empresa sen convenio colectivo dende hai dez meses, e en plena crise financeira mundial.

Megasa Siderúrxica S.L. é o corazón do Grupo Megasa. Escindida de Metalúrxica Galaica S.A. en 1997, sempre foi a base histórica do desenvolvemento económico do Grupo que hoxe coñecemos. Xunto con “Freire Hermanos”, deu o gran salto adiante coa compra das dúas factorías da Siderurxia Nacional Portuguesa, a creación de Bipadosa, ou de TAT – empresa de transporte na que ten de socio ao consignatario do porto ferrolán Pérez Torres -, así como Megasider. Á participación en Cimpor tamén debemos engadir o control de empresas como Atlansider, Corporación Noroeste e Cementos Cosmos. Un gran grupo empresarial, que encabezado por un emprendedor de primeira liña, obviamente, son os seus traballadores naroneses quen tamén poden reclamar para si, unha parte moi importante do crecemento desta antiga empresa familiar.

Este 16 de outubro pasado, tras o fracaso da mediación do Alcalde de Narón, Xoán Gato, que contou co respaldo dos grupos políticos deste concello (Tega, PP, BNG e PSdeG – PSOE), os traballadores víronse obrigados á convocatoria de dez días de folga xeral, repartidos ao longo do derradeiro trimestre do 2008. A Empresa, pechada en banda a calquera tipo de diálogo, decidiu o despedimento de dous traballadores xóvenes, un deles membro do Comité de Empresa; ambos da sección de Acería, e expoñentes dunha nova xeración que cre nos dereitos das persoas.

O certo é que todas as decisións empresariais, que levan tomado desde hai un tempo, están contaminadas pola seu radicalismo fronte os dereitos dos seus traballadores. Previamente, aínda que supostamente por “razóns organizativas debida á situación do mercado”, a Empresa xa decidira a liña da presión, reorganizando o proceso produtivo, trasladando de sección e quendas a un gran número de traballadores. O certo, tamén, é que Megasa Siderúrxica S.L. ten un déficit estrutural no seu número de traballadores e que, na práctica, estamos nas teses da Empresa da mobilidade dos traballadores para cubrir as baixas laborais, fronte a súa negativa a sobre pasar a cota ideolóxica dos 250 empregados.

Os traballadores de Megasa Siderúrxica non saíron beneficiados do crecemento do Grupo Megasa. Se por algo destacan, é por unha grande responsabilidade, que lles leva a só pedir achegarse ao Convenio Provincial do Metal – un acordo de mínimos, que na maioría das súas cláusulas son superiores ao convenio desta Empresa – fronte ao seu propio sector siderúrxico español. Por iso, non se entende o radicalismo da postura patronal.

Vai seguir a Dirección de Megasa sen asumir a súa responsabilidade cos seus traballadores, e coa sociedade que acolle a esta Empresa? Asumirán que xa vai sendo hora dunhas relacións laborais propias dunha empresa europea? E o diálogo social? Que non pode condicionar a negociación do convenio á renuncia ao gañado en sentenza xudicial e a desaparición do concepto de “tóxico e penoso”?

A readmisión dos despedidos e o diálogo a prol dun convenio xusto é obrigado para conseguir a volta á normalidade laboral en Megasa. A Empresa erra se considera que pode aproveitar a crise social, provocada polo especuladores no sistema financeiro, para facer retroceder aos seus traballadores. Onde queda a responsabilidade social corporativa que firmaba estes días co resto deste sector industrial?

Mentres organizar e estendela solidariedade e a mobilización. A implicación do conxunto da comarca ferrolá e de todos os seus axentes sociais e políticos – sindicais. Readmisión despedidos e un convenio xusto.

Publicado no Diario de Ferrol 31-10-08

Para Razón Socialista, nº 25, 2008 (2º semestre)