Ferrol non é galega?

Estes días vimos, como a conferencia dos presidentes autonómicos de Galicia, Castela-León e Asturias, reclamaban ao goberno de España unha maior implicación e aposta polo “Corredor Cantábrico”, que pretende modernizar o ferrocarril para o transporte de mercadorías cara a Europa. Petición atendida de xeito parcial co nomeamento do comisionado estatal, cando aínda estaban abrindo a quenda das primeiras intervencións neste evento.

Esta cuestión sinala a visión que ten a Xunta de Galicia. Deixa fóra do corredor ás cidades de Ferrol e Lugo, así como ao norte galego. Na memoria está aquela proposta non atendida do que fóra enxeñeiro naval e profesor de economía aplicada, Manuel Casal Pita, dun tren circular que si comunicaba as sete grandes cidades galegas.

O alcalde Ángel Mato foi o primeiro en saír a defender a necesidade que temos de formar parte dese corredor atlántico. Igual Rey Varela poderíalle preguntar ao presidente da Xunta se Ferrol non é Galicia? Todo isto porque Rueda, coma Feijoo, é só un representante dunha dereita coruñesa incapaz de sumar sinerxías coa comarca de Ferrolterra. O cal explica que, como contrapartida, converteran á cidade de Vigo na capital económica de Galicia.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-non-e-galega-4159888

Camiños de ferro

O deseño das infraestruturas responde sempre aos intereses económicos, pero tamén ideolóxicos. Non é algo irrelevante, nin vén “porque agora tocaba”. Vén isto a conta porque os Verdes alemáns acaban de facer unha proposta para unir 200 cidades europeas con 40 liñas de ferrocarril e os seus pretendidos homólogos españois de “Más Madrid”, súmanse sen máis a esta proposta.

Basicamente, a proposta para a península exclúe ás comunidades de Cantabria, Asturias, Castela – León e Galicia e non respecta a decisión estratéxica do goberno portugués de priorizar o Eixo Atlántico, reforzando así o proxecto “aznariano” que buscaba o efecto aspiradora de recursos para Madrid, quebrado coa crise do 2008. Calquera tipo de integración territorial debe asumir a pluralidade peninsular. O corredor cantábrico e o eixo atlántico – con Ferrol de vértice – forma parte de todo proxecto de país que mereza tal nome.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3169385/caminos-ferro

Conexión Ferrol

O futuro está en Portugal, é unha oportunidade para darlle a Galicia o pulo que necesita. Así que debemos saudar a noticia publicada por este xornal hai cinco días: o goberno socialista de Portugal prioriza a conexión galega en detrimento da madrileña. Isto non é unha cuestión menor, desde os tempos de Aznar houbo unha operación da dereita madrileña que consistía en absorber toda a capacidade económica na capital de España provocando o dumping fiscal que defenden Ayuso e o PP.

De aí o acerto que o actual alcalde, Ángel Mato, ten cun asunto de especial sensibilidade para el, como é a conexión ferroviaria co Eixo Atlántico (estes días atrás xunto co seu secretario xeral Vázquez Mao e o ex presidente Laxe presentaban propostas neste sentido en Ferrol). Unir Ferrol con Coruña e Portugal, e o Eixo Atlántico co corredor ferroviario europeo é un proxecto de país, pero – para nós – fundamental de cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/conexion-ferrol/20201215230859293414.html