Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Facer pé

Igual que vostedes, non vexo que tocáramos fondo nin os brotes verdes da dereita. O que acontece é que, aqueles que provocaron a crise económica, vense cada día máis reforzados polas políticas de Rajoy e Feijóo, á nosa costa. Por iso, a dereita segue a culparnos. Pasaron de que “vivíamos por riba das nosas posibilidades”, a dicir que nosa é a culpa da persistencia da crise porque “non somos emprendedores”.

Sabemos que imos retroceder máis, pero necesitamos facer pé. Simplemente, porque necesitamos saber onde estamos e de onde imos partir. Si, reconstruiremos a democracia e os dereitos sociais, por moito que lles pese.

Sempre hai un camiño, e se algo amosa a traxedia da curva de Angrois, é que cando somos convocados para o traballo colectivo e solidario damos o mellor de nós. O ben común é o camiño que nos sacará das turbulencias e non a calma chicha do conformismo.

Enlace Diario de Ferrol.

Algunhas reflexións arredor da esquerda como problema

A primeira noticia que tiven do libro “La izquierda como problema”, de Joaquín Miras e Joan Tafalla, foi a través da páxina de Espai Marx. Permítome tamén recomendarlles, xunto co anterior, outra obra do propio Miras: “Repensar la política, refundar la izquierda”.

ArredordaEsquerda_LibrosÁmbolos dous libros están centrados en como artellar unha vontade colectiva e a organización dun novo bloque social democrático de progreso, asuntos que agora en tempos de crise económica e social, son moito máis acuciantes. O interese que esperta en min, vén dado porque estes dous obxectivos están no ADN de Fuco Buxán dende a súa fundación. Por iso, quen subscribe estas liñas definía á nosa asociación como gramsciana.

Creo que xa ninguén dubida que estamos ante a fin de toda unha época que nace das debilidades da nosa Transición, e que a crise que padecemos é un instrumento por parte das clases dominantes, que pretenden abocarnos a unha “segunda transición”, en palabra de José María Aznar, que desbote calquera intento de creación dunha democracia participativa e económica, que cambie de xeito radical a configuración neoconservadora actual; buscan a través da crise a dominación das persoas e a transferencia dos recursos públicos a mans privadas, conscientes de que sen Estado de Benestar non hai democracia posible.

Pero outro dos elementos da crise é tamén a falta de alternativas do conxunto dunhas esquerdas “acostumadas a moverse entre a subalternatividade e a cooptación” e sen un modelo alternativo ao neoliberal. Elemento que de sempre tivemos claro nós e que por iso o noso empeño en desenvolver as correntes de esquerda no PSdeG, EU e no nacionalismo. Así como apostar pola unidade de acción xunto cos sindicatos e os movementos sociais; base real sobre a que artellar a alternativa, entre outras cousas porque dende a esquerda debemos “evitar caer no despropósito da liquidación do pouco que hai feito”. E xunto a isto, hai que entender que debemos influír, condicionar, acompañar, pero nunca pretender substituír ás organizacións da esquerda partidaria ou sindical, e moito menos dende unha parte do tecido asociativo.

Dalgún xeito, os “apparatchiks” da vella e da nova socialdemocracia homológanse (é dicir, todas as forzas da esquerda e do nacionalismo hoxe representadas no parlamento galego). Porque só están a substituirse uns aos outros para seguir facendo as mesmas políticas, sen un proxecto alternativo, cunha relación cos cidadáns moito máis preto do despotismo ilustrado. Todos convocan á soberanía popular, pero “eles saben o que nos convén e deciden por nós”. Na práctica son quintacolumnistas que van en auxilio da dereita. Non é tempo da administración, senón da Política.

Outro dos elementos centrais da nosa crise é que a maioría da poboación aposta por volver a un pasado que cren o paraíso, cando este, como diría Saint-Simon, non se atopa detrás, senón mesmo diante noso. Vímolo craramente nas reclamacións do 15M, que basicamente proviñan de universitarios e universitarias que pedían integrarse como capas medias na sociedade. Pero non hai aínda unha vontade de cambio de civilización e moitos conformaríanse coa migallas dun hipotético repunte económico. As clases traballadoras non teñen conciencia de seu e as medias móvense entre os ideais democráticos e o capital.

Neste senso, resulta paradoxal que os “preferentistas” sexan máis daniños para o Partido Popular. Mais non tanto se analizamos que estes pequenos aforradores -maioritariamente autónomos, clases medias e traballadores desclasados- son unha parte dos apoios máis activos que tiña a dereita e da súa versión de capitalismo popular.

Para saír da crise sistémica é imprescindible a existencia dunha nova vontade popular, e o primeiro paso debería ser un cambio político que arrumbe á maioría absoluta do PP. Un cambio que, imprescindiblemente, debe partir da unidade do conxunto das esquerdas (á marxe que están chamadas todas elas a unha verdadeira refundación). De aí a necesidade de reforzar ás esquerdas dentro do socialismo, de EU-IU, de Anova e do propio BNG; contra o pensamento débil dos seus respectivos aparatos.

