Estaremos no Foro Social Galego

acceso_librefsgal1

 

Son consciente de que desde hai un mes teño un pouco abandonado o blog. Muitas cousas están a pasar, e que me impide ter a cabeza clara para poder escribir cun pouco de tranquilidade. Prosiguen as folgas en Megasa, disolveron a miña quenda de Laminación e pasei á sección de Acería; estiven traballando no número 25 da revista Razón Socialista, e entrevistáronme en Radio Filispim (escoitar audio).

Tamén, teño boas novas para mediados desta semana entrante: o festival o día 10 en favor de Cuba, no Teatro Jofre de Ferrol e unha nova – que ten que ver cunha amiga de Vigo – que ocurrirá o xoves 11 de decembro en Fene, e que aínda non queiro adiantar.

Máis este domingo 7 estarei en Compostela, representando á miña asociación no Plenario do Foro Social Galego. Dende o venres 5 de decembro a Asociación Cultural Fuco Buxán está a participar no mesmo.

O Foro Social Galego recolle a un centenar de entidades de toda Galicia, desde sindicatos de clase e agrarios, a Fundacións e asociacións socio-culturais, que apostan pola transformación social do planeta dende unha perspectiva de progreso e, obxectivamente de esquerdas. Supón a conexión de Galicia ao movemento internacional auspiciado polo Foro Social Mundial, e que ten a súa sede central en Brasil. Galicia súmase así tamén ao Foro Social Europeo.

A Asociación Fuco Buxán vai participar nos debates, así como na Carpa das Asociacións, cunha mesa propia, que será un divulgador durante esta fin de semana no FSGal, das actividades desta propia asociación cultural, das nosas publicacións audiovisuais (entre eles o vídeo protagonizado pola nosa ría contra Reganosa, e publicado dentro do acordo entre Fuco Buxán e Acsur no Noticiario Intercultural: “Ferrol, polo mar e a vida”), dos nosos libros e da nosa revista Razón Socialista; esta última xa leva 13 anos de existencia. Fuco Buxán naceu en 1999.

Este sábado 6, na Facultade de Filoloxía de Santiago, un dos puntos neurálxicos do FSGal, ás 12h, e a proposta de Fuco Buxán, do Comité Cidadán de Emerxencia e da ONGD Acsur – Las Segovias, celebrarase un debate que afecta á ría de Ferrol. Este celébrase baixo o título “Galicia, Territorio, Enerxía, Seguridade, Mobilización Social: O caso Reganosa”. Participarán: Manuel Rodríguez Carballeira (Voceiro do CCE e presidente de Fuco Buxán, Luz Marina Torrente (Presidenta da Plataforma de Veciños de Meá – Mugardos), os profesores Manuel Amorím e Carlos Álvarez e o ecoloxista Humberto Fidalgo.

O domingo 7, a Asociación Fuco Buxán, participará no Plenario das Asociacións do FSGal, no Auditorio de Galicia, onde se debaterán as propostas para os vindeiros tempos, a nova convocatoria do ano 2009 e a participación no Foro Social Mundial. O Foro Social Galego supón a consolidación dun movemento social transformador para outra Galicia e outro mundo que é posible.

Enlace ao programa completo do FSGal

Fuco Buxán xa ten programa en Radio Filispim

Onte estrenamos programa desde a Asociación Cultural Fuco Buxán. “O recuncho” emítese desde Radio Filispim, que na comarca de Ferrol o podemos oir no 93.9 de FM. Levavamos un tempo apostando por abrir unha nova canle de comunicación e participando na difusión das actividades do Colectivo Opaií, que son os responsables desta radio libre que emite dende os locais do Ateneo ferrolán.

O recuncho” pretende ser unha expresión das actividades de Fuco Buxán, pero, ademais, reflectir a rica vida socio – cultural desta zona. Aberto ás actividades doutros colectivos. Evidentemente, seguimos no eido das esquerdas.

No primeiro programa deste sábado, que se desenvolveu de 11 a 13 horas, houbo dúas entrevistas, unha a Lalán (actual presidente da asociación) e na outra fun eu o entrevistado, en calidade de secretario da sección sindical de MCA – UGT Megasa.

O programa vai ser quincenal. Ademais, dos sábados vaise repetir os domingos de 20 a 22 horas, e os mércores de 15 a 17 horas. O programa está conducido por Iago Montes e Miguel Castro. Para calquer comunicación podedes escribir a opafuco@gmail.com. Ou visitar o blog do programa.