Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Mans á cabeza

Agora que andamos pola metade de xaneiro, anda o presidente Feijóo coas mans á cabeza, moi preocupado polos rebrotes da pandemia (e polo temporal de Filomena). De aquela había que “salvar a campaña do nadal”, mais non lle desexo a ganancia. E isto que sabemos todos, pretende ser ocultado pola Xunta e os medios afíns, de aí – seguramente – a teima da administración autonómica de converter á hostalería en culpables do que non son. Ou andar xogando á pita cega con Ferrol e Narón…

Pero, si que hai discursos que quedan baleiros. O da suposta superioridade do privado sobre o público, o dos recortes no ensino e na sanidade públicos. Unha dereita que nin sabe xestionar nin como vai vacinar á poboación. Claro que sempre poden chamar a Casado e a súa pala en vez da UME de Zapatero, ou ante tanta sanidade precaria, igual Feijóo pásalles un de eses papeiños a que tan acostumados nos ten o chamán do Inferniño.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/mans-a-cabeza/20210112232730294869.html

Auga no Camiño

Ás veces son as pequenas iniciativas as que logran un grande interese, como a construción de fontes de auga para que a xente, paisanos e peregrinos, poidan abastecerse de auga. Así hai que saudar a decisión da Deputación coruñesa que vai construír vinte e catro fontes, máis o menos cada seis quilómetros, para que cada quen poida ter a oportunidade de beber auga fresca, seguindo a traza do noso Camiño Inglés.

Esta iniciativa que vai a combater o uso indiscriminado dos plásticos, tamén vai darlle un pulo e revalorizar este itinerario cultural europeo que parte de Ferrol, e que ademais é o único camiño de Santiago que atinxe só á nosa provincia. Son a suma de pequenas iniciativas as que van configurando o éxito, sobre todo na promoción de aqueles proxectos compartidos, que para algúns será relixioso, para moitos cultural e para outros moitos un investimento económico e turístico que á cidade vaille ben.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/auga-no-camino/20210105225256294427.html

Vacinas

As primeiras vacinas contra o virus da Covid-19 xa están aquí. Onte comezaron a vacinar na residencia de maiores de Caranza. A porta á esperanza para superar esta crise sanitaria e social, definitivamente, está aberta.

Oitenta e oito mortos na área sanitaria de Ferrol. Cincuenta mil persoas no conxunto de España. Pero, igual para o PP non abondan e prefiren seguir sendo un obstáculo para a inmensa maioría da cidadanía. Son un partido bronco, tamén responsables do avance do negacionismo e da confrontación nun asunto que non o permite. Tremenda deslealdade sempre pasa factura.

Será interesante saber que van facer as súas agrupacións municipais, incluída a que lidera José Manuel Rey en Ferrol. Seguir a senda de Casado e Ayuso pode ter un efecto desbastador, aínda que crean que as eleccións locais quedan lonxe e que teñen marxe de manobra . Un pouco de sensatez non viría mal na dereita.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/vacinas/20201229204950294079.html

Vivan os coches

Parabéns a todas as persoas agraciadas onte co sorteo da lotería nacional, pero tamén aos veciños de Canido e ao persoal dos xulgados da rúa Coruña. A cargo dos orzamentos municipais van ter un aparcadoiro de balde a carón, e con algúns cambios de sentido nesas rúas.

Podo entender a alegría de algúns, pero para os ferroláns dos outros barrios resulta curioso e, máis para aqueles que apostamos por un modelo diferente, onde a cidadanía recupere o pulso da cidade. Visto alén de Canido todo parece que, no seu día, fóra unha cesión máis, do anterior grupo de goberno, para contentar aos sectores máis antipeonalización.

Unha ocorrencia que houbera quedado no esquecemento, senón fóra que algúns buscaban usala como ferramenta contra o actual alcalde, veciño de Canido. En fin, o proxecto de peonalización na picota, pero a cambio teremos un feixe de coches rotando por 133 prazas que métense no centro da cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/vivan-os-coches/20201227195741293966.html

Conexión Ferrol

O futuro está en Portugal, é unha oportunidade para darlle a Galicia o pulo que necesita. Así que debemos saudar a noticia publicada por este xornal hai cinco días: o goberno socialista de Portugal prioriza a conexión galega en detrimento da madrileña. Isto non é unha cuestión menor, desde os tempos de Aznar houbo unha operación da dereita madrileña que consistía en absorber toda a capacidade económica na capital de España provocando o dumping fiscal que defenden Ayuso e o PP.

De aí o acerto que o actual alcalde, Ángel Mato, ten cun asunto de especial sensibilidade para el, como é a conexión ferroviaria co Eixo Atlántico (estes días atrás xunto co seu secretario xeral Vázquez Mao e o ex presidente Laxe presentaban propostas neste sentido en Ferrol). Unir Ferrol con Coruña e Portugal, e o Eixo Atlántico co corredor ferroviario europeo é un proxecto de país, pero – para nós – fundamental de cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/conexion-ferrol/20201215230859293414.html