Construíndo Narón

Este último sábado tiven ocasión de asistir á presentación, en sociedade, da asociación “Ágora Narón” no salón do Centro Social do Alto, cunhas xornadas que levaban como título xenérico “Construíndo Narón”, e que tiña como eixo dúas mesas.

Unha primeira de técnicos que versaron sobre o deseño actual de Narón e as súas peculiaridades sociolóxicas e a falta de humanización de moitos dos seus espazos públicos. Quizais o máis salientable, visto desde fóra, fuxindo de localismos estériles, sería a necesidade de abordar un planeamento urbanístico consensuado entre os concellos de Narón, Ferrol e Neda. Algo lóxico dada a traza urbana continua existente.

Na segunda tomaron a palabra directivos das asociacións veciñais da Gándara, Santa Icía e San Mateo. Non hai que esquecer que este vén sendo un dos concellos máis extensos da provincia coruñesa. Para acabar, parabéns a esta nova iniciativa cidadá.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/construindo-naron/20200219222026275053.html

Burocracia

A xente común, que mira ás administracións dende unha certa distancia, non acaba de entender como funciona a nosa burocracia. Que Narón deba oitocentos cincuenta mil euros polo saneamento, e non haxa fórmula para que pague, e ademais haxa que esperar a un estudio do secretario municipal e do interventor, resulta paradoxal. Pero, quizais a trampa estea na famosa encomenda de xestión de Emafesa e que o noso concello veciño non acepta por ter dúbidas legais con ese proceder.

Así mesmo, vemos como desde o Catastro súmanse ao esperpento pretendendo facer a transmisión dunha herdanza dunha señora que ao final ten que demostrar que segue viva. Algúns coñecemos casos de asignarse fincas a outras persoas por error e ter que acabar buscando ao “propietario orixinal”. E para acabar a pretensión da Xunta de que o IBI das súas vivendas sociais sexa pagado polos seus inquilinos. En fin, a burocracia.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/burocracia/20180613230212228640.html

Bonifacio Borreiros

A Bonifacio coñecino da man de Carmelo Teixeiro ao calor das municipais de 1991. Era o secretario xeral da comarcal e deputado autonómico polo PSdeG, Carmelo era entón o secretario de organización. Foron anos intensos, moitas cousas vividas, ata leváronnos ao xulgado por defender Ferrol, tíñamos razón -e gañamos aquel xuízo- pero case quedamos de aquela expulsados das filas socialistas. Eu era un mozo que foi aprendendo dos dous moitas cousas, igual iso explica a miña rebeldía.

O dezanove de xuño vai haber unha homenaxe a Bonifacio en Narón. A cargo da Asociación de Amigos do Arte, en forma de primeiro premio de pintura, cunha inauguración onde estarán uns bos amigos del, como o presidente González Laxe -xuntos compartiron militancia no PSG e responsabilidades na Xunta- ou como o libreiro Álvaro Espilla. Así como Narciso Pillo, Andrés Pena e Julia Dopico Vale. Parabéns pola iniciativa.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/bonifacio-borreiros/20180523235049226635.html

Megasa incumpre

Megasa181214

Esperábamos un nadal en paz, crendo que o peor xa pasara. Pero, Megasa quere deixar un mal regalo de reis. Desde a xerencia din que lle “sobran” 47 empregos. Que todos os esforzos destes anos dos seus traballadores, Concello e da propia veciñanza non serven para nada.

A dirección pretende sacar fóra de Xuvia as negociacións sobre o despedimento colectivo e da modificación das condicións de traballo. Os motivos: evitar a presión social. Non queren nin luz nin taquígrafos. Non queren que se lles lembren as súas débedas cos traballadores e co propio Concello de Narón.

Megasa incumpre. Onde queda a promoción económica de Narón? E para cando o reparto dos longos beneficios, habidos incluso en plena crise económica? Defender o emprego contra á precarización. Estes son os obxectivos, hoxe pola mañá, dos traballadores diante da Casa do Concello de Narón.

Enlace a Diario de Ferrol (Columna xa semanal “Letras de Cambio”).