Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

A batalla de Madrid

A alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, buscou o apoio do PP para aprobar o seu Plan Económico e Financeiro. Con ela Podemos e Iglesias, enfronte o Partido Socialista, IU e Ciudadanos. Non quería batallar contra o ministro Montoro e agora no novo orzamento os investimentos en políticas sociais, limpeza, medio ambiente e os destinados aos barrios obreiros da capital española terán unha baixada dun 71%, así como a conxelación salarial para as e os traballadores municipais.

O PP gaña a batalla de Madrid. Tras a súa derrota municipal, cunha xestión dubidosa, moita dela nos tribunais de xustiza e cando a esquerda logra sanear as contas públicas, a dereita impón o seu programa facendo trampas na regla de gasto e usando o goberno de España para intervir a autonomía municipal. Podemos e Ahora Madrid teñen un grave problema. O PSOE a obriga de ser quen de levantar unha nova política.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/a-batalla-de-madrid/20171220214022211409.html

Inquilinos

A etapa de desafiuzamentos e os problemas que ocasionan o alugueiro turístico, na vida da cidadanía, ten unha contra parte positiva como é a organización das e dos afectados. Así, están poñéndose en marcha “sindicatos de inquilinos e inquilinas”, incluso no caso barcelonés -recentemente constituído- houbo unha colleita de achegas financeiras usando o sistema de micro doazóns, que permitía a calquera persoa apoiar esta iniciativa.

Resulta moi interesante que grupos de veciñas e veciños queiran impulsar a defensa do dereito constitucional á vivenda e un alugueiro accesible, estable, seguro e digno. Agora estas novas “organizacións sindicais” están nunha campaña de dar a coñecer as súas propostas e provocar cambios nas leis. Propostas que van desde garantir unha maior duración dos contratos, a volta ao IPC ou que as administracións públicas promovan alugueiro de titularidade pública.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/inquilinos/20171214002124210971.html

Alimentos baratos

A opulencia forma parte deste mundo global. Esta é sinónima de fartura en beneficio duns poucos. Así vemos como os nosos supermercados ou prazas están cheas de “alimentos baratos” e, que en aparente contradición, fóra de tempo. Parámonos a pensar como é posible que froitas como o melón, que ten a súa temporada de mediados de xuño a outubro, hoxe o atopamos en calquera mes? Como é posible que chéguenos todos os días melóns brasileiros?

Esta globalización imperante aposta por un sistema alimentario industrial que é capaz de traer prezos máis baratos que a produción autóctona, non digamos da diferenza cos ecolóxicos, pero a cambio de deslocalizar produtos, precarizar as relacións laborais e cunha sobre explotación intolerable en termos europeos. Só así pódese entender que cada día cheguen en avións a Madrid e -desde alí- repartan todo tipo de froitas e hortalizas de alén do mar.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/alimentos-baratos/20171207003149210464.html

Regla de gasto

A reforma do 135 da Constitución, supeditando a nosa vida ao pago do pufo dos bancos trouxo ademais outra, do Partido Popular, que busca tutelar a xestión municipal. Por iso, hoxe no Parlamento español vaise debatir unha proposta do PSOE onde se insta ao Goberno á modificación da aplicación da regla de gasto, permitindo aos Concellos -coas súas contas saneadas e que presenten equilibrio orzamentario ou superávit- poder liberarse destas obrigas, e ter un uso pleno da súa autonomía local.

Xunto a isto, suprimir as restriccións que lles impide buscar un abaratamento dos costes financeiros e da débeda municipal. Así como poder repoñer nun 150% os efectivos dos servizos de interese prioritario e no resto dos servizos municipais o 100%, destinando recursos a programas e servizos necesarios para a cidadanía. Mentres en Ferrol xa veremos se hai orzamentos municipais para o vindeiro 2018.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/regla-de-gasto/20171129223418209821.html

Black Friday

É sorprendente como imos cara a unha uniformidade asfixiante. A globalización fai que quen domina o mundo traslade a súa visión e a súa hexemonía cultural á política e á economía. Paréceme ben que as empresas de servizos, de tecnoloxías domésticas e, en especial, o sector da roupa e do calzado saquen iniciativas para incentivar o consumo, pero non podían ser un pouco máis creativos?

Venres negro soa mal, pero ter un término propio sería deixar claro que algo temos que dicir nós como cultura e unha medida de achegamento aos potenciais consumidores. A falla de imaxinación igual vén da man dun intento de reflotar un consumo familiar dependente duns salarios baixos, agravado por este tempo -ata hai pouco primaveral- que non incita a renovar o armario. A xente cada vez mide máis os seus gastos. Hoxe o consumismo compulsivo é duns poucos, morreu o capitalismo popular e “low cost”.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/black-friday/20171123001725209360.html