Publicado no número 34 de “Razón Socialista” (Fuco Buxán, 2013).

Soria

Esta non será a última reforma do sector eléctrico. O Ministro de Industria fixo malabares, pero nin por asomo garante tarifas máis baixas para as familias, nin para uso industrial. Máis gastos para os cidadáns e menos competitividade para as empresas.

Realmente, pretendía Soria acoutar unha herdanza de Aznar. A “liberalización” do sector de 1997; que provocou un enorme pelotazo enerxético, acompañado de privatizacións de grandes empresas públicas e que agora son un problema de país. A suposta “auto-regulación do mercado” é unha falacia; son palabras da propia patronal AEGE española.

Sectores estratéxicos como o da enerxía deben ser de titularidade pública, de todos os cidadáns. O PP é hoxe o principal problema para a nosa economía. A derrota das súas políticas unha necesidade para saír da crise. É cuestión de sentido común. Cuestión de Estado.

Enlace a Diario de Ferrol

Con Megasa

Non ten sentido pedir a solidariedade do agresor. Así, en ningún momento, os traballadores de Megasa pediron tal ao PP. Este ten maioría absoluta nos Parlamentos español e galego. Que deixen as escusas e que rectifiquen a orde ministerial que cuestiona o futuro de Megasa. O PP é goberno e non necesita a ninguén.

Non hai “herdanzas”. Son Feijóo e o Ministro Soria, quen facendo oídos sordos das alertas da Comisión Nacional da Enerxía, o fixeron para beneficiar a unha empresa en concreto, sen reparar nos danos colaterais: os traballadores e as familias de Megasa. Foi Aznar quen provocou as “liberarizacións” do chan e do sector enerxético, en favor dos especuladores, así como a suba das tarifas domésticas e para as industrias.

Por iso, o futuro do PP nesta comarca está ligado a Megasa; os traballadores reclaman xa unha solución que garanta o seu futuro.

Enlace a @DiarioFerrol

Nota do Comité de Empresa de Megasa (28 xuño 2013)

Nota do Comité de Empresa de Megasa Siderúrxica s.l.

O Comité de Empresa de Megasa pide a dimisión dos deputados Miguel Tellado, Hipólito Fariña, así como dos concelleiros/as do PP de Narón.

O Comité de Empresa de Megasa agradece a solidariedade dos cidadáns, das organizacións sindicais e dos partidos da esquerda.

O Comité de Empresa de Megasa Siderúrxica S.L., no nome dos traballadores e das súas familias, quere agradecer a solidariedade dos cidadáns, das organizacións sindicais e dos partidos da esquerda. Somos conscientes de que a repercusión das nosas mobilizacións vén dado polo arroupe que estamos a ter por parte de todos eles,

No día de hoxe, este Comité de Empresa (composto por 7 delegados de MCA-UGT) fai balance do calendario de mobilizacións, así como dos contactos cos diversos alcaldes, deputados e grupos parlamentarios.

Destacamos, a participación que os traballadores tivemos na Folga Comarcal do 12 de xuño; a concentración diante do Edificio da Xunta de Galicia en Ferrol (14 de xuño); a manifestación multitudinaria do 25 de xuño, de Megasa ao Concello de Narón; así como a Marcha ao Parlamento Galego, onde desplazáronse 6 autobuses e moitos vehículos privados con traballadores e familias, o día 26 de xuño, onde debatíuse a Iniciativa Parlamentaria do PSdeG-PSOE, co apoio do BNG e AGE.

Lamentablemente, o Grupo Parlamentario do PP doulle as costas aos traballadores de Megasa, incluídos os seus deputados Miguel Tellado e Hipólito Fariña. Onte, curiosamente, o seu grupo municipal no Pleno de Narón, votaban a favor da revisión da orde ministerial IET/2804/2012 do 27 de decembro; como a favor de solicitarlle ao Presidente Feijóo que reciba a este Comité de Empresa.

Publicamente, este Comité de Empresa, recollendo o sentir dos traballadores e familias de Megasa, pedimos a dimisión de Miguel Tellado, Hipólito Fariña e dos seus concelleiros/as de Narón. Reiteramos que non é de recibo a doble moral do PP. Por unha banda, quere quedar ben cos traballadores, e pola outra, seguen na súa teima de non mover ficha.

O PP de Galicia é o responsable intelectual da referida orde ministerial. Os traballadores de Megasa esiximos que o PP actúe como Goberno, e como ten maioría absoluta, tanto en Galicia como en España, pode de seu solucionar este problema se ten vontade política. Non necesitan a ninguén para iso.

En Narón, a 28 de xuño de 2013.