A primeira noticia que tiven do libro “La izquierda como problema”, de Joaquín Miras e Joan Tafalla, foi a través da páxina de Espai Marx. Permítome tamén recomendarlles, xunto co anterior, outra obra do propio Miras: “Repensar la política, refundar la izquierda”.
Ámbolos dous libros están centrados en como artellar unha vontade colectiva e a organización dun novo bloque social democrático de progreso, asuntos que agora en tempos de crise económica e social, son moito máis acuciantes. O interese que esperta en min, vén dado porque estes dous obxectivos están no ADN de Fuco Buxán dende a súa fundación. Por iso, quen subscribe estas liñas definía á nosa asociación como gramsciana.
Creo que xa ninguén dubida que estamos ante a fin de toda unha época que nace das debilidades da nosa Transición, e que a crise que padecemos é un instrumento por parte das clases dominantes, que pretenden abocarnos a unha “segunda transición”, en palabra de José María Aznar, que desbote calquera intento de creación dunha democracia participativa e económica, que cambie de xeito radical a configuración neoconservadora actual; buscan a través da crise a dominación das persoas e a transferencia dos recursos públicos a mans privadas, conscientes de que sen Estado de Benestar non hai democracia posible.
Pero outro dos elementos da crise é tamén a falta de alternativas do conxunto dunhas esquerdas “acostumadas a moverse entre a subalternatividade e a cooptación” e sen un modelo alternativo ao neoliberal. Elemento que de sempre tivemos claro nós e que por iso o noso empeño en desenvolver as correntes de esquerda no PSdeG, EU e no nacionalismo. Así como apostar pola unidade de acción xunto cos sindicatos e os movementos sociais; base real sobre a que artellar a alternativa, entre outras cousas porque dende a esquerda debemos “evitar caer no despropósito da liquidación do pouco que hai feito”. E xunto a isto, hai que entender que debemos influír, condicionar, acompañar, pero nunca pretender substituír ás organizacións da esquerda partidaria ou sindical, e moito menos dende unha parte do tecido asociativo.
Dalgún xeito, os “apparatchiks” da vella e da nova socialdemocracia homológanse (é dicir, todas as forzas da esquerda e do nacionalismo hoxe representadas no parlamento galego). Porque só están a substituirse uns aos outros para seguir facendo as mesmas políticas, sen un proxecto alternativo, cunha relación cos cidadáns moito máis preto do despotismo ilustrado. Todos convocan á soberanía popular, pero “eles saben o que nos convén e deciden por nós”. Na práctica son quintacolumnistas que van en auxilio da dereita. Non é tempo da administración, senón da Política.
Outro dos elementos centrais da nosa crise é que a maioría da poboación aposta por volver a un pasado que cren o paraíso, cando este, como diría Saint-Simon, non se atopa detrás, senón mesmo diante noso. Vímolo craramente nas reclamacións do 15M, que basicamente proviñan de universitarios e universitarias que pedían integrarse como capas medias na sociedade. Pero non hai aínda unha vontade de cambio de civilización e moitos conformaríanse coa migallas dun hipotético repunte económico. As clases traballadoras non teñen conciencia de seu e as medias móvense entre os ideais democráticos e o capital.
Neste senso, resulta paradoxal que os “preferentistas” sexan máis daniños para o Partido Popular. Mais non tanto se analizamos que estes pequenos aforradores -maioritariamente autónomos, clases medias e traballadores desclasados- son unha parte dos apoios máis activos que tiña a dereita e da súa versión de capitalismo popular.
Para saír da crise sistémica é imprescindible a existencia dunha nova vontade popular, e o primeiro paso debería ser un cambio político que arrumbe á maioría absoluta do PP. Un cambio que, imprescindiblemente, debe partir da unidade do conxunto das esquerdas (á marxe que están chamadas todas elas a unha verdadeira refundación). De aí a necesidade de reforzar ás esquerdas dentro do socialismo, de EU-IU, de Anova e do propio BNG; contra o pensamento débil dos seus respectivos aparatos.
Publicado no número 34 de “Razón Socialista” (Fuco Buxán, 2013).