Elegancia

Nos últimos tempos os partidos políticos están dando cursos de comunicación aos seus cargos públicos. Máis, deberan implementar esa formación cuns consellos de elegancia política, xa que todo non é pose, nin se soluciona con ter tres periodistas de man.

Así, se prometes gañar unhas eleccións case con maioría absoluta e non sacas nin a metade, tes que asumir a responsabilidade dentro e coa cidadanía. Se quen estivo contigo asume responsabilidades que ti non queres asumir, debes dar as grazas pola súa lealdade. Se che critican os que antes estaban, non os podes acusar alegremente e se o fas, xulgado, luz e taquígrafos.

En resumo, nese manual de elegancia deberan ensinar que sempre hai que cumprir coa palabra dada, e que en política só hai un xeito de asumir responsabilidades: conxugando, en primeira persoa, o verbo dimitir. O demais é xogar ás agachadas.

Enlace web DiarioFerrol

Enlace web Ideal Gallego

Libros de texto

Un dos primeiros recortes do PP, cando gañáronlle as eleccións autonómicas ao presidente Touriño, foi sacar a gratuidade dos libros de texto. Medida da dereita duramente criticada polo conxunto da comunidade educativa. Así moitas ANPAS, nun exercicio de responsabilidade, decidiron montar o seu propio sistema de préstamo universal e solidario de libros, podendo participar todas as familias á marxe da súa situación económica e laboral.

Agora, dende a Consellería de Educación buscan converter a estas asociacións nunha administración informal e paralela. Queren que muden cara o modelo de bonos -imposto polo PP- e que xestionen os libros só para familias en risco de exclusión social e ata onde cheguen os orzamentos destinados pola propia Administración. O certo, que con Touriño as familias gastaban 8 millóns e con Feijóo gastan 120 millóns de euros.

Enlace web a Diario de Ferrol (Columna semanal “Letras de Cambio”).

Por Ferrol

As esquerdas ferrolás teñen que aproveitar a súa ocasión para facer unha aposta, de verdade, pola cidade. Hai necesidade dun verdadeiro programa conxunto que deseñe o futuro a curto e medio prazo, pero tamén sen cometer o erro de querer cambialo todo facendo penitencias innecesarias e alimentando á dereita.

O inmediato é unha auditoría das contas e frear pelotazos urbanísticos como o proxectado coa remodelación do mercado de Caranza. Tamén, hai que ter en conta como facer fronte á reforma local impulsada polo PP que pretende coaccionar aos concellos. Isto non é asunto menor. Por exemplo, afecta a como remunicipalizar a auga, a limpeza ou recuperar servizos sociais básicos.

Non se trata, simplemente, de xestionar ou representar. Senón, de recuperar a política con maiúscula, de ensanchar a democracia e o empoderamento da xente. Primeiro ás persoas.

Enlace a Diario de Ferrol.

Veredicto

O noso entorno inmediato terá alcaldes socialistas en Neda, Pontedeume, Cerdido, Cariño, Ortigueira, Capela, As Pontes, Monfero, Ares, Valdoviño e Miño. Así o apunta a lóxica política e matemática. Este resultado, nas comarcas do nordés da provincia da Coruña, pon na man do PSdeG a Deputación, que debe ser sumada ás de Pontevedra e Lugo.

Pero, o Partido Socialista recibe unha dura derrota en Ferrol. Non hai escusas. Non hai alcaldesa, nin lista maioritaria. Toca autocrítica, responsabilidades e cumprir cos compromisos adquiridos coa cidadanía. O primeiro que a candidata asuma o seu propio resultado, abandonando o Parlamento para encabezar o novo grupo socialista no Concello. Así, tamén, a fragmentada esquerda ferrolá debe resolver a prol da cidade, reflexionar sobre a súa fraxilidade e sacar conclusións adecuadas do ruxe-ruxe da xunta electoral de onte.

Enlace web a Diario de Ferrol.

Municipais

QuñielasCandidatosFerrolLocais2015

Quiñiela das e dos candidatos, Locais 2015.

As eleccións locais son moi especiais por dous motivos. Porque, son as que os cidadáns viven máis de preto, e porque, historicamente -na Europa occidental- a tradición rebelde dos pobos comeza enfrontando ás cidades e vilas contra os poderes despóticos.

Son nas que as e os cidadáns soen coñecer directamente aos candidatos/as e esíxenlles solucións viables aos seus problemas inmediatos. Á marxe de que, no noso caso, aos de “Ferrol en Común” de Yolanda Díaz haiba quen os confunda cos da “Marea Ártabra”.

Os electores non son xentes irresponsables, nin masoquistas. Nin unha campaña ou enquisa substitúe un resultado electoral. Simplemente, recóllese o sementado ao longo do tempo. Ademais, para cambiar un goberno municipal a alternativa ten que ter credibilidade e capacidade de liderar un novo proxecto de cidade. O 24 de maio a veciñanza dará o seu veredicto.

Enlace web a Diario de Ferrol