Ramón Piñeiro tiña razón. A Autonomía foi a apertura dun camiño novo cara ao futuro. Consolidou Galicia como nacionalidade histórica e dounos o instrumento de autogoberno que xamais antes tiveramos os galegos. De feito, hoxe toda forza política representativa ou que o pretenda ser, recoñéceo.
Todo este tempo, nunha democracia española aínda non consolidada (por exemplo: dimisión de Felipe González en maio de 1979 ou a data do 23F…); que vai desde a preautonomía até a aprobación do Estatuto galego de 1980, está reflectido por Ceferino Díaz – un dos actores fundamentais desde as súas responsabilidades na dirección dos socialistas galegos – no seu libro editado por Galaxia: “A esforzada conquista da Autonomía, 1979 – 1981”, e que leva como subtítulo “Unha ollada desde o socialismo galego”; e prólogos do Presidente Touriño e de Alfonso Guerra.
Este é un libro chamado a ocupar un lugar destacado na memoria recente do País. Reflicte desde dentro o tortuoso camiño, que finalmente, dou lugar ao actual sistema político galego. Faino sen sectarismos, aportando actas, documentos e, tamén, dando entrada a outras voces do conxunto do espectro político de entón. Fronte a quen pretenden que se esqueza de onde viñan, que defendían ou pretenden reescribila para darse un protagonismo que non tiñan.
Tras a aprobación dos estatutos catalán e vasco, a dereita pretende usar Galicia como freo na construción do incipiente Estado das Autonomías. Coa axuda obxectiva de aqueles sectores contrarios, que coa súa proposta de “Bases Constitucionais” debilitaban á Galicia autonómica; Ceferino Díaz reclama como patrimonio político do país, o papel decisivo dos socialistas, pero tamén do conxunto da esquerda, tanto do PCG, como das achegas parciais e dubitativas do POG de Camilo Nogueira (que miraba de reollo aos seus competidores no campo nacionalista), así como de outras forzas menores como o PG.