O BNG de Fene en caída libre?

limpando-o-baston-ivan

Acaba de romper o BNG o goberno municipal de Fene, que está encabezado polo amigo e alcalde socialista Iván Puentes. Malas novas para o conxunto das forzas progresistas.

Os argumentos dos nacionalistas, do seu voceiro e dirixente da UPG Manuel Polo, son cando menos “insubstanciais”: falta de “dinamismo” do propio Iván, do concelleiro de Facenda e Urbanismo “Lalán” e practicamente do conxunto do grupo socialista. Xa se sabe, estes “roxos”… vagos e maleantes, como aínda din os de dereitas. Eses que levan nesta etapa facendo pinza co propio BNG fenés en contra do Alcalde e do Partido Socialista.

O problema radica en que tras máis de dúas décadas de gobernos de maioría absoluta do nacionalismo fenés, aínda non se afixeron á nova realidade, xunto con que a propia Administración fenesa segue a ser unha imaxe da propia composición interna do BNG local, sobre todo en postos administrativos clave.

O ataque a Iván é un intento á desesperada de que non se consolide a hexemonía socialista en Fene. Pero, quizais estrañara o ataque a Lalán – porque se por algo se destaca é por un exacerbado dinamismo – senón fóra porque desde a UPG ven a posibilidade de atacar a quen compatibiliza as súas funcións municipais coa Coordinación do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Quizais, agora, desde fóra tamén vexan porque na cidade de Ferrol non lle perdoan ao Coronel Paco Rodríguez o seu apoio a Reganosa.

Unha nota ao marxe: supoño que Iván, agora sabe do erro que cometeu aceptando a dimisión como edil do anterior voceiro socialista, Antón Noceda, tras os seus enfrontamentos co grupo municipal do BNG. O obxectivo do nacionalismo fenés dirixido polo upegallo Manuel Polo non era contradicir o “mal carácter” do amigo Antón, senón o propio Alcalde e o partido socialista. Por certo, que pensan os do Colectivo “Avante” do anterior Alcalde Xosé Rivera Arnoso? En todo caso, a Antón xa o víchedes onte no Diario de Ferrol (a foto é de J. Sarmiento), ao lado de Iván e José Antonio, actual voceiro socialista.

Hai tamén dentro do BNG, máis acentuado na comarca ferrolá, a idea de que están en caída libre e lles prexudica estar en coalición cos socialistas (en Pontedeume seguen a ter alcalde do PP en minoría, por isto tamén). Hai quen considera que lles iba mellor cando Fraga gobernaba e eles estaban ao fronte da oposición. Evidentemente, é máis fácil iso que gobernar.

Seguir lendo