Porta Nova

Os catro traballadores do aparcadoiro de Porta Nova acaban de solicitar a mediación da Valedora do Pobo. Un último cartucho para poder visualizar o seu problema e buscar unha saída á súa extrema desprotección laboral, produto dunha quebra concursal.

Veremos se a reconversión en centro cívico para albergar a entidades sociais, serve para darlle vida, mais Porta Nova debe ser estudiado como o fracaso dun modelo de xestión, tanto o aparcadoiro como o centro comercial, xa que o único que funciona é o seu supermercado.

O certo é que, nos últimos dous mandatos, no Concello estiveron a velas vir. Ningunha medida efectiva de dinamización ou de mellora da mobilidade, cando estamos cun aparcadoiro -a menos de dez minutos do centro de Ferrol- que tiña que desenvolver un papel central. Ningunha medida a prol duns traballadores, que non só son prexudicados, senón -de xeito salientable- vítimas da inacción.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/porta-nova/20190313190946251251.html

E quen paga?

Unha das consecuencias do camiño a esas municipais de 2019 tan incertas é a dura competencia entre as dereitas, que se radicalizan por momentos para así liderar o voto na Magdalena, usando como escusa a remodelación da praza de Armas. Ocultan que goberne quen goberne non vai a haber novo aparcadoiro, é inviable. De onde ían sacar elas os seis millóns de euros que os técnicos apuntan como custe previsible?

Un novo aparcadoiro só poderíase financiar cunha concesión e levantando unha área comercial en Armas, competidora -polo tanto- co comercio e a hostalería da Magdalena. Pero, non hai interesados. Mais, cando no centro hai entre o Cantón, Abastos e Praza de España 1220 prazas de aparcadoiro usadas a medio gas. Outra opción sería que fose financiado a costa de outros investimentos. Está a dereita disposta a detraer recursos dos demais barrios de Ferrol para financiar este capricho?

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/e-quen-paga/20180726000053232365.html

Armas

O último pleno solicitáballe ao alcalde que non elimine o aparcadoiro de Armas de 114 prazas. Pero, botando contas no barrio da Magdalena, hai no Cantón 386, na praza de Abastos 196 e na praza de España 638 prazas. O total fan (sen as de Armas) 1220, que úsanse a medio gas. A estas hai que engadir 360 no Porta Nova e as 500 do Sánchez Aguilera, estas poderíanse ampliar en Canido, Esteiro e Ferrol Vello.

Quen fala de manter o aparcadoiro da praza de Armas, simplemente, intenta seguir a atrancar a súa remodelación, primeiro feito imprescindible para despois poder encarar a peonalización da Magdalena? Por favor, non nos fagamos trampas, non impidamos a recuperación do centro de Ferrol. O pleno tiña que ter instado ao goberno a que solucione os problemas que teñan veciños e comerciantes, pero urxindo xa sen demora unha remodelación que debera acabar antes das próximas eleccións.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/armas/20180315004427219711.html