UK

A toda poderosa vicepresidenta do Goberno de España, Soraya Sáenz de Santamaría, metía estes días en campaña electoral o triunfo dos conservadores británicos, que acadaron maioría absoluta no parlamento británico. Presumía con que as políticas austericidas e as reformas laborais británicas foran a base do triunfo de Cameron. Nada máis lonxe da realidade.

O certo é que o setenta por cento dos electores do Reino Unido non votaron pola dereita. A súa maioría absoluta, vén da man dun inxusto sistema electoral, que premia -ostensiblemente- á minoría máis numerosa. O conxunto da esquerda suma máis. Así os laboristas recuperan uns setecentos mil, aínda si é ben certo que resultan fagocitados pola súa esquerda: tanto polos nacionalistas escoceses como polos verdes. O Labour Party segue sen librarse dese lastre electoral que é Toni Blair e a chamada “Terceira Vía”.

Enlace web a Diario de Ferrol.

Reválidas

O PP ten alporizados aos pais, nais e alumnos, reincorporando as vellas reválidas do franquismo en Primaria, ESO e Bacharelato. Seguirán coa súa teima de converter o ensino nun negocio máis, e separando aos alumnos e alumnas en función da súa orixe social. Pero, tamén, imos ver o nocivos recortes nos centros públicos e van ser uns exames as súas políticas sociais, aínda que pretendan ocultalo.

A dereita persegue establecer un mapa de centros de aqueles que -supostamente- prestan unha maior calidade educativa, para así introducilos nunha aberrante competencia, e seguir homologando -ás agachadas- á educación concertada/privada que si necesita ser controlada polas reválidas. Como mostra unha anécdota, acontecida nun colexio concertado de Ferrol, a dun alumno que reprende ao seu profesor porque “atrévese” a suspendelo, cando “el é quen paga a súa nómina”.

Enlace á columna “Letras de Cambio”, Diario de Ferrol.

Cuestión de Saúde

 

E seguen con que “a xestión pública-privada e a libre elección de centro sanitario abre a competencia entre eles e isto é bo para os cidadáns”. E se ben, o Sergas viuse obrigado a convocar novas prazas para repoñer a falta de persoal médico e de enfermería, non así fan o mesmo co persoal administrativo.

Iso non é máis que un cabalo de troia para entregarlle o noso sistema nacional de saúde ás grandes empresas do sector, en detrimento da calidade do servizo e cun aumento do gasto real, xa que, obviamente, estas teñen ánimo de lucro.

Así, tamén, as reformas que exclúe ao paciente en función do seu nivel de renda, da nacionalidade ou por estar en paro, causan un risco de seguridade sanitaria. Nestes tempos precisamente o acceso universal e de balde a unha sanidade pública de calidade é unha garantía para o conxunto da poboación. É cuestión de saúde.

Publicado hoxe no Diario de Ferrol.

Entullos

Estes días sorprendíannos coa emisión en directo da detención do señor Rodrigo Rato. E por se non o tíñamos claro co caso Bankia, o gran deus do capitalismo español ten os seus pés na lameira, dende hai décadas. Iso fai moito máis ridículo a pretensión do PP de afastalo do seu carón.

O caso é que a xestión de Rato, baixo o paraugas de Aznar, ímola pagar durante moito tempo e a un prezo moi alto. Debéramos tomar exemplo de Grecia que vai auditar a súa débeda e chamar a declarar aos dirixentes europeos implicados nesta estafa.

Mentres, aquí pagamos a crise do ladrillo cunha perda evidente de nivel de vida e agresións aos nosos dereitos. Por iso, alporízame algo que me contaban dunhas inmobiliarias locais que no alugueiro de pisos, a parte de avaliar a túa situación económica, pagar por adiantado a correspondente fianza, agora che piden que leves un avalista.

Enlace web a Diario de Ferrol.

María Vázquez

Hai feitos importantes como os deste último 14 de abril en Santiago e Miño. Onde os do PSdeG lembraron a figura da mestra republicana e socialista María Vázquez, asasinada na praia deste último concello en 1936. Lembrando a Dona María, celebran os socialistas galegos a primeira edición dos seus Premios de Igualdade.

No Miño natal da homenaxeada, comezou a xornada da man da súa secretaria local Catarina Morado, acompañada de Gómez Besteiro, Pilar Cancela e a ferrolá Eva Martínez -todos eles da executiva galega socialista- e da presidenta do PSOE, a andaluza Micaela Navarro. Parabéns.

Dous actos emotivos, cargados de memoria e de loita pola igualdade, máis tratándose dunha parte que segue agochada, porque o que aínda queda é sacar á luz o papel das represaliadas. Dobremente. Non esquezamos que a agresión sexual era unha práctica habitual franquista.

Enlaza web a Diario de Ferrol.