Acaba de romper o BNG o goberno municipal de Fene, que está encabezado polo amigo e alcalde socialista Iván Puentes. Malas novas para o conxunto das forzas progresistas.
Os argumentos dos nacionalistas, do seu voceiro e dirixente da UPG Manuel Polo, son cando menos “insubstanciais”: falta de “dinamismo” do propio Iván, do concelleiro de Facenda e Urbanismo “Lalán” e practicamente do conxunto do grupo socialista. Xa se sabe, estes “roxos”… vagos e maleantes, como aínda din os de dereitas. Eses que levan nesta etapa facendo pinza co propio BNG fenés en contra do Alcalde e do Partido Socialista.
O problema radica en que tras máis de dúas décadas de gobernos de maioría absoluta do nacionalismo fenés, aínda non se afixeron á nova realidade, xunto con que a propia Administración fenesa segue a ser unha imaxe da propia composición interna do BNG local, sobre todo en postos administrativos clave.
O ataque a Iván é un intento á desesperada de que non se consolide a hexemonía socialista en Fene. Pero, quizais estrañara o ataque a Lalán – porque se por algo se destaca é por un exacerbado dinamismo – senón fóra porque desde a UPG ven a posibilidade de atacar a quen compatibiliza as súas funcións municipais coa Coordinación do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Quizais, agora, desde fóra tamén vexan porque na cidade de Ferrol non lle perdoan ao Coronel Paco Rodríguez o seu apoio a Reganosa.
Unha nota ao marxe: supoño que Iván, agora sabe do erro que cometeu aceptando a dimisión como edil do anterior voceiro socialista, Antón Noceda, tras os seus enfrontamentos co grupo municipal do BNG. O obxectivo do nacionalismo fenés dirixido polo upegallo Manuel Polo non era contradicir o “mal carácter” do amigo Antón, senón o propio Alcalde e o partido socialista. Por certo, que pensan os do Colectivo “Avante” do anterior Alcalde Xosé Rivera Arnoso? En todo caso, a Antón xa o víchedes onte no Diario de Ferrol (a foto é de J. Sarmiento), ao lado de Iván e José Antonio, actual voceiro socialista.
Hai tamén dentro do BNG, máis acentuado na comarca ferrolá, a idea de que están en caída libre e lles prexudica estar en coalición cos socialistas (en Pontedeume seguen a ter alcalde do PP en minoría, por isto tamén). Hai quen considera que lles iba mellor cando Fraga gobernaba e eles estaban ao fronte da oposición. Evidentemente, é máis fácil iso que gobernar.
Máis, non teño claro que os cidadáns finalmente lles dea a razón a esta corrente de opinión interna do nacionalismo galego. Creo que a situación é un pouco máis complicada, e cando unha forza política renuncia – ou a exercitar, cando menos a aspiración – a gobernar, néganse e caen nunha espiral que, de non rectificar, levaraos á marxinalidade política.
Unha das cousas que vexo é que, o que sen dúbida é un gran triunfo da UPG, ao mesmo tempo é unha grande derrota do nacionalismo: a súa concentración nunha soa fronte política, a diferencia do modelo catalá, con varios partidos de esquerdas, nacionalistas e de dereitas. Indubidablemente, a fronte facilítalle á UPG a hexemonía e o control sobre as diferentes familias nacionalistas, máis limita a influencia social do propio nacionalismo galego. Pero, en fin… iso é cousa deles e un está situado a súa esquerda.
O dito: a ruptura dos pactos municipais de progreso son unha mala nova para o conxunto dos cidadáns e da esquerda.
Tes razón e unha pena a ruptura das coalicións de esquerda, en Ferrol EU-PSOE e agora a de BNG-PSOE en Fene. Xa o decía a outra no desfile, mira que bo é o meu fillo que é o único que leva o paso.
Moi acertado tamén a analise da falta de un nacionalismo de dereitas na galiza como grande derrota do nacionalismo porque tamén se pode aplicar a esquerda nacional que na súa casi concentración no PSOE é a grande derrota da esquerda porque no mesmo partido milita o Sr. Bono (que nunha recente recepción a represaliados republicano afeóu a conducta a un deles por exibir unha bandeira republicana decindolle que era ilegal, por non falar da súa amizade co pozero) e o mesmo Lalán procedente do PCE
As persoas teñen dereito a evolucionar, e incluso a mudar de posicións; o problema está en reducir a oferta política cando a sociedade é moito máis plural.
Eu participo, de todos xeitos, da cultura unitaria e dos pactos entre as forzas políticas progresistas. Nese senso, son moito máis partidario do modelo catalá, como xa teño escrito de forma reiterada.
Non pretendía criticar a evolución de Lalan, ainda que Iván non a entende no caso de Pepiño o leñeiro e Antonio o da lavandería cando se presentaron por TERRA GALEGA ás municipales (por certo aí tes un partido galegista de dereita)http://ivanpuentes.com/2007/03/22/partido-popular-comunista-de-fene/, a miña intención era reflexar a contradicion de intentar concentrar en torno ó PSOE a toda a esquerda nacional, tanto centralista como federal, centro, centro esquerda,Republicanos e monárquicos o que leva a que moita xente se absteña, no canto de criticar o intento de concentrar o nacionalismo de esquerdas na contorna do BNG.
O titular correcto sería o BNG, coa dirección de Paco Rodriguez e Manolo Rodriguez, en caída libre en Ferrol, Eume e Ortegal