Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Ensanches vivos

Hoxe hai un ano presentábase aos medios de comunicación unha nova achega cidadá, o Foro Ferrol Vivo. Unha agrupación progresista de veciñas e veciños, cuxo eixo común é a paixón por esta cidade. Un traballo a favor, propositivo, a contracorrente, contra a melancolía e un chamamento á acción colectiva. Unha aposta por unha cidade viva, pola cidade moderna. Camiño Inglés, modernismo, Patrimonio da Humanidade, peonalización, unha aposta por cada barrio. Igualdade e europeísmo

Así, este sábado á mañá no Centro Cultural Carvalho Calero unhas xornadas por un Ensanche A vivo. O barrio do Inferniño a debate, quizais o principal receptor de migrantes vidos de moitos lares e un motor económico da cidade. Coa súa voceira Eva Martínez, e poñentes como o concelleiro Álvaro Montes e xentes do movemento veciñal e artístico como Alejandro Dopico, Armando Lema, Soledad Lucero e Eduardo Hermida.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/ensanches-vivos/20171116011745208916.html

A política é moi efémera

A frase da cabeceira tómoa prestada do discurso de Pepe Álvarez, secretario xeral da Confederación da UGT, ante unha nutrida asemblea de delegadas e delegados onte en Santiago. Seguro que representa o momento que vivimos, onde as noticias devóranse unhas a outras en breves chiscos. Por iso resulta necesario alcanzar consensos para resolver o de Cataluña ou o reparto da suposta recuperación económica, ademais cos dereitos sociais -imprescindibles- para a existencia dunha democracia efectiva.

Quizais do máis salientable de onte son as apostas pola feminización do sindicato e do propio tecido laboral con igualdade de salarios e dereitos, xunto coa loita contra a violencia de xénero. Así como o anuncio dunhas xornadas sobre cambio climático e incendios, a facer cos sindicatos portugueses, e a petición dun plan estatal de limpeza de bosques e ríos, que aporte seguridade e emprego.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/a-politica-e-moi-efemera/20171109013241208232.html

O tren da costa

Recoñezo que son un dos moitos que vive de costas a FEVE, pero teño impreso na miña memoria cando o utilizaba como principal medio de transporte para achegarme desde Ferrerías á Ferrol e viceversa. Un medio cómodo, barato e resoltamente atractivo para a xente moza que o usábamos a finais dos oitenta, pero que pouco a pouco foi perdendo ese peso determinante na mobilidade das persoas.

Son dos que cre que houbo unha xestión destinada a xustificala redución e, por momentos, houbo que tentou abrir a privatización deste servizo público, pero tamén xogouse a deixar o noroeste galego desartellado. Buscando que as comarcas de Ferrol a Burela non puidéranse unir e ser competitivas. Aí súmase todos os atrancos na conexión da autoestrada, do porto exterior e demais. Si se aposta decididamente, tanto o tren da costa como RENFE responden. Lembran aquelo do Discoverer Entreprise en 1998?

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/o-tren-da-costa/20171102003731207458.html

Factura eléctrica

O luns, de sete a oito da tarde, tivemos o prezo máis alto deste ano da luz para as economías domésticas. Este máximo anual non é froito da oferta e da demanda, senón dun sistema que fomenta a especulación, por unha puxa que usan as eléctricas onde o último operador que oferta enerxía pon o prezo ao nivel máis alto posible, leváronse pola borda os beneficios dese sector da cidadanía que se ten vinculado ao bono social.

Así tamén, as industrias -máis as electrointensivas- sofren o oligopolio eléctrico, agravado coa directriz europea de acabar coas bonificacións do sistema da interrumpibilidade ao consideralas subvencións encubertas. O certo é que queda no aire que vai pasar con eses cincocentos millóns de euros que recibían até agora as industrias, e que as empresas eléctricas reclaman para si. As familias, e a economía produtiva, necesitan de prezos razoables e estables.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/factura-electrica/20171026004624206647.html

Irresponsable

A actitude do presidente Feijóo é a propia de quen se considera irresponsable en materia política. Incapaz de asumir ningunha autocrítica, incapaz de amosar ningunha empatía coa traxedia destes días. De aí o apagón informativo inicial nos medios públicos que controla o PP, de aí buscar fóra responsables: Portugal, a veciñanza que non denuncia aos supostos pirómanos ou tramas organizadas que buscan evitar avaliar o que se fixo mal ou, simplemente, aquelo que non se fixo.

O certo é que a xente estivo soa, sen medios, sen brigadas contraincendios suficientes, sen saber ben como facer porque non se coñecen protocolos de actuación. É evidente que hai que aumentar os medios e o persoal, que non se poden permitir recortes ou que as cantidades asignadas non se executen. Que necesitamos unha política forestal e de recuperación de poboación no rural, que hai que ordenar en definitiva a nosa casa.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/irresponsable/20171018232933205918.html